Arquivos da etiqueta: transparencia

SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA PROPÓN RECUPERAR OS SERVIZOS PÚBLICOS PRIVATIZADOS

 

somosmaioriafoto

 

        Compareceron hoxe en Rolda de Prensa Gaspar González Somoza, Narda Rubianes Nogueira e Carlos Blanco García, os tres primeiros candidatos da lista de Somos Maioría Vilagarcía, para presentar o programa co cal concorrerán ás eleccións o próximo 24 de maio. En todo momento, Carlos Blanco deixou claro que “fixemos a candidatura de xeito democrático e asembleario, unha lista territorialmente diversa con persoas procedentes de distintos ámbitos e sectores profesionais, persoas unidas fundamentalmente pola necesidade de cambiar o rumbo deste concello, actualmente á deriva, e que só atende os intereses dunha parte da poboación e non da maioría, á cal todas e todas pertencemos”.

O programa é un documento que o próximo xoves estará a disposición do electorado no blog da plataforma e que foi froito do traballo de meses da asemblea, así como das achegas da cidadanía consultada a través dun cuestionario telemático.

Na súa intervención, Gaspar González, candidato á alcaldía de Somos Maioría Vilagarcía, sinalou que é un documento con tres eixos fundamentais que son a “participación, transparencia e benestar social”. Do mesmo xeito, Narda Rubianes Nogueira recalcou a importancia do seu Código Ético, facendo fincapé na non duplicidade de cargos, na limitación de mandatos e o rexeitamento de privilexios, tratos  ou agasallos con devolución dos mesmos de xeito público.

PARTICIPACIÓN

En canto ao primeiro, Somos Maioría Vilagarcía propón a creación de tres consellos de participación e decisión cidadá: o Consello Veciñal, o Consello Económico e Social e o Consello de Cultura e Patrimonio. “Cremos que é necesaria a partipación democrática e directa das persoas nas decisións que se tomen no noso concello” sinalizou Gaspar González “porque só así acaderemos unha Vilagarcía de todas e de todos”.

TRANSPARENCIA

A transparencia é a insignia programática de Somos Maioría Vilagarcía e defenden dúas cuestións claves. Primeiro, a recuperación de servizos públicos privatizados cunha análise polo miúdo dos contratos asinados co fin de ver cales se poden anular para recuperar servizos básicos. Segundo, a publicación na páxina web do concello de todas as actas dos Plenos, Xuntas de Goberno e Comisións Informativas, dos ingresos recibidos pola persoa que ostente a alcaldía, membros do goberno e concelleiros, así como a publicación de todas e cada unha das partidas orzamentarias.

BENESTAR SOCIAL

Como explicou Gaspar Gónzalez, “procúrase unha intervención global, con estratexias baseadas nunha diagnose das distintas necesidades co fin de prever, paliar e corrixir situacións de necesidade, marxinación, exclusión e violencia” e, entre moitas medidas, destaca a creación dunha bolsa de vivenda en aluguer con axudas para xente que sofre violencia de xénero, desafiuzamentos, risco de exclusión social e xente nova que queira independizarse.

En definitiva, Somos Maioría Vilagarcía aposta por “un modelo de cidade na que a participación e a decisión cidadá sexa a nosa meta, apostando pola recuperación dos espazos públicos e dos servizos sociais”, tal e como sinalou Gaspar González.

info@vilagarcia.somosmaioria.org