Arquivo da categoría: Sen categorizar

Noxo!

A palabra é esa: noxo. Ese vocábulo é o que expresa o sentimento que manifestamos as cidadás e cidadáns de Vilagarcía ante a última agresión da dirección de Lantero aos dereitos máis elementais dos seus traballadores.

Ante a unión dos empregados, ante a paciencia estoica que amosan e coa que responden ás afrentas por parte da dirección, esta ameaza con presentar un E.R.E. máis duro e aínda ten o descaro de inventar unha escusa peregrina para despedir a Jesús López, presidente do Comité de Empresa. E o peor de todo e que tal despido, a día de hoxe, aínda non lle foi notificado ao propio traballador, que soubo do mesmo pola prensa. Non é só que estean cometendo unha nova inxustiza desde a dirección, senón que ademais están dando unha mostra de inhumanidade absoluta.

E mentres, os traballadores seguen aí, loitando polos seus dereitos contra a chuvia, contra o frío, enfrontándose a unha dirección á que lle debía caer a cara de vergonza polo que está facendo, unha dirección que atopa, xa non só nos traballadores de Lantero, senón en toda a xente de Vilagarcía, un sentimento que se pode resumir nunha frase ben clara: Dan vostedes noxo!

Somos Maioría as persoas que desexamos que esta situación surrealista remate pronto, que as reivindicacións dos traballadores teñan cabida no ideario dun equipo de dirección decimonónico e que acabe dunha vez este pesadelo que vive o tecido industrial en Vilagarcía.

Ánimo, Jesús! Ou todos ou ningún!