Arquivo da categoría: Sen categorizar

S.O.S. CANDIDATURA UNITARIA !!

As candidaturas de unidade veciñal que convocamos o encontro do pasado 25 de outubro en Compostela, dende a modestia das nosas dimensións, máis dende o coñecemento a pé de obra dunha realidade social e política, así como das expectativas da veciñanza dos nosos concellos, consideramos que chegar ao día 20 de decembro con dúas listas auto definidas como galegas, unitarias e que no substancial defenden o mesmo, sería un fracaso político de consecuencias incalculables, a maiores da frustración xerada para moitos anos.

Nós non saberíamos explicarlle as nosas veciñas e veciños os matices das diferenzas, se as houber, e moito menos xustificar semellante fracaso. É por iso que insistimos en que nin podemos, nin queremos, manternos ao marxe deste proceso, porque somos conscientes da repercusión que o seu resultado vai ter na nosa veciñanza e en toda a cidadanía galega.

Reiteramos o chamado ás dúas iniciativas cidadás (Iniciativa pola Unión e Encontro por unha Marea Galega), así como ás organizacións políticas nacionalistas e de esquerda a concretar con urxencia UNHA ÚNICA CANDIDATURA GALEGA. Asemade, manifestamos tamén a nosa vontade de achegar o noso traballo, tanto na construción como no éxito da mesma, e a nosa disposición a participar naqueles foros, encontros, etc. cuxos obxectivos sexan acadar a unidade.

Galiza, 30 de outubro de 2015.

 

“Manifesto Miñor”-Gondomar

“Somos Cabanas”-Cabanas

“Chantada-CUP”-Chantada

“Movemento Salceda”-Salceda de Caselas

“CUP-Agromar”-Sober

“Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén”-Pazos de Borbén

“Xinzo Adiante”-Xinzo de Limia

“Riada do Tea”-Ponteareas

“Somos Fene-CUP”-Fene

“Somos Maioría Vilagarcía”-Vilagarcía de Arousa

 

S.O.S. Candidatura Única Galega – EVITEMOS A FRUSTRACIÓN

As representacións das candidaturas  veciñais de vocación municipalista, reunidas en Santiago de Compostela no día de hoxe, consideramos que ante a convocatoria de eleccións á Cortes do próximo 20 de decembro non podemos, nin queremos, manternos ao marxe; pola contra somos conscientes  da enorme influencia que o seu resultado vai ter na nosa veciñanza e en toda a cidadanía galega.

E por iso que:

1º.- Atrevémonos a ESIXIR responsabilidade, xenerosidade e un último esforzo tanto ás iniciativas cidadás (Iniciativa pola Unión e Encontro por unha Marea Galega) como aos partidos políticos  nacionalistas e de esquerda para concretar UNHA CANDIDATURA  GALEGA  que serva de expresión política da maioría social agredida, do dereito democrático a decidir e para asegurar unha ampla presenza dun grupo galego nas Cortes españolas.

2º.- Expresar que as candidaturas veciñais hoxe reunidas e que asinamos este chamado expresamos a vontade de achegar o noso traballo tanto na construción como no éxito da CANDIDATURA GALEGA.

3º.- Animamos ao resto das candidaturas de Unidade Veciñal do País a participar nesta tarefa, tan necesaria coma urxente, de construirmos entre todo@s  esa ferramenta que cidadanía demanda e  Galiza necesita.

Compostela a 25 de outubro de 2015

S.O.S. CANDIDATURA GALEGA

As candidaturas veciñais e/ou de unidade veciñal, aínda tendo un carácter e vocación abertamente municipalista non podemos, nin queremos, ficar caladas ante un proceso de tanta transcendencia como as próximas eleccións xerais. Somos conscientes do seu carácter extraordinario e da enorme influencia que o resultado das mesmas vai ter na nosa veciñanza e en toda a cidadanía galega. E por iso que:

1ª.- Atrevémonos a ESIXIR responsabilidade política e un último esforzo tanto ás iniciativas cidadás (Iniciativa pola Unión e Encontro por unha Marea Galega) como aos partidos políticos implicados nas mesmas para concretar UNHA ÚNICA CANDIDATURA GALEGA que serva de expresión política da maioría social agredida e do dereito democrático a decidir para asegurar unha ampla presenza dun grupo galego nas Cortes españolas.

2ª.- Moitas das candidaturas que asinamos este chamado estamos presentes en concellos medianos ou pequenos e expresamos a vontade de achegar o noso traballo tanto na construción coma no éxito da CANDIDATURA GALEGA.

3ª.- Para concertar esta nosa vontade de achegar forzas e demandar respostas das iniciativas e partidos políticos, é polo que convocamos unha reunión en Santiago de Compostela o vindeiro domingo, 25 de Outubro, ás 11hs no Hotel Apostol Santiago, e á que tamén serán convocadas as devanditas plataformas: Iniciativa pola Unión e Encontro por unha Marea Galega. Únete a este último esforzo !! Galiza, outubro de 2015.

Convocan: “Manifesto Miñor”-Gondomar; “Movemento Salceda”-Salceda de Caselas; “Xinzo Adiante”-Xinzo de Limia; “CUP-Chantada”-Chantada; “Somos Maioría Vilagarcía”-Vilagarcía; “CUP-Agromar”-Sober; “Riada de Ponteareas”-Ponteareas; “Alternativa Veciñal de Fornelos”-Fornelos; “Somos Fene”- Fene; “Somos Cabanas”-Cabanas.

Carteis Falsos

10526022_389920537824707_7829581255827967542_n

Véñense observando desde hai uns días polas paredes de determinadas rúas de Vilagarcía estes carteliños feitos en boletos de quiniela ou similares.

Descoñecemos por completo a orixe e o obxectivo desta campaña, pero desde logo, nada ten que ver co grupo de asinantes do manifesto Somos Maioría na nosa vila.

Este grupo fixo un par de pegadas de carteis anunciando o acto de presentación pública do manifesto, o pasado 30 de outubro, e non volveu, de momento, poñer ningún outro cartel.  No caso de facelo, nunca sería en lugares onde estea prohibida a colocación de anuncios de ningunha clase.  Polo tanto, agradecémoslle(s) de antemán á(s) persoa(s) responsable(s) da colocación  destes que non o volva(n) facer en lugares prohibidos. Igualmente, agradecemos a boa vontade de colaboración na difusión do manifesto Somos Maioría, pero preferimos que tal vontade pase por asistir ás asembleas de asinantes e achegar nelas as súas ideas, que han ser benvidas.