Arquivo da categoría: Actos Públicos

Todas e todos somos Lantero, contra cans e pistolas!

Manifestación Lantero 6 novembro 2014 1

Este pasado xoves 6 de novembro, demostrando que somos unha vila solidaria, a cidadanía de Vilagarcía tomou as rúas para manifestarse pola defensa dos postos de traballo, pero especialmente do colectivo de traballadores de Lantero.

Unha marea de xente fixo un percorrido por varias rúas baixo unha chuvia e un vento que non daban tregua, pero que non foron quen de frear esta manifestación que tivo o seu momento máis importante nunha ateigada Praza da Peixería, onde se xuntaron os colectivos de traballadores e traballadoras manifestantes (Lantero, Cuca, persoal de ambulancias, etc.) e onde viron o apoio que lles amosaron as cidadás e os cidadáns de Vilagarcía de Arousa.

Alí tomaron a palabra os representantes dos traballadores de Lantero, que agradeceron o apoio de Vilagarcía e demostraron o seu bo talante, mesmo cando desde a empresa os acusan tan inxustamente. A frase dun dos representantes,  despois de case un mes de folga e de acampamento ás portas da factoría,  é un verdadeiro lema desta reivindicación: “Contra os cans e as pistolas, nós respondemos con aplausos“.

Ánimo, compañeiras e compañeiros, sabedes que contades co apoio de Vilagarcía, porque para isto, coma para tantas cousas, SOMOS MAIORÍA!

Tamén somos maioría apoiando a prensa local!

10606252_382800008536760_63896475455413408_n

Porque unha sociedade sen información non sería unha sociedade; porque xa abonda de pechar medios de comunicación, de manipulalos…

Porque queremos que as traballadoras e traballadores dos medios vexan remunerado o seu labor cun salario digno, no que se reflictan as horas extraordinarias que fan cada día, e sobre todo cun salario pagado sen demoras continuas.

Porque cremos que os medios de comunicación locais son os que,  por seren máis cercanos, poden reflectir dun xeito moito máis fidedigno as novas que se producen máis preto.

Por todo iso é polo que chamamos á cidadanía de Vilagarcía e de todo o Salnés a mobilizarse contra unha situación insostible no Diario de Arousa, onde a xente que alí traballa leva uns atrasos nos cobros imperdoables, onde o E.R.E. ao que está sometido o cadro de persoal provoca problemas económicos graves.

Esta mañá, a solidariedade que caracteriza á cidadanía de Vilagarcía ante casos así levou a que se producise unha boa mostra de apoio aos traballadores e traballadoras do Diario de Arousa nunha concentración que, contra vento e marea, tivo lugar na Praza de Galicia. Xornalistas doutros medios, representantes políticos e de colectivos sociais, así como xente a título particular, apoiamos coa nosa presenza as reclamacións que se fixeron nesa concentración.

Desde Somos Maioría Vilagarcía queremos facer un chamamento á poboación de Vilagarcía para que siga participando nestas concentracións se, por falta de solución a este problema por parte da empresa, se volvesen convocar.

Vilagarcía, 3 de novembro de 2014.

ACTO DE PRESENTACIÓN DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Imaxe: Rubén Domínguez

Tal e como se anunciara nos medios, o pasado xoves 30 de outubro tivo lugar na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía o acto de presentación pública do movemento Somos Maioría Vilagarcía.

O acto contou coa presenza de Mar Catarina Serantes e Miguel Pernas, dúas das persoas que promoveron e foron das primeiras en asinar o manifesto, e de Gaspar Somoza, membro de Somos Maioría Vilagarcía.

En primeiro lugar falou Mar Catarina Serantes, que fixo un breve resumo das actividades iniciais do movemento, principalmente centrada no seu ámbito de traballo, que son as redes sociais. Así mesmo, tamén deu a súa visión do manifesto deste o punto dunha rapaza nova, e fixo fincapé na situación laboral complicada que ten a xente da súa idade.

A continuación, Miguel Pernas deu unha visión máis centrada no ideario político do manifesto, nas súas orixes e nos motivos que levaron á súa aparición na escena política galega, onde a xente reclama cada vez máis de viva voz movementos coma Somos Maioría.

Por último, o compañeiro de Vilagarcía Gaspar Somoza fixo unha crítica á política municipal do Partido Popular e IVIL e realizou un resumo da actividade do grupo local de Somos Maioría desde a súa formación no mes de agosto.

Para rematar, houbo un debate moi participativo onde boa parte do público asistente comentou a súa visión e estableceuse un diálogo moi construtivo sobre as posibilidades de formar unha candidatura de unidade cidadá para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2015.

Presentación Pública de Somos Maioría Vilagarcía

SOMOS MAIORIA VILAGARCIA A3 CO

Somos Maioría fai a súa presentación pública o xoves 30 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Vilagarcía.

Este xoves, día 30, o actor Miguel Pernas promotor e un dos primeiros asinantes do Manifesto Somos Maioría, participará no acto de presentación pública que se vai realizar na sala de

conferencias do Auditorio.

Con este acto, SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA pretende, tal e como se expresa no propio manifesto, “promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación”.

Consideramos que en Vilagarcía, máis ca nunca, é necesaria unha confluencia cidadá para desaloxar ao PP e aos seus socios de goberno do poder municipal e darlle á propia cidadanía unha ferramenta de participación política real.

Por todo isto, convidamos á asistencia e participación no acto a todas aquelas persoas que estean interesadas en se se produza un cambio na política local de Vilagarcía.