Arquivo da categoría: Código Ético

Nóminas Concelleiro e achega do Concello ao Grupo Municipal

Achegámosvos as dúas últimas nóminas do noso representante no Concello, Gaspar Somoza, correspondentes aos meses de xuño e xullo.

Nómina Gaspar Somoza xullo 2016 Nómina Gaspar Somoza xuño 2016

Do mesmo xeito, achégase tamén a copia do último extracto bancario recibido na nosa oficina do Concello, correspondente aos 600€ que percibimos como achega para gastos do Grupo Municipal. O saldo na nosa conta actualmente é de 6.570,49€.

Achega Grupo Municipal abril 2016

PRIMEIRO ANO DO GRUPO MUNICIPAL DE SOMOS MAIORÍA

SOMOS MAIORIA PDD CO 55X55mm

Cúmprese este 13 de xuño un ano desde que Somos Maioría forma parte da Corporación Municipal de Vilagarcía de Arousa e é o momento de facer balance do mesmo, polo que se ofrece nesta entrada, en cumprimento do noso Código Ético, a publicación das nóminas percibidas polo noso concelleiro, Gaspar Somoza, pola súa asistencia ás distintas sesións plenarias e ás correspondentes comisións informativas previas ás mesmas.

Aproveitamos para volver denunciar que nos parece un gasto excesivo cargado á cidadanía que cada comisión informativa previa aos plenos (e que normalmente teñen unha duración máxima de dez ou quince minutos) se remunere coa mesma cantidade cós plenos. Reiteramos a proposta que fixemos desde a nosa chegada á Corporación Municipal: se cada pleno pode estar precedido de catro comisións informativas, non ten sentido que cada unha delas lles custe ás cidadás e aos cidadáns de Vilagarcía de Arousa máis ca unha cuarta parte do que lles custa un pleno.

NÓMINA OUTUBRO 2015

Nómina Gaspar Somoza outubro 2015

A cantidade de 770 € á que se fai referencia no apartado de retencións refírese ao cobro por transferencia realizado por decreto da Alcaldía correspondente aos cobros por asistencia a plenos e comisións dos meses de xuño, xullo e agosto. Os documentos que acreditan tal cobro son:

Retribucións xuño 2015

Retribucións xullo 2015

Retribucións agosto 2015

NÓMINA NOVEMBRO 2015

Nómina Gaspar Somoza novembro 2015

NÓMINA DECEMBRO 2015

Nómina Gaspar Somoza decembro 2015

NÓMINA XANEIRO 2016

Nómina Gaspar Somoza xaneiro 2016

NÓMINA FEBREIRO 2016

Nómina Gaspar Somoza febreiro 2016

NÓMINA MARZO 2016

Nómina Gaspar Somoza marzo 2016

NÓMINA ABRIL 2016

Nómina Gaspar Somoza abril 2016

NÓMINA MAIO 2016

Nómina Gaspar Somoza maio 2016

     En total, o noso concelleiro percibiu neste primeiro ano de exercicio a cantidade bruta de 3.630 €.

     Pola súa parte, Somos Maioría percibiu durante todo este exercicio unhas cantidades mensuais en concepto de achegas para gastos do Grupo Municipal.

     Igualmente, criticamos que estas cantidades son excesivas, pois no despacho que ten o noso grupo na Casa do Concello temos un teléfono e un ordenador con internet, polo que os gastos propios do grupo son mínimos.

    Cómpre destacar ademais que as achegas ao noso grupo ascenden a 600 euros mensuais porque os grupos municipais teñen asignada una cantidade fixa de 300 euros, aos que se suman outros 300 por cada concelleira ou concelleiro que teñan na Corporación Municipal. Así as cousas, é fácil calcular que os demais grupos municipais da corporación aínda lle supoñen á cidadanía un gasto moito máis elevado.

    Agora mesmo o saldo na nosa conta é de 5.400 €, dos cales aínda non se investiu ningunha cantidade.

25 novembro 2015 1200 euros

25 novembro 2015 600 euros

30 decembro 2015 600 euros

4 febreiro 2016 600 euros

29 febreiro 2016 600 euros

1 abril 2016 600 euros

21 abril 2016 600 euros

30 maio 2016 600 euros

    Por último, tal e como nos comprometemos no noso Código Ético, desde o primeiro momento rexeitamos os privilexios dos que gozan as concelleiras e concelleiros desta Corporación. Non admitimos nin unha soa invitación a ningún acto con reserva de entradas por parte do Concello. En moitos festivais, obras de teatro, concertos, etc. que organiza ou nos que colabora o Concello de Vilagarcía resérvanse entradas para os membros da Corporación e rexeitáronse todas e cada unha delas. Non entendemos que as concelleiras e os concelleiros deban gozar dese tipo de privilexios e naqueles casos nos que o noso concelleiro acudiu a algún deses actos fíxoo sempre a título particular e pagando a súa entrada.

Por último, cómpre destacar tamén que se agradeceron, como non podía ser doutro xeito, as invitacións das distintas asociacións veciñais e culturais a calquera acto de índole relixiosa, se ben se rexeitaron en base ao cumprimento do noso ideario político. Naqueles casos nos que o convite transmitido polo Departamento de Protocolo do Concello incluíu un contacto da asociación que organizaba, comunicouse persoalmente por parte do noso concelleiro o rexeitamento á súa participación nese tipo de actos.

CÓDIGO ÉTICO DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Entre os principios esenciais que marcan o ritmo da acción política en Somos Maioría – Vilagarcía, ocupa un lugar destacado a esixencia dun compromiso ético. Segundo a nosa declaración de principios, Somos Maioría móvese por outra maneira de facer política, da xente e para a xente: con contas claras e transparencia, sen posibilidade de acomodarse nos cargos e blindarse de privilexios, sen perder o diálogo coa cidadanía.

Para iso cómpre desprazar o concepto de poder e transformalo no de servizo: un Grupo Municipal é parte integrante desa cidadanía e débelle render contas mentres traballa polos desexos comúns.

Unha das razóns que nos levou a impulsar Somos Maioría foi a chea de corrupción que domina as institucións. Fronte a este sistema corrupto, urxe demostrar que é posible outra forma de facer política. Non entendemos o acceso aos cargos representativos como unha carreira profesional nin como un xeito de vida. Cremos na renovación e non na fosilización nos cargos. E por riba de todo, cremos na cidadanía gobernándose a si mesma.

Un código ético tal e como desexamos debe recoller unha serie de medidas para evitar o afastamento entre representantes e persoas representadas, para asegurar que as persoas que acceden aos cargos públicos fano cunha profunda vocación de servizo e non pola soa satisfacción de aspiracións persoais. Só un compromiso ético que minimice as posibilidades de corrupción garantirá unhas institucións ao servizo da cidadanía.

Establecemos tamén medidas preventivas da corrupción, como as relativas a evitar os conflitos de intereses e outras situacións que poden provocar o desvío dunha actuación política correcta. Facemos un fincapé especial nas medidas relativas á transparencia, que lle permitirán á cidadanía controlar calquera exceso por parte dos representantes institucionais de Somos Maioría – Vilagarcía

Este documento recolle un código de prácticas e accións concretas de obrigado cumprimento para as persoas que se inscriban en SOMOS MAIORÍA- Vilagarcía, ocupen ou non cargos electos, cuxa finalidade é garantir unha xestión política cercana e comprometida coa cidadanía, que ofreza mecanismos eficaces, democráticos e populares de transparencia no financiamento e rendición de contas, así como espazos reais de participación e decisión cidadá nos asuntos públicos.

Identifícanse aquí un conxunto de principios e valores que deben regular a actividade política do conxunto das persoas que se agrupan arredor de Somos Maioría – Vilagarcía. Toda persoa debe comportarse de acordo con certos principios éticos e sociais, debe velar polo bo uso dos bens públicos e ser especialmente coidadosa cos recursos públicos; debe orientar a súa práctica polos valores de eficiencia, equidade e eficacia, e ser responsable e asumir as consecuencias legais e morais das acción e omisións pasadas e presentes e debe estar disposta a dar conta delas.

Proponse estimular boas prácticas, para fortalecer a vida democrática e prestixiar, novamente , o compromiso e a actividade política.

 

PROCESO DE CONFORMACIÓN DA CANDIDATURA ELECTORAL

 

OBXECTIVOS:

  • Somos unha candidatura veciñal, polo tanto esixímonos un proceso aberto, no que poida postularse calquera persoa sempre que se concorde cos principios, código ético e condicións aprobadas pola asemblea de Somos Maioría.
  • En concordancia cos principios, debe ser un proceso participativo, e as persoas que se candidaten deben ser expostas en asemblea e ratificadas mediante votación telemática de todas e de todos os participantes na iniciativa Somos Maioría.
  • En aras da radicalidade democrática debemos respectar o principio de igualdade e de toma de decisións dende a base, polo que rexeitaremos calquera imposición de nomes ou reparto de “cotas” en base a siglas ou grupos organizados.
  • Debemos facer unha lista plural, representativa da cidadanía de Vilagarcía, fomentando a participación dos movementos sociais, culturais e veciñais que o desexen. Contaremos con persoas de diversos sectores profesionais, e cun adecuado equilibro territorial entre os diferentes núcleos urbanos e as parroquias do rural.
  • Defensa do noso patrimonio natural e cultural.
  • Utilización do galego como lingua vehicular.
  • Somos Maioría someterá os pactos previos e posteriores ás eleccións á aprobación cidadá na Asemblea.
  • Comprometémos a realizar unha campaña electoral de carácter informativo das nosas propostas limpa e respectuosa co medio e reduciremos ao máximo os gastos da mesma coa renuncia expresa ao envío de “mailing” electoral.
  • As persoas pertencentes a Somos Maioría non confundirán, no espazo público, as opinións persoais coa postura da Asemblea.

 

REQUISITOS PARA PODER SER CANDIDATA/O DE SOMOS MAIORÍA:

En cumprimento dos acordos de SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA establécese que non poderán figurar na candidatura persoas que se atopen nos supostos seguintes:

  • Persoas que estean imputadas ou condenadas xudicialmente por casos de corrupción, financiamento ilegal ou calquera outro delito relacionado coa administración pública.
  • Tampouco aquelas persoas imputadas – condenadas por delitos de violencia de xénero, violación dos dereitos laborais, homofobia ou xenofobia.
  • Persoas que na actualidade estean desenvolvendo cargos de representación política ou pública noutras administracións (NON Á DUPLICIDADE), a non ser que previamente renuncien aos mesmos.
  • Persoas que pola súa actividade presente ou pasada poidan dar lugar á creación de conflitos de intereses na representación do seu cargo ou á sospeita de querer realizar un aproveitamento persoal do mesmo.
  • Aquelas que non acepten cumprir o código ético e os principios do manifesto Somos Maioría ou someterse á avaliación dos seus cargos públicos por parte da Asemblea de Somos Maioría.

A Asemblea de SOMOS MAIORÍA estará facultada para interpretar as casuísticas concretas que se deriven destes puntos.

 

CÓDIGO ÉTICO DAS/OS CONCELLEIRAS/OS DE SOMOS MAIORÍA – E REQUISITOS PARA A CONFORMACIÓN DA LISTA

Ao mesmo tempo, para aquelas persoas que logren unha acta de concelleira/o da lista de SOMOS MAIORÍA establécense as seguintes condicións de obrigado cumprimento:

codigoeticoblog

  1. NON Á DUPLICIDADE DE CARGOS: no caso de que unha concelleira ou concelleiro de SOMOS MAIORÍA alcance un cargo de representación pública noutra administración ou parlamento – senado, deberá abandonar inmediatamente a súa acta de concelleira/o.
  2. LIMITACIÓN DE MANDATOS: establécese unha limitación de mandatos de 2 lexislaturas para todos os cargos de SOMOS MAIORÍA. Os cargos electos exercerán as súas responsabilidades durante un máximo de oito anos, o equivalente a dous mandatos completos, sexan alternos ou consecutivos. Despois deste período deberán regresar á súa actividade profesional un mínimo de cinco anos.
  3. NON AOS PRIVILEXIOS: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA rexeitarán calquera agasallo, privilexio ou trato de favor, que se lles poida ofrecer en razón do seu cargo, e comunicarán tal rexeitamento de xeito público.
  4. TRANSPARENCIA ABSOLUTA: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA farán públicas todas aquelas retribucións ou abonos que reciban polo seu cargo no Concello ou pola súa representación, e deberán deixar esta información accesible a toda a cidadanía.
  5. DECLARACIÓN DE BENS: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA comprométense a publicar a súa declaración de bens, tanto ao inicio da lexislatura como no momento en que abandonen o seu cargo.
  6. CUMPRIMENTO DO PROGRAMA ELEITORAL: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA comprométense a traballar polo cumprimento do Programa Electoral presentado.
  7. SOMETEMENTO Á ASEMBLEA CIDADÁ: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA aceptan someter o seu traballo á avaliación periódica da cidadanía e da Asemblea de SOMOS MAIORIA en Vilagarcía, que poderá obrigar ao revogamento do seu cargo.
  8. RENUNCIA INMEDIATA AO CARGO: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresa e previamente autorizada pola asemblea de Somos Maioría.
  9. SERVIZO Á CIDADANÍA: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA defenderán e aplicarán o principio da igualdade de todas as veciñas e dos veciños diante do Concello e comprométense a poñer sempre por diante na súa actuación os intereses xerais da cidadanía de Vilagarcía.

 

info@vilagarcia.somosmaioria.org