Arquivo da categoría: Sen categorizar

NO ENTROIDO, FÓRA ESTEREOTIPOS

Somos Maioría Vilagarcía de Arousa faise eco da campaña promovida polo equipo técnico da Concellería de Muller do Concello de Vilagarcía de Arousa e felicita o seu persoal pola mesma.

Nestas festas de Entroido, sumámonos á petición de que se rexeiten os estereotipos de “superheroínas” asociadas á imaxe das mulleres como “obxectos de desexo”.

Defendemos e apoiamos a idea de que superheroínas son todas as mulleres que loitan cada día contra a discriminación, que buscan a igualdade entre xéneros no seu traballo, no seu día a día. Superheroínas son as traballadoras, superheroínas son as nais, as irmás, etc., sen necesidade de que vaian vestidas do xeito que se critica no cartel que se emprega nesta campaña.

Superheroínas

 

NÓMINA DE XANEIRO DO CONCELLEIRO DE SOMOS MAIORÍA

Para seguirlle dando cumprimento ao marcado polo noso Código Ético, achégase unha copia da nómina do Concelleiro de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) correspondente ao mes de xaneiro, no que se cobra a asistencia a plenos e comisións informativas do mes anterior. Lembramos que en decembro houbo dous plenos, un extraordinario de aprobación definitiva da modificación das ordenanzas fiscais, celebrado o día 17, e o ordinario do mes, que tivo lugar o día 30.

Nómina Gaspar Somoza xaneiro

NON Á LEI DE ACUICULTURA!

Carta ao Presidente da Xunta

Na sesión plenaria ordinaria do día 28 de xaneiro de 2016 a Corporación Municipal de Vilagarcía de Arousa deulle o seu apoio unánime á proposta presentada polo Sector do Mar para esixirlle á Xunta de Galicia a retirada definitiva do Anteproxeito de Lei de Acuicultura.

Somos Maioría celebra que exista tal unanimidade entre todos os grupos políticos municipais e ofrécelle todo o seu apoio ao sector para loitar contra esta aberración de lei coa que a Xunta de Galicia quere privatizar o noso mar e poñelo a disposición das grandes multinacionais, co que se estaría asinando a sentenza de morte dun sector vital na economía galega, como é o do mar.

Son miles de persoas as que viven en Galicia do sector do mar directa ou indirectamente: mariscadoras, mariñeiros, bateeiros, industrias conserveiras, etc. Todas elas verían como se acaba co seu labor desenvolvido durante tantos anos en favor de grandes explotacións de multinacionais que ademais de traer a ruína económica para o noso país, traerían tamén a ruína ecolóxica para o noso mar.

Achegamos aquí o modelo de solicitude dirixida ao Presidente da Xunta para que proceda á retirada do anteproxecto de Lei de Acuicultura para que o descarguedes e asinedes. O futuro do noso mar está ameazado e hai que frear este despropósito canto antes. Compartide o documento! Unha vez asinado, pódese presentar polo Portelo Único da Xunta de Galicia, no Rexistro Xeral do Concello de Vilagarcía de Arousa, por exemplo. Se preferides, tamén nola podedes facer chegar deixándoa asinada na Portería do Concello e facemos nós o resto dos trámites.

POSICIONAMENTO DE SOMOS MAIORÍA SOBRE A PROPOSTA DE ORZAMENTOS 2016

Este é o documento de valoración do noso grupo sobre a proposta que fixeron desde o Goberno Local para os Orzamentos Municipais de 2016. Este texto foi o que se lles entregou a todas as forzas políticas da Corporación para xustificar o noso voto negativo ante o que consideramos unha proposta de orzamentos que nada ten que ver coa idea que defendemos nós desde o comezo. Somos Maioría sempre avogou pola imlantación de Orzamentos Participativos, nos que a xente tivese o poder de decisión sobre o destino do diñeiro que achega co pago dos seus impostos. A proposta que fixo o Partido Socialista sitúase nun punto diametralmente oposto ao que constitúen realmente uns Orzamentos Participativos e polo tanto nós opoñémonos a esa proposta, que o Partido Socialista presenta practicamente pechada, e así o imos manifestar no Pleno Ordinario do xoves 28 de xaneiro no que se vai debater e votar dita proposta.

SOMOS MAIORIA PDD CO 55X55mm

SOMOS MAIORÍA REXEITA A PROPOSTA DE ORZAMENTO PRESENTADO POLO PSOE PARA VILAGARCÍA DE AROUSA

          A Asemblea de SOMOS MAIORÍA Vilagarcía (PDDdG), logo de analizar o proceso e  documentación entregada polo equipo de Goberno ao respecto da proposta de Orzamento municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa para o presente ano 2016, quere manifestar a súa valoración:

SOMOS MAIORÍA Vilagarcía (PDDdG) ten que rexeitar a Proposta de Orzamento presentada, tanto polas formas nas que se elabora e pretende aprobar este documento, coma polo fondo e contido do mesmo. Basicamente podemos dividir a crítica en 3 aspectos fundamentais:

A) NON CUMPREN NIN OS MÍNIMOS REQUISITOS QUE SE PIDEN PARA UNS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.

En campaña electoral todos os grupos falan de participación, de contar coa veciñanza. O PSOE falaba do Concelleiro 22, pero logo chega a hora de elaborar o Orzamento e non se conta con ninguén e preséntase unha proposta practicamente cerrada.

Non se convoca o Consello Veciñal para estudar as necesidades das parroquias. Tampouco o Consello Económico e Social ou a Mesa do Comercio para posibles iniciativas destinadas á creación de emprego e desenvolvemento económico. Tampoco outros axentes económicos e sociais da nosa vila para elaborar unha proposta orzamentaria.

En SOMOS MAIORÍA defendemos a implantación duns Orzamentos Participativos e esta proposta non cumpre nin os mínimos esixidos. Non se aprecia unha vontade de fomentar a participación das veciñas e dos veciños por parte do Goberno Local.

B) OS FEITOS E A TRAXECTORIA DENDE A TOMA DE POSESIÓN ATA A ACTUALIDADE TAMPOUCO AXUDAN PARA QUE SOMOS MAIORÍA PENSE SEQUERA NA POSIBILIDADE DE FACILITAR A SÚA APROBACIÓN.

Para Somos Maioría, avalar este Orzamento suporía dar por boas as políticas e acordos que o Goberno Local realizou dende a toma de posesión ata agora.  Facémoslle ao PSOE unha proposta simple: a reconsideración do número e asignacións económicas das liberacións aprobadas co Grupo Municipal do Partido Popular no Pleno Organizativo.  Todo isto supón máis de 435.000 € do peto de todas e de todos.

C) CRITICAMOS O CONTIDO DOS ORZAMENTOS: rexeitamos que se pretenda endebedar máis o Concello. Esiximos un Plan de aforro dos Gastos Correntes e que se estude a posibilidade de remunicipalizar algúns dos servizos externalizados e un investimento meirande en creación de emprego ou atención social.

Sobre o contido dos Orzamentos queremos sinalar algunhas cuestións:

  1. Nos Orzamentos preténdese aprobar unha nova operación de crédito por un importe de 650.000 €.
    • NON ESTAMOS DE ACORDO CON SEGUIR AUMENTANDO O ENDEBEDAMENTO DO CONCELLO, situado a finais de 2015 en 12.580.818,03 €
    • Por riba diso, cando se revisan as propostas para as que se destinaría este novo crédito, comprobamos como dos 650.000 €, máis de 220.000 € son para aplicacións informáticas e cuestións de xestión administrativa municipal. Podemos entender a necesidade de adquirir estes equipos pero defendemos que os recursos deben saír dos fondos propios do Concello e non hai que solicitar un crédito para iso.
    • Non se pode explicar como se presenta un orzamento de máis de 26.000.000 de euros, dos cales máis de 15.000.000 son achegados directamente pola veciñanza a través dos impostos e taxas, e non se é quen de facer unha xestión dos recursos que permita non ter que recorrer a operacións de crédito.
    • Esta política conleva tamén o aumento da previsión de gastos financeiros, que se eleva en case 40.000 € con respecto ao previsto en 2015, pois pasan de 217.000 € a máis de 256.000 €.
  1. Aumento descontrolado das partidas de Gastos Correntes:
  • En 2015 orzamentáronse 9.542.497 € no capítulo 2 de Gastos Correntes. En 2016, o equipo de goberno propón 10.259.492 €, é dicir, 716.994,73 € máis.
  • Está proposta ten que ver con que xa en 2015 se excederon as partidas, e chegaron a gastarse 9.949.000 €. Isto significa que practicamente máis do 40% do total orzamentado se vai en gastos correntes e imprevistos.
  • Este aumento dos gastos correntes ten o seu contraste claro co capítulo  de  investimentos reais, que se reduce en máis de  800.000 €.
  • Chámannos moito á atención algunhas partidas de gastos correntes, que relacionamos a continuación:
    • Enerxía eléctrica instalacións          943.341,36 €
    • Iluminación pública                               774.126,20 €
    • Combustibles e carburantes           149.566,28 €
    • Vestiario                                                          62.000,00 €
    • Outros subministros                               78.437,94.€
    • Telecomunicacións                                125.049,80 €
    • Envios postais                                             96.000,00 €
    • Atencións protocolarias                       20.100,00 €
    • Publicidade e propaganda                   52.900,00 €
    • Gastos xurídicos                                        64.875,03 €

 O importe destas partidas, sobre todo dalgunhas claramente descontroladas, bate de fronte coas cantidades irrisorias que figuran noutras:

  • Plan de Prevención contra a Droga        1.018,00 €
  • Normalización lingüística                             1.000,00 €
  • Arquivo Histórico Municipal                      1.000,00 €

 Dende SOMOS MAIORÍA propoñemos un Plan de Aforro dos Gastos Correntes que permita unha mellor xestión e contar con máis recursos para “redistribuír” noutras partidas máis necesarias vinculadas á creación de emprego, á atención social ou incluso a investimento.

  1. Non se contempla a posibilidade de estudar a remunicipalización dalgún dos servizos que o Concello de Vilagarcía ten externalizados.
  • Nese sentido tamén nos chama á atención o elevado custo da Xerencia de Urbanismo: 633.280 €. SOMOS MAIORÍA solicita que se estude se é posible conseguir un aforro económico coa posibilidade da supresión da Xerencia e volver á xestión do urbanismo a través dun departamento municipal.
  1. O Capítulo de Orzamentos denota a falta de ideas para a vila no seu conxunto:
  • Chaman á atención as escasas cantidades destinadas realmente a sectores produtivos ou a cubrir as necesidades reais das veciñas e dos veciños. Tamén as poucas partidas que se destinan a Vilaxoán, Carril e ás diferentes parroquias do rural de Vilagarcía de Arousa.
  • Tamén botamos en falta unha partida para dar cumprimento á moción de SOMOS MAIORÍA aprobada polo Pleno da Corporación no sentido de rehumanizar algunhas prazas e zonas peonís co repoboamento de árbores e dotandoas de maior zona verde.
  1. Finalmente, gustaríanos que existise unha partida destinada a catalogar e protexer o patrimonio histórico e cultural de Vilagarcía de Arousa, coa inclusión dun proxecto para a realización dun Museo da Historia da vila. E tamén o aumento das partidas destinadas a incentivar a creación cultural da xente nova e das distintas asociacións existentes.

Vilagarcía de Arousa, 20 de xaneiro de 2016.