Todolos artigos de: Somos Maioría Vilagarcía de Arousa

ORZAMENTOS 2017: PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA

Unha vez analizada en asemblea a documentación recibida o pasado luns, día 20, da proposta que fai o Grupo Socialista como borrador dos Orzamentos Municipais de 2017, Somos Maioría entende que se poden redistribuír mellor moitas das partidas, o que permitiría destinar máis de 1.000.000 € ás necesidades reais das nosas veciñas e veciños sen ter que recorrer á suba de impostos ou a endebedar aínda máis o noso Concello coa solicitude dun novo crédito bancario. Así, a nosa proposta, remitida onte ao grupo de goberno, así como aos voceiros de todos os grupos municipais, é a que se explica a continuación.

PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA PARA A MELLORA DOS ORZAMENTOS DE 2017

1. Ruptura dos acordos do “Pacto de Cidade”

Rebaixa dun mínimo dun 20% nas asignacións de cargos e órganos de goberno (plenos e comisións), que suman un total de 348.580,56 €. Esta medida significaría un aforro de 69.716 € que poderían destinarse a partidas de iniciativas veciñais ou de apoio á creación de emprego.

2. Mellor xestión orzamentaria e de gastos de partidas do capítulo de Gastos Correntes

Aforro enerxético en iluminación pública, enerxía eléctrica, combustibles, telecomunicacións, etc.: que permitiría liberar aproximadamente 306.000 € para destinar a accións de atención social, situacións de urxencia social, xuventude ou cultura.

3. Revisión e axuste de “remanentes” en partidas de persoal: en 2016 case 1.000.000 €

Non se poden “rachar” as negociacións co persoal e alegar que non hai fondos para atender as súas demandas, pois en 2016 quedou sen aplicar case 1.000.000 € en remanentes de partidas de persoal, entre elas unha partida de 91.295 € para aboar o complemento dos domingos á Policía Local, que en 2016 só chegou a 8.781 €, menos dun 10%. Consideramos necesario revisar todo o orzamento de persoal e habilitar partidas para atender demandas do comité de empresa xa contempladas, como os pluses de nocturnidade e urxencias, domingos, etc. ou a contratación das prazas de administrativo e da Policia Local solicitadas. Con isto, aínda sobrarían remanentes para dedicar, por exemplo, a iniciativas de fomento do emprego e apoio a emprendedores.

4. Revisión e estudo da remunicipalización de contratacións e servizos externalizados

Por exemplo, o aforro do 5% en partidas para a limpeza de edificios municipais suporía case 40.000 €.

5. Estudo do aforro dos custos da Xerencia de Urbanismo se a súa función se realizase directamente desde o Concello

O orzamento previsto para a Xerencia de Urbanismo no 2017 supera os 512.000 €. Un aforro de custos dun 10% suporía aproximadamente 50.000 € máis dos que disporían as veciñas e os veciños.

Con todas estas medidas entendemos que se poden redistribuír aproximadamente 1.000.000 € do seguinte xeito:

  • 200.000 € para o aumento ou creación das seguintes partidas:

 

  • Actividades de acción social, para cubrir as necesidades sociais existentes na nosa vila.

 

  • Atención aos problemas de acceso / aluguer de vivenda, ou de gastos da mesma (luz, auga, calefacción, mantemento…) destinadas a familias con problemas económicos.
  1. Actividades para a xuventude.

  1. 150.000 € para o aumento ou creación das seguintes partidas:

a) Axudas á contratación.

b) Creación dunha Caixa de financiamento local: axudas a emprendendores e ao pequeno comercio.

c) Estudo da creación dun viveiro de empresas.

3. Aumento en 25.000€ da partida de actuacións de promoción turística:

A promoción turística de Vilagarcía esta baixo mínimos e cómpre darlle un impulso, o que redundaría na economía local. En 2016 orzamentaronse só 5.000 € pero logo gastáronse bastantes máis.

4. Aumento da partida de promoción de actividades culturais en 20.000 €:

Actualmente cifrada en 5.000€, e redución do mesmo importe das partidas de publicidade – propaganda, e comunicación e imaxe institucional (de, respectivamente, 29.000€ e 9.000€).

5. Aumento ou creación de partidas por valor de 25.000€ para subvencionar actividades de asociacións culturais, veciñais e deportivas:

Con esta medida pretendemos descentralizar e achegar a acción cultural e deportiva ás diferentes parroquias.

6. Aumento do capítulo de Investimentos en máis de 140.000 euros:

Tal cantidade, que figuraba na proposta inicial de novembro destinaríase preferentemente aos núcleos de Vilaxóan e do Carril, tendo en conta que as partidas do Plan Concellos da Deputación se van destinar preferentemente ás parroquias do rural.

7. Atención ás demandas do Comité de Empresa:

Con cargo ao explicitado no punto de Revisión de Remanentes de Persoal.

OUTRAS CONDICIÓNS PARA “FACILITAR” A APROBACIÓN

DOS ORZAMENTOS DE 2017:

  1. Creación dunha comisión específica para concretar e definir os proxectos nos que investir os Fondos FEDER:

Propoñemos a creación desta Comisión. Somos Maioría xa achega como idea que deben ir destinados preferentemente á recuperación e posta en valor do PATRIMONIO CULTURAL E PATRIMONIAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA, incluíndo a idea de crear un MUSEO DA HISTORIA DE VILAGARCÍA, para o cal cumpriría reordenar algúns dos usos dos edificios municipais do centro da vila, incluíndo a cesión ao Concello da Comandancia.

  1. Orzamentos Participativos:

Somos Maioría segue a defender a necesidade de establecer mecanismos de participación veciñal para a elaboración dos Orzamentos, polo que entendemos que, cando menos, antes da aprobación definitiva dos mesmos, deberíanse convocar determinados órganos consultivos: Consello Veciñal, Consello Económico e Social, Consello da Cultura, etc., para presentárllelos e escoitar as súas suxestións.

  1. Transparencia:

A aprobación dos Orzamentos debe ir ligada á creación do Portal de Transparencia do Concello, en cumprimento da Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración.

Vilagarcía de Arousa, a 21 de febreiro de 2017.

Información sobre o acto público “Por unha Marea na Vila”

En pasados días dous medios de comunicación locais fixéronse eco do acto público que se vai celebrar mañá venres denominado “Por unha Marea na Vila”.

Ademais disto, e por decisión única e exclusivamente tomada por estes medios e non corroborada polo interesado, mencionouse que o noso concelleiro, Gaspar Somoza, estivera participando en reunións previas de preparación deste acto, compromentendo deste xeito as siglas de Somos Maioría.

Por todo isto, queremos deixar constancia de que Gaspar Antonio González Somoza SI ASISTIU A ALGÚN ENCONTRO dos que mencionan eses medios de comunicación pero fíxoo UNICAMENTE A TÍTULO PARTICULAR, sen estar en ningún momento en representación de ningunha forza política, asemblea cidadá nin ningún outro tipo de organización daquelas ás que pertence.

Por parte do noso concelleiro quérese deixar claro aquí tamén que cando foi convidado a asistir a esas reunións, fixo constar claramente a súa vontade de facelo, como se dixo antes, a título unicamente particular, sen ir en nome de ningunha asociación, grupo político, etc., igual có resto de persoas participantes neses encontros.

Como concelleiro, Gaspar Somoza ten o seu compromiso UNICAMENTE  con Somos Maioría e durante a presente lexislatura todo o seu traballo político será en representación desta formación e do Grupo Político Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG).

MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA SOBRE O SERVIZO DE PUBLICACIÓNS DO CONCELLO

Na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, celebrada este pasado xoves 24, saíu aprobada por unanimidade a moción presentada polo noso grupo na que se solicitaba que o Concello de Vilagarcía de Arousa volvese poñer en marcha o seu Servizo de Publicacións. Achégase o texto da moción que defendeu o noso concelleiro.

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN POR PARTE DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA DO SEU SERVIZO DE PUBLICACIÓNS

Son moitas as persoas veciñas de Vilagarcía de Arousa que dispoñen dun potencial literario enorme pero que pola contra non dispoñen dos medios económicos para lograr que o seu labor se visualice como cómpre. Poetisas, monologuistas, ensaístas, historiadores, etc. merecen un impulso ao seu traballo e que no caso de que non poidan facer fronte ao custo que conleva a publicación da súa obra sexa o Concello quen faga visibles as distintas obras que estas creadoras e creadores poden ofrecernos a todas e a todos.

Desde Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG), en cumprimento dos ideais manifestados no noso programa electoral no tocante á defensa e promoción da cultura local -defensa e promoción das que as institucións públicas deben ser as primeiras defensoras- solicitamos que o Concello de Vilagarcía de Arousa poña en marcha novamente o seu Servizo de Publicacións, actualmente en estado de letargo.

Entendemos que a contía que pode supoñer a reposición deste servizo non debe ser elevada, pois non habería que botalo a andar partindo de cero, senón simplemente recuperar o seu funcionamento.

Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) proponlle ao Pleno da Corporación Municipal o seguinte

ACORDO:

1· O Concello de Vilagarcía de Arousa, a través da súa Concellería de Cultura, procederá á recuperación do Servizo de Publicacións do Concello, para que sirva de plataforma de lanzamento de artistas que, no eido da creación literaria, desenvolven o seu labor na nosa vila.

2· O Servizo de Publicacións do Concello de Vilagarcía de Arousa servirá tamén para lle facer visibles ao público aquelas escolmas de textos que desde distintos colectivos culturais e literarios promoven dos diferentes certames ou encontros que realizan.

3· O Servizo de Publicacións proverá de exemplares das obras editadas aos fondos públicos locais do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do día 26 de outubro de 2016

Unha vez aprobada na asemblea realizada o 23 de novembro de 2016, achégase a Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do pasado 26 de outubro.

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas cinco persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 26 de outubro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.

2. Preparación da sesión plenaria do xoves 27 de outubro de 2016.

3. Situación actual da subvención económica polos gastos da Campaña Electoral 2015.

4. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 15 de setembro, apróbase a mesma por parte de todas as persoas asistentes.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte de todas as persoas participantes na reunión, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de outubro:

  • APROBACIÓN DA SOLICITUDE DE COMPATIBILIDADE DUN PROFESOR DO CONSERVATORIO: a favor.

  • APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO Nº 03/REC/2016: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA SOBRE A CONTRATACIÓN DE SEGUROS DO CONCELLO: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE DE APOIO ÁS VÍTIMAS DO ALVIA: a favor con críticas á actitude cínica do PSOE neste asunto.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE PARA A DOTACIÓN DE DESFIBRILADORES NOS CENTROS DE ENSINO: a favor con solicitude de que se realicen cursos de formación para o seu emprego.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG SOBRE A MELLORA DA HUMANIZACIÓN DA RÚA VISTA ALEGRE: a favor, incidindo na reposición da fonte existente e na desratización da rúa na súa zona máis próxima ao Río do Con.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 27:

    • PREGUNTA sobre se xa houbo resposta por parte da empresa concesionaria do “Vaibike”.

    • PREGUNTA pola información solicitada no tocante á Sala Rivas Briones.

    • PREGUNTA polas medidas tomadas polo Concello para o repoboamento arbóreo aprobado por unha moción de Somos Maioría.

    • ROGO polo amaño inmediato da marquesiña da parada de autobuses da Avenida de Cambados á altura das Pistas.

3. Por parte de Ramón Mouriño, representante ante a Xunta Electoral de “Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdG)”, partido instrumental co que se presentou as eleccións SOMOS MAIORÍA – VILAGARCÍA, infórmase de que xa se recibiu a 1ª parte da subvención correspondente aos resultados das Eleccións Municipais do ano 2015, concretamente un 81% do total correspondente. A cantidade, que ascende a 5.095,27 €, foi ingresada na conta electoral de Somos Cabanas e correspóndese coa subvención pertencente a todos os concellos nos que as candidaturas do PDDdG obtiveron representación. Explica que agora o proceso para poder devolver as cantidades achegadas por simpatizantes durante a campaña será abrir unha conta ordinaria do partido instrumental, que non se puido abrir antes por ser preciso realizar uns cambios de responsabilidades na xestora provisional do mesmo, e transferir esa cantidade á conta. A partir de aí, hai que revisar a documentación, facer o reparto entre todas as localidades e restar os gastos comúns. Posteriormente solicitarase a cada localidade o listado de préstamos que hai que devolver e as contas para facer as transferencias. Ramón estima que se poderán facer os pagos antes de finais de novembro, pero non sabe se no caso concreto de Vilagarcía, a parte correspondente ao 81% ingresado chegará para devolver todos os préstamos. El será o encargado de facer esas xestións e informará.

Tamén informa de que unha vez aberta a conta ordinaria nacional, esta poderá utilizarse para gastos das candidaturas dos diferentes concellos á parte das dos correspondentes grupos municipais. Temas como ingreso de achegas de concelleiros ou simpatizantes e pagos de accións dos grupos locais poderán canalizarse a través desta conta corrente para o que se habilitará un protocolo de autorización de gasto.

Finalmente coméntase un correo electrónico enviado por Bernarda Rubianes sobre o tema dos gastos realizados en precampaña e os da campaña electoral que non entraron na subvención electoral. Sobre este apartado, o concelleiro Gaspar González reitera a súa vontade de aboar estes gastos con cargo á súa asignación por asistencia a plenos e comisións. Previa presentación dos xustificantes de gasto, el asumiría o aboamento dos mesmos.

Non habendo rogos nin preguntas, sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:25 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 26 de outubro de 2016.

Nómina do noso concelleiro e achega ao Grupo Municipal

Coma cada mes, achegámosvos a copia da nómina percibida polo noso concelleiro en concepto de asistencias a plenos e comisións informativas correspondente ao pasado mes de novembro.

nomina-novembro-gaspar-somoza

Do mesmo xeito, achégase tamén copia do documento contable no que figura a achega mensual de 600 euros en concepto de axudas ao Grupo Municipal de Somos Maioría  (PDDdG). Neste momento, na nosa conta bancaria existe un saldo positivo de 8.38,49€, tralo ingreso municipal e o cobro de comisións bancarias polo mantemento da conta.

achegas-grupo-municipal-novembro-2016

 

Coma cada mes, achegámosvos a copia da nómina percibida polo noso concelleiro en concepto de asistencias a plenos e comisións informativas correspondente ao pasado mes de outubro.

 

DataWindow

Do mesmo xeito, achégase tamén copia do documento contable no que figura a achega mensual de 600 euros en concepto de axudas ao Grupo Municipal de Somos Maioría  (PDDdG). Neste momento, na nosa conta bancaria existe un saldo positivo de 8.370,49€.

achegas-grupo-municipal-outubro-2016

DataWindow

Do mesmo xeito, achégase tamén copia do documento contable no que figura a achega mensual de 600 euros en concepto de axudas ao Grupo Municipal de Somos Maioría  (PDDdG). Neste momento, na nosa conta bancaria existe un saldo positivo de 7.770,49€.

achegas-grupo-municipal-setembro-2016