Arquivo da categoría: Prensa

Somos Maioría Vilagarcía nunca solicitou o aval de ningún partido político dos que hoxe actúan en Vilagarcía

Ante a noticia aparecida hoxe nos medios de comunicación sobre o que pode parecer a petición dun posible aval á nosa candidatura por parte dun dos partidos políticos que actúan no noso Concello, co fin de evitarlle á cidadanía confusións ou malos entendidos, Somos Maioría-Vilagarcía quere manifestar o seguinte:

Somos Maioría é unha candidatura de unidade cidadá, nacida ao abeiro do manifesto que 50 galegos e galegas de distinta procedencia asinaron o pasado verán, para promover e alentar candidaturas cidadás plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación e transformación e co denominador común da defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta.

Somos Maioría-Vilagarcía naceu a finais de agosto coa intención de artellar unha plataforna cidadá plural para gobernar este concello. A día de hoxe, despois de moitas asembleas e xuntanzas coa veciñanza e con distintos colectivos, xa temos elixido en votación telemática o noso cabeza de lista, Gaspar Antonio González Somoza. Tamén foi aprobado do mesmo xeito o Código Ético que vincula a todos os membros de Somos Maioría, incluídas/os as/os nosos futuras/os representantes no Concello. Froito das xuntanzas, das achegas en asembleas e dunha enquisa que aínda se pode cubrir vía internet, temos a piques de rematar o noso programa electoral, así como o grupo de persoas que será quen de levalo adiante no Concello. Todos os membros de Somos Maioría participan deste proxecto de xeito individual, son soberanos. Cremos na democracia participativa e non representativa que se limita a votar cada catro anos.

Somos Maioría – Vilagarcía nunca solicitou o aval de ningún partido político dos que hoxe actúan en Vilagarcía, nin tampouco das súas cúpulas organizativas. Será a cidadanía que queira construír unha Vilagarcía diferente cunha forma nova de facer política a que nos dará o seu aval, o único válido para nós, o día das eleccións.

 

info@vilagarcia.somosmaioria.org

Nota de Prensa Sobre os Plenos Extraordinarios de Vilagarcía

Diario de Arousa, 29 de decembro de 2014IMG_0959

O pasado 28 de decembro, ante a nova publicada na prensa na que se daban as cifras do que nos pode supoñer ás vilagarciás e aos vilagarciáns a celebración de ata tres plenos extraordinarios para tratar os orzamentos de 2015, envióuselles aos medios de comunicación a seguinte nota de prensa, que tivo a súa maior repercusión no Diario de Arousa, onde publicaron a mesma de maneira moi fidedigna respecto do texto que recibiron pola nosa parte e que a sacaron no destacado que se pode apreciar na fotografía.

O texto completo da nota de prensa era o seguinte:

Somos Maioría culpa a Tomás Fole do malgasto derivado dos plenos extraordinarios de xaneiro

O grupo local de Somos Maioría manifesta o seu malestar no tocante ao gasto causado pola celebración de plenos extraordinarios en Vilagarcía

Ante a publicación en prensa do gasto de 10.000 € que lles poden supoñerás arcas municipais os plenos extraordinarios nos que se traten as alegacións aos orzamentos de 2015, Somos Maioría manifesta que ese gasto ten un único culpable, que é o Sr. Alcalde, Tomás Fole, quen volve demostrar a súa incompetencia á hora de dirixir o Concello e convoca un Pleno Extraordinario avisando os grupos da oposición tan só con catro horas de antelación. Ante iso, debido a que non se presentaron as ditas alegacións, vaise realizar, polo menos, un novo pleno en xaneiro no que se traten orzamentos.

Somos Maioría quere destacar que ese tema é demasiado importante como para tratalo “polo aire” nun pleno que non se convocou en tempo e forma, polo que critica que se teñan que malgastar os cartos de todas e de todos nunhas sesións extraordinarias que se puideron evitar. Así mesmo, destaca tamén que todo isto prodúcese nun concello no que a cidadanía ten que pagar por calquera trámite burocrático, polo que as cantidades investidas na celebración destes plenos ben se podían destinar ao gasto social, cultura, ou, por exemplo, a eses trámites polos que pagamos decote.

Desde Somos Maioría esixímoslles ás forzas de goberno un meirande rigor político e que esas sesións plenarias de xaneiro se convertan nunha soa, co que se evitaría tal despilfarro de cartos públicos.      Vilagarcía de Arousa, 28 de decembro de 2014.

Nota de Prensa sobre os acordos da última asemblea

Logtipo Somos Maioría

  • Somos Maioría Vilagarcía comprométese a crear un Consello Veciñal para dar voz e escoitar as demandas da cidadanía.
  • Propoñemos a implantación dos “orzamentos participativos” na xestión económica do Concello.
  • Somos Maioría acordou solidarizarse cos Traballadores de LANTERO e apoiar as súas demandas.

Somos Maioría segue a traballar no obxectivo de tentar a configuración dunha candidatura cidadá en Vilagarcía de Arousa de cara ás próximas eleccións municipais.

Na última xuntanza realizada, puxéronse en común os resultados dos encontros que membros de Somos Maioría tiveron con representantes de varias entidades veciñais. Unha queixa común que expresaron todas foi a desatención da que son obxecto por parte da Alcaldía e do Partido Popular. “Máis dun ano sen recibir resposta por parte do equipo de goberno ás súas solicitudes de xuntanza”, “Compromisos que non se cumpren”, “Falta de atención ao mantemento mínimo das infraestruturas”, etc., son algunhas das queixas que transmitiron os representantes das asociacións. En resumo: “O Sr. Fole goberna dándolles as costas aos seus propios veciños”.

Na asemblea de Somos Maioría analizáronse as demandas concretas destes colectivos para ver como intruducilas no programa que se está a elaborar. Entre as propostas que se incluirán queremos destacar dúas:

CREACIÓN DUN CONSELLO VECIÑAL PARA DAR VOZ E PARTICIPACIÓN Á CIDADANÍA

En Somos Maioría consideramos de importancia vital crear canles que permitan o contacto entre o Concello e a cidadanía. Nese sentido é fundamental escoitar as propostas e demandas das entidades veciñais á hora de coordinar ou acordar accións. Cómpre ter unha vía de comunicación permanente, para que se trasladen as necesidades de cada barrio ou lugar e tamén para que o Concello informe das actuacións que vai realizar en cada sitio.

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Propoñemos a implantación desta metodoloxía, co obxectivo de lograr a participación directa da cidadanía para poder establecer as súas demandas e preocupacións principais da xente e incluílas no orzamento anual da cidade, dándolles prioridade ás máis importantes e realizando un seguimento dos compromisos adquiridos. Asentaríase deste xeito a idea dunha cidadanía activa e participativa na marcha da cidade e conseguiríase que a xestión pública fose algo no que as veciñas e os veciños poidamos non só participar, senón tamén decidir. É un proceso aberto a todo o mundo que posibilita a participación directa, mellora a comunicación entre a administración e a xente e engade transparencia e eficiencia á xestión municipal.

En Somos Maioría temos o convencemento de que o futuro da política pasa precisamente pola implicación de toda a cidadanía e estamos convencidos que de ser así evitaríase gastar cartos en asfaltados, mobiliario, varandas ou obras prescindibles neste momento, mentres as auténticas necesidades das persoas nestes tempos de crise xeralizada seguen sen estar atendidas.

Somos Maioría segue a traballar na elaboración de ideas para o seu programa e tamén continúa solicitando xuntanzas con outras asociacións e entidades do Concello para escoitar e atender as súas demandas e propostas. Animamos á participación de todas e de todos na iniciativa Somos Maioría, anotándose na web µwww.vilagarcia.somosmaioria.org§ e colaborando nos traballos e xuntanzas que estamos realizando.

APOIO AOS TRABALLADORES DE LANTERO

Na última asemblea tamén se acordou facer pública a nosa solidariedade cos traballadores de Lantero na loita que están a levar para que non haxa despidos e para que non se devalúen as súas condicións de traballo.

Todo o que se pode expresar con respecto á actitude dos xestores da empresa é pouco: unha falta total de respecto polas persoas que contribuíron co seu traballo diario a que esa firma sexa o que é hoxe; ameazas e intentos de división dos traballadores, actitudes que só se poden cualificar como de “escravistas”, etc. Non se pode entender como se poden destinar fondos dos que se lles negan aos traballadores a pagar un “exército” de seguridade para protexer, non a empresa, senón os directivos da mesma.