Arquivo da categoría: Actas das Asembleas

Acta da Asemblea de Somos Maioría do 17 de decembro de 2014

  O pasado 17 de decembro, no Seminario 1 do Auditorio de Vilagarcía tivo lugar a que foi a última asemblea do ano 2014 de Somos Maioría Vilagarcía, conforme á seguinte
 ORDE DO DÍA
1. Informacións varias (xuntanzas con colectivos, asociacións, etc. e pegadas de carteis).
2. Debate e achegas para un novo punto dun posible programa electoral sobre a sustentabilidade.
3. Rogos e preguntas.
Antes de afondar no primeiro punto punto fíxose un pequeno resumo do trabalo feito ata agora por haber xente que asistía por primeira vez ás xuntanzas.
Xa dentro do punto 1, falouse da xuntanza que tivemos o 15 de decembro con  Cáritas, na súa sede en Vilagarcía, onde por parte desa organización se presentou moi polo miúdo a situación actual dos distintos servizos de asistencia social que ofrecen en Vilagarcía e na súa área de influencia. Igualmente, dentro deste mesmo punto, deuse conta da nova reunión que se tivo co BNG para falar das eleccións municipais de maio deste ano.
No segundo punto, debateuse un primeiro bocexo sobre o tema da sostibilidade para o programa electoral. Nun debate moi construtivo que durou ata o final da asemblea, e no que por falta de tempo non se entrou no eido da economía, deseñáronse cinco apartados necesarios para lograr un Concello sostible e que se poden poñer en práctica de lograr participación no vindeiro goberno municipal.
Non houbo rogos nin preguntas.
Acordos da Asemblea:
. Comezar en xaneiro a concretar os puntos do programa electoral así como a elaboración da candidatura.
. Marcouse como límite a primeira quincena de marzo para ter todo elaborado.
. Continuar coas entrevistas previstas e pendentes de realizar.
. Tratar na vindeira xuntanza, os aspectos programáticos referentes á  Cultura e á Educación.

Acta da Asemblea do 3 de decembro de 2014

O pasado mércores 3 de decembro tivemos unha nova asemblea de asinantes do manifesto Somos Maioría en Vilagarcía de Arousa. Dita xuntanza, celebrada na Sala de Prensa do Auditorio, celebrouse coa seguinte orde do día:

1. Dar conta dos cumprimentos dos acordos da xuntanza anterior.              1.1. Participación do Acto sobre as Mareas Cidadás organizado por Podemos.                                                                                                                                            1.2. Xuntanza co Bloque Nacionalista Galego.                                                        1.3. Pegada de carteis coas campañas dos Orzamentos Participativos e do Consello Cidadán.                                                                              1.4. Nota de Prensa sobre os acordos da xuntanza anterior.

2. Propostas de novas reunións e de novas campañas.                                          2.1. Outros colectivos para solicitar reunión con eles.                                      2.2. Texto “Pola Rexeneración Democrática nos Concellos do Salnés”.

3. Rogos e preguntas

No primeiro punto fíxose unha valoración moi positiva da imaxe que deu o representante de Somos Maioría no acto organizado por Podemos.  Igualmente positiva foi o resumo da xuntanza co BNG, que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade absoluta, se ben non houbo ningún acordo polo que o BNG se vaia unir ao movemento Somos Maioría, pois os seus representantes teñen decidido que van concorrer ás vindeiras eleccións de maio baixo as siglas “BNG, Asembleas Abertas”; non obstante, comentouse igualmente a vontade por parte desa formación política de volver ter reunións semellantes nun futuro. Dentro deste primeiro punto, deuse conta tamén da pegada dalgúns carteis da campaña a prol dos orzamentos participativos e amosáronse na asemblea os distintos carteis que xa se pegaran con anterioridade. Por último, comentouse a escasa repercusión que tivera nos medios a última nota de prensa que se lles enviara, que se viu reflectida unicamente no Diario de Arousa.

De momento non se puideron realizar as reunións coa Presidenta de Zona Aberta, pois houbo que adiar a xuntanza por coincidir a data elixida cun acto a prol dos traballadores de Lantero. Do mesmo xeito, estamos á espera de recibir confirmación por parte do Presidente de Cáritas Arousa para ter tamén unha reunión con el.

2. No segundo punto propúxose ter reunións cun representante do colectivo de vendedoras e vendedores da praza e cun representante da asociación “Arousa en Bici”.

Ademais destas reunións, o máis destacado como proposta de traballo foi a posta en común dun texto para repartir polos concellos do Salnés nos que haxa representación de Somos Maioría: Cambados, Ogrobe, Ribadumia e Vilagarcía.

Por último, dentro deste punto propúxose tamén comezar a traballar no seguinte punto para o programa electoral, referido á sostibilidade.

3. En rogos e preguntas comentouse a posibilidade de ter un día fixo para as xuntanzas e convocar as mesmas previa comunicación dos puntos da orde do día para facilitar o seu debate.
ACORDOS DA ASEMBLEA:
  • Coas próximas entrevistas a colectivos, dar por pechada esta fase que comezou en setembro e centrarnos xa no desenvolvemento dun programa electoral.
  • Acordar un día para pegar os carteis que faltan.
  • Facer achegas por correo electrónico á proposta do texto da rexeneración democrática.
  • Participar na nova manifestación dos traballadores de Lantero, así como nas concentracións de apoioa ás traballadoras e traballadores do Diario de Arousa.
  • A partir do Nadal, fixar un día para as xuntanzas e dalo a coñecer publicamente para favorecer que se poida achegar máis xente a participar nas asembleas.

Sen máis asuntos por tratar, pechouse a asemblea ás 22:00 horas.

Asemblea de Somos Maioría – 13 de novembro de 2014

O pasado xoves 13 de novembro, ás 20:00 h., celebrouse no Auditorio de Vilagarcía unha nova asemblea local das persoas asinantes do Manifesto Somos Maioría en Vilagarcía de Arousa.

A asemblea realizouse arredor da seguinte

ORDE DO DÍA

1. Avaliación do acto público de presentación do 30 de outubro.

2. Información sobre as conversas cos distintos colectivos e partidos políticos.

3. Rogos e preguntas.

Antes de comezar a asemblea, un dos asistentes comentou a posibilidade de mudar as xuntanzas para os mércores pola imposibilidade de asisitir en xoves. Acordouse preguntar a través do mail polo día  máis axeitado para facilitar a asistencia do maior número de asinantes posible. 

Igualmente, polo feito de contar coa presenza de xente que aínda non asistira a ningunha xuntanza, fíxose un resumo das reunións e dos actos nos que participara Somos Maioría desde a súa aparición en Vilagarcía en agosto.

1. Avaliouse o acto da presentación pública moi positivamente, tanto pola asistencia ao mesmo, como pola cantidade de preguntas que se lle fixeron aos membros da mesa.

2. Informouse das últimas xuntanzas con colectivos, da asistencia ao acto das ANPAS de alumnado con diversidade funcional, así como da conversa mantida con membros de Podemos. Destacouse tamén que aínda non foi posible ter unha entrevista con Compromiso por Galicia pois dita formación non ten militancia organizada en Vilagarcía. Polo que respecta ao Espazo Ecosocialista, ao día da asemblea, aínda non contestaran ao convite.

 3. Neste punto falouse do convite feito a Somos Maioría para participar nunha mesa redonda con outros colectivos que están tamén impulsando candidaturas cidadás

ACORDOS DA ASEMBLEA

  • Continuar cos contactos con distintas asociacións. En canto aos partidos políticos, comezarase a partir de agora coas reunións coas formacións políticas que xa teñen representación no Concello. Propúxose tamén solicitar unha reunión co responsable local de Cáritas, co colectivo Arousa en Bici e coa asociación de comerciantes.
  • Aprobouse a proposta de dar a coñecer o noso traballo e o noso ideario político na rúa mediante unha campaña sinxela en papel para poder chegar dese xeito a xente que non é habitual das redes sociais e a Internet.
  • Elaborar unha nota de prensa informativa e de solidariedade cos traballadores de Lantero.
  • En canto á participación no acto público sobre os movementos cidadáns ao que está convidado Somos Maioría, decidiuse participar na mesa redonda e propúxose que quen participe sexa unha persoa que o faga en representación de todas as asembleas locais de Somos Maioría na Comarca do Salnés.

Sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 21:50 h.

 

 

Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do 9 de outubro de 2014

ACTA DA ASEMBLEA

Celebrada o día 9 de outubro de 2014 na Sala de Prensa do Auditorio de Vilagarcía, coa presenza de persoas asinantes do manifesto de Vilagarcía, Vilanova e A Illa de Arousa, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

  1. Información sobre os contactos mantidos coas distintas asociacións veciñais e formacións políticas.
  2. Recollida de propostas para a creación do programa electoral dunha posible candidatura de unidade cidadá para as Eleccións Municipais de 2015.
  3. Presentación pública do movemento en Vilagarcía da man dalgunha das primeiras persoas en asinar o manifesto “Somos Maioría”.
  4. Rogos, preguntas e suxestións.

1.  Como se acordara anteriormente, comezáronse os contactos con asociacións veciñais para coñecer in situ e da man das persoas residentes nas distintas parroquias as problemáticas que lles afectan. Enviáronse cartas de presentación solicitando unha cita e houbo resposta por parte da AA.VV. da Torre, onde asinaron o manifesto varios membros da directiva da mesma. Do mesmo xeito, unha representación da Asociacion de Veciños da Escardia manifestou a súa disposición para ter dita cita e poñer en coñecemento as problemáticas da zona. Queda pendente a resposta doutras asociacións coas que se mantiveron contactos (Vilaxoán, Rubiáns, etc.). Así mesmo, púxose en coñecemento da asemblea que se enviaran correos electrónicos solicitando unha reunión con partidos políticos que aínda non teñen representación municipal en Vilagarcía. Así, no momento da asemblea, estase á espera da resposta de Podemos e do Espazo Ecosocialista Galego.

2. No canto de facer xa unha recollida de propostas, optouse por facer primeiramente unha división por áreas de traballo: Asuntos Sociais, Cultura, Educación, Medio Natural, Obras, Patrimonio, Publicidade Institucional e Transparencia.

3. Proponse a data do 30 de outubro para realizar unha presentación pública do movemento Somos Maioría coa presenza dalgunha das 50 primeiras persoas que asinaron o manifesto.

4. Non hai rogos, preguntas nin suxestións.

ACORDOS DA ASEMBLEA

1. Continuar os contactos coas asociacións veciñais e ir ampliando os mesmos a Asociacións Culturais, ONGs e asociacións de autónomos e comerciantes.

2. Acordouse facer un cubrimento da demanda nesas áreasde traballo con achegas individuais e dos colectivos cos que contactemos.

3. Acordouse solicitar a Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía para o acto de presentación pública e comezar os contactos con algunhas das persoas que o asinaron no primeiro momento.

Sen máis asuntos por tratar,  rematou a asemblea ás 22:00 horas.

NOVAS MEDIDAS ACORDADAS

Na asemblea celebrada o pasado venres 19 de setembro, acordamos seguir facendo un chamamento á cidadanía vilagarciá a participar neste proxecto e seguir ampliando o número de asinantes do manifesto para ter dese xeito unha base sólida na que poder asentar e darlle forma a unha posible candidatura cidadá para a vindeira cita electoral de maio de 2015.

Como complemento a isto, acordamos comezar unha rolda de contactos coas distintas asociacións veciñais, culturais, etc. existentes no noso concello para coñecer de man das veciñas e veciños de Vilagarcía as problemáticas concretas que poida ter cada un deses lugares. Desde o noso punto de vista, non se pode caer no erro de chamar ás asociacións para falar detes temas e esperar a que sexa unha representación das mesmas a que veña a nós a comentar ditas carencias: os problemas hainos que coñecer in situ para lles buscar solución e lograr así ademais que a xente de cada lugar teña a posibilidade de participar no que consideramos que é o xeito máis correcto de implicarse politicamente, pois temos claro que é moito máis ilusionante para a veciñanza poder participar na creación dun programa electoral real, que vaia directamente a atallar os problemas, e non só optar cada catro anos polos programas que, desde as distintas formacións políticas, nos ofrecen cando se achegan uns comicios.

Acordouse ademais manter contactos tamén coas distintas forzas políticas de Vilagarcía, se ben de xeito escalonado, pois imos comezar primeiramente por aquelas que de momento non teñen representación municipal: Anova, CxG, Equo, Espazo Ecosocialista e Podemos.