Arquivo da categoría: Actos Públicos

Pechado por Folga

10414396_1384287715212148_7119566948642626433_n

Así é. Hoxe Somos Maioría quen apoiamos a folga dos traballadores e das traballadoras do Diario de Arousa, sumámonos á súa indigación.

Haberá quen negue a existencia da folga, haberá quen obvie a concentración, haberá quen pida que non se reflicta esta situación nos outros medios de comunicación… Pero a reacción da xente, o apoio ás reivindicacións destas traballadoras e destes traballadores é innegable.

Durante todo o día está pasando xente de Vilagarcía e dos arredores pola carpa que hai na Praza de Galicia, unha carpa na que quen se achegue poderá recibir en primeira persoa a información sobre a situación real na que se atopa este colectivo, onde vai poder coñecer toda a verdade.

Ademais disto, ás 20:00 hai unha concentración na mesma praza para reivindicar uns postos de traballo dignos, para reclamar o pago dos salarios adebedados, para esixir que remate dunha vez o abuso de horarios, de inxustizas…

Desde esta pequena ventá ao mundo, hoxe, como diciamos, Somos Maioría as persoas que berramos ben forte: PECHADO POR FOLGA!

Folga no Diario de Arousa

IMG_6040

O que esperabamos que non tivese que acontecer, vai acontecer…

O vindeiro venres, 23 de xaneiro, as traballadoras e os traballadores do Diario de Arousa van ir á folga para reclamar, unha vez máis, os salarios que lles adebeda a empresa editora do xornal, para reclamar o cumprimento dos seus horarios, para reclamar, en definitiva, un posto de traballo digno.

Alén desa xornada de folga, fan un chamamento a toda a cidadanía de Vilagarcía a participar nunha nova concentración que se vai realizar na Praza de Galicia, diante do edificio onde está a redacción do xornal, ás 20:00 dese mesmo día.

Somos Maioría as persoas que queremos que as e os profesionais dos medios de comunicación poidan traballar nunhas condicións dignas, por iso alí habemos estar, sumando forzas para reclamar xustiza ante unha situación insostible.

Ánimo, compañeiras e compañeiros!

Concentración ante o Diario de Arousa

Concentración Diario de Arousa do 19 de decembro de 2014

Esta tarde, unha vez máis, fomos maioría as cidadás e os cidadáns de Vilagarcía que nos sumamos ás reinvindicacións que o cadro de persoal do Diario de Arousa fixo na concentración convocada diante do mesmo xornal para as 16:00 horas.

As traballadoras e os traballadores deste diario, que desenvolven o seu labor coa mesma profesionalidade de sempre, levan meses reclamando o que por lei lles corresponde; ante os abusos, ante os incumprimentos por parte da empresa que edita o xornal, seguen loitando e, por suposto, contan co apoio da cidadanía de Vilagarcía de Arousa e dos arredores.

Houbo na concentración desta tarde representantes de varios partidos da oposición, pois como esta reinvindicación non sae nos medios e non “dá votos”, a representación do Partido Popular brillou pola súa ausencia.

Cómpre destacar que a esta chamada se uniron representantes das traballadoras de Cuca e dos traballadores de Lantero, que viñeron dar o seu apoio e demostraron que hai unión entre a cidadanía, que os distintos colectivos que reinvindican melloras nos seus traballos tamén teñen un oco para apoiar as demandas dos demais.

Vaian desde aquí os nosos parabéns para todas e todos os participantes nesta concentración e os nosos ánimos para ese equipo de traballo que segue loitando contra esta inxustiza e contra estes abusos.

Diario de Arousa, solución xa!

Cartel Concentración Diario de Arousa 19 decembro 2014

Este venres 19, ás 16:00, as traballadoras e os traballadores do Diario de Arousa volveranse concentrar na Praza de Galicia, na porta do diario no que traballan, pero do que non cobran axeitadamente desde hai meses.

Polo tanto, desde Somos Maioría animamos a toda a cidadanía de Vilagarcía a sumarse a esta nova concentración para esixirlle á empresa unha solución inmediata a este problema para que o seu cadro de persoal reciba os salarios que se lle adebedan desde hai tanto tempo.

Acto Público sobre as Candidaturas de Unidade Cidadá

Acto Moito por Percorrer 28 novembro 2014

Este pasado venres, 28 de novembro,  Somos Maioría participou nun acto público coordinado por Podemos Arousa, englobado no grupo de charlas organizado por esta formación baixo o nome “Moito por Percorrer”, e que versaba nesta ocasión sobre as candidaturas de unidade cidadá que están xurdindo nos últimos tempos.

Ademais de Somos Maioría, que estivo representada dun xeito magnífico polo noso compañeiro de Ogrobe Ricardo Garrido Caneda, participaron no acto a Marea Atlántica da Coruña, a Marea de Pontevedra e a plataforma Ourense en Común.

Foi un acto ameno, estruturado e ben dividido por tempos controlados polo moderador, no que os representantes dos diferentes movementos achegaron as súas ideas sobre o nacemento deste tipo de agrupacións cidadás e sobre a función que poden desenvolver as mesmas nun futuro a curto prazo. Malia coincidir temporalmente con outros actos celebrados en Vilagarcía de Arousa, a asistencia ao mesmo foi aceptable, cunha participación aproximada de corenta persoas.

O noso representante fixo unha exposición moi ben documentada sobre os movementos cidadáns noutros tempos e na actualidade; así mesmo, deixou ben claro que  Somos Maioría non naceu simplemente con vontade de participar nas vindeiras eleccións municipais en determinadas vilas ou cidades galegas, como fan os outros movementos alí presentes, senón que naceu con vontade de estenderse por todo o país e ser unha ferramenta de cambio efectivo da política, que é o que demanda a cidadanía, farta da deturpación do sistema político actual.  Somos Maioría as mulleres e os homes que queremos cambiar as cousas. Fagámolo!