Todolos artigos de: Somos Maioría Vilagarcía de Arousa

ESTADO DE CONTAS DO GRUPO MUNICIPAL E NÓMINA DO CONCELLEIRO 5 DE OUTUBRO DE 2017

Coma cada mes, achegamos as copias dos documentos acreditativos da nómina percibida polo noso concelleiro en concepto de asistencia a plenos e comisións informativas, así como da achega que o Concello realiza para gastos de mantemento do grupo municipal. Neste último caso, con esta achega, a conta presenta un balance positivo de 4.766,20€

 

MESES ANTERIORES

Recibidos os dous documentos acreditativos, achéganse copias da nómina do noso concelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas (correspondentes ao mes de setembro de 2017) así como o xustificante da última achega do Concello de Vilagarcía de Arousa para gastos de mantemento do Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) do mes de xullo.

 

Recibidos os dous documentos acreditativos, achéganse copias da nómina do noso concelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas (correspondentes ao mes de agosto de 2017) así como o xustificante da última achega do Concello de Vilagarcía de Arousa para gastos de mantemento do Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) do mes de xuño.

Con esta achega, o saldo na conta bancaria do Grupo Municipal a día 13 de setembro de 2017 ascende a 3.566,20€.

 

 

Unha vez recibido o documento acreditativo da achega do Concello de Vilagarcía de Arousa, subímolo aquí. Correspóndese coa achega para gastos de mantemento do mes de maio.

Como xa se dixo, o saldo actual na conta do Grupo Municipal é de 2.366,20€.

Unha vez máis, achegámosvos copia da última nómina que percibiu o noso concelleiro, que se corresponde coas dietas que recibe por asistir a sesións plenarias e a comisións informativas, neste caso do mes de xullo:

Ademais disto, á espera de recibir o documento acreditativo da achega mensual de 600€ que recibe o noso Grupo Político Municipal, xa vos adiantamos que a día de hoxe o saldo na conta é de 2.366,20€. Dito documento acreditativo desa achega subirase así que se reciba.

Coma cada mes, achegámosvos a copia da última nómina percibida polo noso concelleiro correspondente ás dietas por asistencia ás sesións plenarias correspondentes, así como ás comisións informativas, neste caso do mes de xuño.

Do mesmo xeito, achegamos tamén o documento xustificativo da achega económica que mensualmente recibe o noso Grupo Municipal por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa e que desta volta corresponde ao mes de abril. Actualmente, o saldo na nosa conta bancaria ascende a 2.366,20€.

 

 

 

 

 

 

Achégase copia da última nómina percibida polo noso concelleiro en concepto de asistencia a plenos e comisións informativas, correspondente ao mes de maio de 2017.

Do mesmo xeito, achégase tamén o xustificante da última achega realizada polo Concello de Vilagarcía de Arousa ao Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) para gastos de mantemento.

 

 

MARZO 2017

Unha vez realizada a devolución ao en forma de doazón á Concellería de Servizos Sociais, a nosa conta no banco presenta un balance positivo de 600€, despois da última achega ingresada polo Concello de Vilagarcía de Arousa.

Coma sempre, deixámosvos aquí unha copia do xustificante bancario de tal achega, así como da nómina do noso Concelleiro, correspondente ás dietas que recibe por asistencia a plenos e comisións informativas.

Unha vez recibidas as últimas nóminas do noso concelleiro, pendentes de envío por parte do Departamento de Persoal do Concello de Vilagarcía, achegamos copia das mesmas.

Corresponden aos meses de decembro de 2016 e de xaneiro e febreiro de 2017:

Polo que respecta ao estado da conta do Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG), despois do último ingreso mensual de 600€, o saldo actual é de 10.738,49€.

Ante a imposibilidade legal de facer doazóns a asociacións benéficas, nos próximos días vaise proceder a presentar no Concello un balance das contas, como require o propio Servizo de Intervención Municipal, e no banco unha orde de reintegro, feito que se repetirá de maneira regular durante o resto da lexislatura.

En Somos Maioría Vilagarcía entendemos que os gastos do Grupo Municipal son mínimos, pois contamos cunha oficina na Casa Consistorial que dispón de todo o necesario para o funcionamento do Grupo -ordenador con conexión á Internet e impresora, teléfono fixo e todos os consumibles que proporciona o Concello-, polo que queremos que o diñeiro que imos acumulando na nosa conta volva ás arcas municipais e que as veciñas e os veciños de Vilagarcía de Arousa poidan contar con eses cartos para outras necesidades máis importantes.

ABRIL 2017: ACHEGA MUNICIPAL E NÓMINA DO CONCELLEIRO

Coma cada mes, achégase unha copia do documento bancario xustificativo da achega que o Concello de Vilagarcía de Arousa lle fai ao noso Grupo Político Municipal, cuxa conta presenta na actualidade un balance positivo de 1.200 €.

Ademais disto, achégase tamén a copia da última nómina recibida polo noso concelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas.

NON AOS CIRCOS CON ANIMAIS!

O programa electoral de Somos Maioría Vilagarcía de Arousa ten un capítulo ben claro no que fala de TRATO ÉTICO DOS ANIMAIS e que, textualmente, di:

· Prohibiranse os actos ou espectáculos que non garantan un trato ético dos animais.

· O Concello non subvencionará actividades baseadas no sufrimento dos animais.

· Non permitiremos que nas nosas instalacións se leven a cabo actividades violentas ou crueis contra os animais.

Por todo isto, a nosa formación non pode aceptar a presenza na nosa vila de ningún espectáculo circense no que aparezan animais, tanto pola súa participación no propio circo coma polas condicións nas que habitualmente se teñen os mesmos.

Ante esta situación, Somos Maioría quere manifestar o seu apoio á decisión tomada en Xunta de Goberno Local ao comezo da presente lexislatura na que se declara Vilagarcía de Arousa como unha vila libre deste tipo de espectáculos e concorda co feito de que se tomen todas as medidas legalmente posibles para evitar a súa instalación e difusión públicas.

CIRCOS SI, PERO SEN ANIMAIS!

10.738,49€

10.738,49€, esa é a cantidade que a nosa formación lle devolve ao Concello de Vilagarcía de Arousa en forma de doazón para que se AMPLÍE A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA DA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS.

Onte, algúns membros da nosa formación deron unha rolda de prensa para facer público o noso xesto para así cumprir coa decisión tomada en asemblea e coa esperanza de que algún outro grupo político tome medidas semellantes.

Cómpre lembrar que Somos Maioría ingresa ao mes 600€ por ter un único concelleiro, pero os demais grupos ingresan cantidades que multiplican proporcionalmente esta cifra (BNG 900€, EU 1.200€, PP 2.400€ e PSdG-PSOE 2.700€). Todo iso suponlles ás arcas municipais, que nos encargamos de encher todas e todos, a impoñente cifra de 7.800€ ao mes.

Se nos paramos a pensar, todos os grupos municipais temos á nosa disposición no Concello de Vilagarcía de Arousa un despacho totalmente equipado (teléfono, conexión á Internet, todos os consumibles, etc.) polo que non entendemos que se teñan que dedicar tales cantidades aos Grupos Políticos Municipais.

Estes son os documentos que se presentaron no Rexistro Xeral do Concello xustificando a transferencia bancaria e solicitando que se destine o diñeiro a AMPLIAR A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA DA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS.

Agora, só nos queda esperar que cunda o exemplo…

 

ACTA DA ASEMBLEA ORDINARIA DO 23 DE NOVEMBRO DE 2016

Unha vez aprobada na seguinte asemblea ordinaria, celebrada o día 1 de marzo, publícase a acta da asemblea anterior, celebrada o 23 de novembro de 2016

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas cinco persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 23 de novembro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
2. Preparación da sesión plenaria do xoves 24 de novembro de 2016.
3. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 26 de outubro, apróbase a mesma por parte de todas as persoas asistentes.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte de todas as persoas participantes na reunión, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de outubro:

  • APROBACIÓN DO REAXUSTE DE ANUALIDADES PARA AS OBRAS DO MERCADO DE ABASTOS: a favor.

  • APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE DE MODIFICACIÓN DE SALDOS INICIAIS: a favor.

  • APROBACIÓN DO CONTRATO DE ARRENDAMENTO ENTRE ADIF E O CONCELLO DE VILAGARCÍA: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG POLO PROGRAMA APEGO: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG DE APOIO AOS TRABALLADORES DO MAR: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PP POLO CAMPO DE FAXILDE: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PP POLA ROTONDA DE ENTRADA AO HOSPITAL DO SALNÉS: en contra. Esixirlle ao Ministerio de Fomento que constrúa a rotonda e que adecente a vía antes de solicitar a súa titularidade por parte do Concello.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PP POLOS PICTOGRAMAS: a favor se aceptan a emenda de corrección para cambiar o termo “discapacidade” por “diversidade funcional” no texto do acordo.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA POLO SERVIZO DE PUBLICACIÓNS DO CONCELLO: a favor.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 24:

    • ROGO sobre a corrección inmediata do número de teléfono da Área de Igualdade na web do Concello de Vilagarcía.

    • PREGUNTA sobre se xa houbo resposta por parte da empresa concesionaria do “Vaibike” para o emprego da lingua galega nas máquinas expendedoras de tarxetas.

    • PREGUNTA por se aseguradora xa contestou sobre o amaño inmediato da marquesiña da parada de autobuses da Avenida de Cambados á altura das Pistas.

    • PREGUNTA por se o Regato do Facho entra nas actuacións que vai realizar Augas de Galicia.

Non habendo rogos nin preguntas, sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:35 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 23 de novembro de 2016.