A CIDADANÍA DECIDE

Di a canción que o “povo é quem mais ordena” e en Somos Maioría entendemos que así debe ser. Polo tanto, temos o convencemento de que ten que ser a maioría social deste país a que decida. Por iso mesmo, o pasado domingo 7 de setembro reunímonos en Compostela asinantes de Somos Maioría provenientes da maioría das comarcas do País.

Tal e como estaba previsto, o encontro serviu para intercambiar opinións e experiencias do que ata o de agora se leva feito e da boa acollida que está a ter o manifesto nas redes sociais.

Persoas de distintos concellos tamén informaron da marcha de iniciativas de candidaturas de unidade cidadá que se están a desenvolver e da ilusión que espertan na cidadanía.

Na orde práctica, todas as persoas alí presentes concordamos en:

  1. Facer un chamamento ás persoas asinantes de cada municipio a que promovan iniciativas locais de candidaturas unitarias acordes cos principios do manifesto Somos Maioría.
  2. Dar apoio loxístico dende a web para votacións telemáticas nas localidades.
  3. Propoñerlle á totalidade das e dos asinantes para que decidan en referendo telemático, que Somos Maioría
    a) Faga un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, – defensa da maioría social,  radicalidade democrática e participación directa, e rematar coa corrupción e o espolio do País – para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación das persoas afiliadas aos mesmos.  b) Acorde propoñer a confluencia con iniciativas análogas que xurdiron en diversas localidades sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría.

Vilagarcía de Arousa, setembro 2014

Manifesto Somos Maioría

Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.

Porque somos maioría as persoas que non estamos dispostas a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan, o espolio e a privatización dos nosos recursos naturais e a degradación dos nosos sinais de identidade, moi principalmente da nosa lingua.

Somos maioría as persoas que pensamos que a orde social debe asegurarnos o dereito a un benestar e unha seguranza material mínima: a ter unha vivenda digna, a ter un traballo decente, a poder protexer a nosa saúde e o noso medio ambiente, a poder acceder ao ensino e á cultura.

Somos maioría as persoas que queremos aproveitar este momento de cambio para impulsar unha democracia avanzada, fundada nos valores republicanos da igualdade, solidariedade e liberdade.

Somos maioría as persoas que demandamos un grande entendemento galego para saírmos desta situación de empobrecemento, marxinación, e mesmo inanición polo ruín desgoberno que estamos a sufrir.

Somos maioría quen demandamos que exista unha alternativa de confluencia e unidade que poña fin a este estado de regresión nos dereitos, liberdades e autogoberno.

… e temos que entendernos

Cando impulsamos este manifesto non queremos substituír ningún partido nin ningunha organización. Só pretendemos, dende unha posición de democracia militante, alentar un proceso que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social.

A unidade non é para nós un recurso retórico senón un recurso natural, o máis valioso das xentes e dos pobos que non se resignan ante a inxustiza e a corrosión a que están sometidos os dereitos e o roubo de espazos de benestar laboriosamente construídos.

A nosa proposta

Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira:

– Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.

– Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego.

Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar a corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País.

Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que Galiza precisa con urxencia.

Galiza xullo de 2014