Todolos artigos de: Somos Maioría Vilagarcía de Arousa

Presentación Pública de Somos Maioría Vilagarcía

SOMOS MAIORIA VILAGARCIA A3 CO

Somos Maioría fai a súa presentación pública o xoves 30 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Vilagarcía.

Este xoves, día 30, o actor Miguel Pernas promotor e un dos primeiros asinantes do Manifesto Somos Maioría, participará no acto de presentación pública que se vai realizar na sala de

conferencias do Auditorio.

Con este acto, SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA pretende, tal e como se expresa no propio manifesto, “promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación”.

Consideramos que en Vilagarcía, máis ca nunca, é necesaria unha confluencia cidadá para desaloxar ao PP e aos seus socios de goberno do poder municipal e darlle á propia cidadanía unha ferramenta de participación política real.

Por todo isto, convidamos á asistencia e participación no acto a todas aquelas persoas que estean interesadas en se se produza un cambio na política local de Vilagarcía.

Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do 9 de outubro de 2014

ACTA DA ASEMBLEA

Celebrada o día 9 de outubro de 2014 na Sala de Prensa do Auditorio de Vilagarcía, coa presenza de persoas asinantes do manifesto de Vilagarcía, Vilanova e A Illa de Arousa, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

  1. Información sobre os contactos mantidos coas distintas asociacións veciñais e formacións políticas.
  2. Recollida de propostas para a creación do programa electoral dunha posible candidatura de unidade cidadá para as Eleccións Municipais de 2015.
  3. Presentación pública do movemento en Vilagarcía da man dalgunha das primeiras persoas en asinar o manifesto “Somos Maioría”.
  4. Rogos, preguntas e suxestións.

1.  Como se acordara anteriormente, comezáronse os contactos con asociacións veciñais para coñecer in situ e da man das persoas residentes nas distintas parroquias as problemáticas que lles afectan. Enviáronse cartas de presentación solicitando unha cita e houbo resposta por parte da AA.VV. da Torre, onde asinaron o manifesto varios membros da directiva da mesma. Do mesmo xeito, unha representación da Asociacion de Veciños da Escardia manifestou a súa disposición para ter dita cita e poñer en coñecemento as problemáticas da zona. Queda pendente a resposta doutras asociacións coas que se mantiveron contactos (Vilaxoán, Rubiáns, etc.). Así mesmo, púxose en coñecemento da asemblea que se enviaran correos electrónicos solicitando unha reunión con partidos políticos que aínda non teñen representación municipal en Vilagarcía. Así, no momento da asemblea, estase á espera da resposta de Podemos e do Espazo Ecosocialista Galego.

2. No canto de facer xa unha recollida de propostas, optouse por facer primeiramente unha división por áreas de traballo: Asuntos Sociais, Cultura, Educación, Medio Natural, Obras, Patrimonio, Publicidade Institucional e Transparencia.

3. Proponse a data do 30 de outubro para realizar unha presentación pública do movemento Somos Maioría coa presenza dalgunha das 50 primeiras persoas que asinaron o manifesto.

4. Non hai rogos, preguntas nin suxestións.

ACORDOS DA ASEMBLEA

1. Continuar os contactos coas asociacións veciñais e ir ampliando os mesmos a Asociacións Culturais, ONGs e asociacións de autónomos e comerciantes.

2. Acordouse facer un cubrimento da demanda nesas áreasde traballo con achegas individuais e dos colectivos cos que contactemos.

3. Acordouse solicitar a Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía para o acto de presentación pública e comezar os contactos con algunhas das persoas que o asinaron no primeiro momento.

Sen máis asuntos por tratar,  rematou a asemblea ás 22:00 horas.

NOVAS MEDIDAS ACORDADAS

Na asemblea celebrada o pasado venres 19 de setembro, acordamos seguir facendo un chamamento á cidadanía vilagarciá a participar neste proxecto e seguir ampliando o número de asinantes do manifesto para ter dese xeito unha base sólida na que poder asentar e darlle forma a unha posible candidatura cidadá para a vindeira cita electoral de maio de 2015.

Como complemento a isto, acordamos comezar unha rolda de contactos coas distintas asociacións veciñais, culturais, etc. existentes no noso concello para coñecer de man das veciñas e veciños de Vilagarcía as problemáticas concretas que poida ter cada un deses lugares. Desde o noso punto de vista, non se pode caer no erro de chamar ás asociacións para falar detes temas e esperar a que sexa unha representación das mesmas a que veña a nós a comentar ditas carencias: os problemas hainos que coñecer in situ para lles buscar solución e lograr así ademais que a xente de cada lugar teña a posibilidade de participar no que consideramos que é o xeito máis correcto de implicarse politicamente, pois temos claro que é moito máis ilusionante para a veciñanza poder participar na creación dun programa electoral real, que vaia directamente a atallar os problemas, e non só optar cada catro anos polos programas que, desde as distintas formacións políticas, nos ofrecen cando se achegan uns comicios.

Acordouse ademais manter contactos tamén coas distintas forzas políticas de Vilagarcía, se ben de xeito escalonado, pois imos comezar primeiramente por aquelas que de momento non teñen representación municipal: Anova, CxG, Equo, Espazo Ecosocialista e Podemos.

ASEMBLEA DE SOMOS MAIORÍA O VENRES 19 de SETEMBRO

O grupo de persoas asinantes do Manifesto Somos Maioría en Vilagarcía de Arousa está convidado a participar nunha nova asemblea local que se vai celebrar este venres, 19 de setembro, ás 20:00 horas, no Local Social do Club de Remo de Vilaxoán.

É importante destacar que desde a primeira reunión aumentou considerablemente o número de asinantes no noso concello, polo que podemos presumir de estar comezando a cambiar as cousas e de estar facendo política como nós entendemos que se debe facer, desde abaixo, da man da xente do común, que día a día, co seu esforzo, é a que pode cambiar a situación na que nos atopamos.

Polo tanto, co convencemento de que este aumento de asinantes é a demostración de que existe vontade de traballo para mudar a política actual, esperamos que nesta nova asemblea do venres, ademais de asistir, vaiamos todas e todos con ideas e proxectos que se poidan levar aos feitos.

E se coñecedes algunha persoa que estea interesada en asinar o manifesto e unirse ao noso traballo, non dubidedes en convidala a asinar en vilagarcia.somosmaioria.org

Agardámosvos!