Acto Público sobre as Candidaturas de Unidade Cidadá

Acto Moito por Percorrer 28 novembro 2014

Este pasado venres, 28 de novembro,  Somos Maioría participou nun acto público coordinado por Podemos Arousa, englobado no grupo de charlas organizado por esta formación baixo o nome “Moito por Percorrer”, e que versaba nesta ocasión sobre as candidaturas de unidade cidadá que están xurdindo nos últimos tempos.

Ademais de Somos Maioría, que estivo representada dun xeito magnífico polo noso compañeiro de Ogrobe Ricardo Garrido Caneda, participaron no acto a Marea Atlántica da Coruña, a Marea de Pontevedra e a plataforma Ourense en Común.

Foi un acto ameno, estruturado e ben dividido por tempos controlados polo moderador, no que os representantes dos diferentes movementos achegaron as súas ideas sobre o nacemento deste tipo de agrupacións cidadás e sobre a función que poden desenvolver as mesmas nun futuro a curto prazo. Malia coincidir temporalmente con outros actos celebrados en Vilagarcía de Arousa, a asistencia ao mesmo foi aceptable, cunha participación aproximada de corenta persoas.

O noso representante fixo unha exposición moi ben documentada sobre os movementos cidadáns noutros tempos e na actualidade; así mesmo, deixou ben claro que  Somos Maioría non naceu simplemente con vontade de participar nas vindeiras eleccións municipais en determinadas vilas ou cidades galegas, como fan os outros movementos alí presentes, senón que naceu con vontade de estenderse por todo o país e ser unha ferramenta de cambio efectivo da política, que é o que demanda a cidadanía, farta da deturpación do sistema político actual.  Somos Maioría as mulleres e os homes que queremos cambiar as cousas. Fagámolo!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *