Nota de Prensa sobre os acordos da última asemblea

Logtipo Somos Maioría

  • Somos Maioría Vilagarcía comprométese a crear un Consello Veciñal para dar voz e escoitar as demandas da cidadanía.
  • Propoñemos a implantación dos “orzamentos participativos” na xestión económica do Concello.
  • Somos Maioría acordou solidarizarse cos Traballadores de LANTERO e apoiar as súas demandas.

Somos Maioría segue a traballar no obxectivo de tentar a configuración dunha candidatura cidadá en Vilagarcía de Arousa de cara ás próximas eleccións municipais.

Na última xuntanza realizada, puxéronse en común os resultados dos encontros que membros de Somos Maioría tiveron con representantes de varias entidades veciñais. Unha queixa común que expresaron todas foi a desatención da que son obxecto por parte da Alcaldía e do Partido Popular. “Máis dun ano sen recibir resposta por parte do equipo de goberno ás súas solicitudes de xuntanza”, “Compromisos que non se cumpren”, “Falta de atención ao mantemento mínimo das infraestruturas”, etc., son algunhas das queixas que transmitiron os representantes das asociacións. En resumo: “O Sr. Fole goberna dándolles as costas aos seus propios veciños”.

Na asemblea de Somos Maioría analizáronse as demandas concretas destes colectivos para ver como intruducilas no programa que se está a elaborar. Entre as propostas que se incluirán queremos destacar dúas:

CREACIÓN DUN CONSELLO VECIÑAL PARA DAR VOZ E PARTICIPACIÓN Á CIDADANÍA

En Somos Maioría consideramos de importancia vital crear canles que permitan o contacto entre o Concello e a cidadanía. Nese sentido é fundamental escoitar as propostas e demandas das entidades veciñais á hora de coordinar ou acordar accións. Cómpre ter unha vía de comunicación permanente, para que se trasladen as necesidades de cada barrio ou lugar e tamén para que o Concello informe das actuacións que vai realizar en cada sitio.

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Propoñemos a implantación desta metodoloxía, co obxectivo de lograr a participación directa da cidadanía para poder establecer as súas demandas e preocupacións principais da xente e incluílas no orzamento anual da cidade, dándolles prioridade ás máis importantes e realizando un seguimento dos compromisos adquiridos. Asentaríase deste xeito a idea dunha cidadanía activa e participativa na marcha da cidade e conseguiríase que a xestión pública fose algo no que as veciñas e os veciños poidamos non só participar, senón tamén decidir. É un proceso aberto a todo o mundo que posibilita a participación directa, mellora a comunicación entre a administración e a xente e engade transparencia e eficiencia á xestión municipal.

En Somos Maioría temos o convencemento de que o futuro da política pasa precisamente pola implicación de toda a cidadanía e estamos convencidos que de ser así evitaríase gastar cartos en asfaltados, mobiliario, varandas ou obras prescindibles neste momento, mentres as auténticas necesidades das persoas nestes tempos de crise xeralizada seguen sen estar atendidas.

Somos Maioría segue a traballar na elaboración de ideas para o seu programa e tamén continúa solicitando xuntanzas con outras asociacións e entidades do Concello para escoitar e atender as súas demandas e propostas. Animamos á participación de todas e de todos na iniciativa Somos Maioría, anotándose na web µwww.vilagarcia.somosmaioria.org§ e colaborando nos traballos e xuntanzas que estamos realizando.

APOIO AOS TRABALLADORES DE LANTERO

Na última asemblea tamén se acordou facer pública a nosa solidariedade cos traballadores de Lantero na loita que están a levar para que non haxa despidos e para que non se devalúen as súas condicións de traballo.

Todo o que se pode expresar con respecto á actitude dos xestores da empresa é pouco: unha falta total de respecto polas persoas que contribuíron co seu traballo diario a que esa firma sexa o que é hoxe; ameazas e intentos de división dos traballadores, actitudes que só se poden cualificar como de “escravistas”, etc. Non se pode entender como se poden destinar fondos dos que se lles negan aos traballadores a pagar un “exército” de seguridade para protexer, non a empresa, senón os directivos da mesma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *