Asemblea de Somos Maioría – 13 de novembro de 2014

O pasado xoves 13 de novembro, ás 20:00 h., celebrouse no Auditorio de Vilagarcía unha nova asemblea local das persoas asinantes do Manifesto Somos Maioría en Vilagarcía de Arousa.

A asemblea realizouse arredor da seguinte

ORDE DO DÍA

1. Avaliación do acto público de presentación do 30 de outubro.

2. Información sobre as conversas cos distintos colectivos e partidos políticos.

3. Rogos e preguntas.

Antes de comezar a asemblea, un dos asistentes comentou a posibilidade de mudar as xuntanzas para os mércores pola imposibilidade de asisitir en xoves. Acordouse preguntar a través do mail polo día  máis axeitado para facilitar a asistencia do maior número de asinantes posible. 

Igualmente, polo feito de contar coa presenza de xente que aínda non asistira a ningunha xuntanza, fíxose un resumo das reunións e dos actos nos que participara Somos Maioría desde a súa aparición en Vilagarcía en agosto.

1. Avaliouse o acto da presentación pública moi positivamente, tanto pola asistencia ao mesmo, como pola cantidade de preguntas que se lle fixeron aos membros da mesa.

2. Informouse das últimas xuntanzas con colectivos, da asistencia ao acto das ANPAS de alumnado con diversidade funcional, así como da conversa mantida con membros de Podemos. Destacouse tamén que aínda non foi posible ter unha entrevista con Compromiso por Galicia pois dita formación non ten militancia organizada en Vilagarcía. Polo que respecta ao Espazo Ecosocialista, ao día da asemblea, aínda non contestaran ao convite.

 3. Neste punto falouse do convite feito a Somos Maioría para participar nunha mesa redonda con outros colectivos que están tamén impulsando candidaturas cidadás

ACORDOS DA ASEMBLEA

  • Continuar cos contactos con distintas asociacións. En canto aos partidos políticos, comezarase a partir de agora coas reunións coas formacións políticas que xa teñen representación no Concello. Propúxose tamén solicitar unha reunión co responsable local de Cáritas, co colectivo Arousa en Bici e coa asociación de comerciantes.
  • Aprobouse a proposta de dar a coñecer o noso traballo e o noso ideario político na rúa mediante unha campaña sinxela en papel para poder chegar dese xeito a xente que non é habitual das redes sociais e a Internet.
  • Elaborar unha nota de prensa informativa e de solidariedade cos traballadores de Lantero.
  • En canto á participación no acto público sobre os movementos cidadáns ao que está convidado Somos Maioría, decidiuse participar na mesa redonda e propúxose que quen participe sexa unha persoa que o faga en representación de todas as asembleas locais de Somos Maioría na Comarca do Salnés.

Sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 21:50 h.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *