Tamén somos maioría apoiando a prensa local!

10606252_382800008536760_63896475455413408_n

Porque unha sociedade sen información non sería unha sociedade; porque xa abonda de pechar medios de comunicación, de manipulalos…

Porque queremos que as traballadoras e traballadores dos medios vexan remunerado o seu labor cun salario digno, no que se reflictan as horas extraordinarias que fan cada día, e sobre todo cun salario pagado sen demoras continuas.

Porque cremos que os medios de comunicación locais son os que,  por seren máis cercanos, poden reflectir dun xeito moito máis fidedigno as novas que se producen máis preto.

Por todo iso é polo que chamamos á cidadanía de Vilagarcía e de todo o Salnés a mobilizarse contra unha situación insostible no Diario de Arousa, onde a xente que alí traballa leva uns atrasos nos cobros imperdoables, onde o E.R.E. ao que está sometido o cadro de persoal provoca problemas económicos graves.

Esta mañá, a solidariedade que caracteriza á cidadanía de Vilagarcía ante casos así levou a que se producise unha boa mostra de apoio aos traballadores e traballadoras do Diario de Arousa nunha concentración que, contra vento e marea, tivo lugar na Praza de Galicia. Xornalistas doutros medios, representantes políticos e de colectivos sociais, así como xente a título particular, apoiamos coa nosa presenza as reclamacións que se fixeron nesa concentración.

Desde Somos Maioría Vilagarcía queremos facer un chamamento á poboación de Vilagarcía para que siga participando nestas concentracións se, por falta de solución a este problema por parte da empresa, se volvesen convocar.

Vilagarcía, 3 de novembro de 2014.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *