DEVOLUCIÓN AO CONCELLO DAS ACHEGAS PARA MANTEMENTO DE 2018: 7.023,00€

Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG) leva manifestando desde o comezo do presente mandato 2015-2019 que non está de acordo co feito de que o Concello de Vilagarcía de Arousa lles dea aos grupos políticos municipais unha suma mensual de 7.500€, o que ascende un total anual de 90.000€ para gastos dun mantemento que quedou claramente demostrado que é innecesario, pois todos os grupos dispoñemos dun despacho no Concello provisto de todo o necesario para realizar o noso labor.

Esa cantidade repártese do seguinte xeito:

  • PSdG-PSOE (8 concelleiros/as): 2.700€ mensuais.
  • Partido Popular (7 concelleiros/as): 2.400€ mensuais.
  • EU-Son (2 concelleiros/as): 900€ mensuais.
  • BNG (2 concelleiros/as): 900€ mensuais.
  • Somos Maioría (1 concelleiro): 600€ mensuais.

A Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local di que naqueles concellos onde o Pleno así o requira, as formacións políticas con representación deben presentar anualmente as súas contas. Por unha moción de Somos Maioría aprobada por unanimidade no pleno de abril de 2018, así se acordou no Concello de Vilagarcía, se ben aínda non se publicou, tal e como se esixía nesa moción, o balance de ingresos e gastos das formacións políticas. Mentres iso non se faga, Somos Maioría segue facéndoo puntualmente cada mes e achega agora o balance anual correspondente ao exercicio 2018.

Entendemos que ese diñeiro debe volver a quen o achegou, que non é outra que a cidadanía de Vilagarcía de Arousa, e especialmente a aquelas familias que o están pasando peor, polo que se volveu escoller o mesmo destino das outras ocasións para os cartos. É por isto polo que acabamos de devolver a cantidade resultante, 7.023,00€, reintegrada en forma de doazón ao Concello de Vilagarcía de Arousa coa condición de que se destine a aumentar a partida das Axudas de Emerxencia da Concellería de Servizos Sociais. Velaquí tedes os xustificantes da operación:

 

Tras esta transferencia, a conta bancaria presenta un saldo actual de 0€, pero aínda que xa estamos na recta final deste exercicio político, vanse recibir as achegas dos meses de 2019 que entran no vixente mandato e no final do mesmo habemos devolver ata o último céntimo co mesmo destino para seguir así cumprindo o noso compromiso coa cidadanía de Vilagarcía de Arousa de xestionar o diñeiro público con transparencia absoluta e dándolle a un diñeiro que entendemos que está mal destinado, unha función moito máis necesaria.

Vilagarcía de Arousa, 22 de marzo de 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *