CONTAS GRUPO MUNICIPAL 2017 E DOAZÓN A SERVIZOS SOCIAIS

Tal e como fixemos hai un ano, ao pecharse as contas do exercicio anterior, presentamos aquí os nosos números.

A día de hoxe, Somos Maioría Vilagarcía de Arousa pode presumir de ser o único grupo político municipal que presentou as súas contas publicamente e que llas remitiu ao Departamento de Intervención do Concello para que queden convenientemente fiscalizadas.

Así, o pasado día 19 de marzo, realizouse o rexistro do balance anual do exercicio 2017 de maneira telemática e aquí tedes a documentación presentada, así como o xustificante da súa presentación no Rexistro Telemático do Concello:

Por outra parte, tal e como manifestamos previamente e xa fixemos co diñeiro percibido en exercicios anteriores, no Grupo Político Municipal de Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG), non estamos conformes co feito de que mensualmente os grupos políticos recibamos 7.500€ (PSdG-PSOE: 2.700€; PP: 2.400€; EU-SON: 900€; BNG: 900€ e Somos Maioría: 600€), o que suma un total de 90.000€ anuais, polo que unha vez descontados os gastos de mantemento que nos aplica a entidade bancaria na que temos a conta, decidimos devolverlle ese diñeiro á cidadanía de Vilagarcía de Arousa en forma de doazón ao Concello coa condición de que se destinen os cartos a aumentar as partidas de Emerxencia da Concellería de Servizos Sociais. Para nós, unha vez pechado o exercicio económico anual, ese diñeiro débeselle devolver ao pobo.

Somos Maioría segue defendendo a idea de que cun despacho no Concello, suficientemente equipado para realizar o traballo de atención á veciñanza e non tendo outros gastos eventuais, a nosa asignación debe volver ao Concello e ter un destino moito máis xusto: axudar a cubrir as necesidades da cidadanía.

Por todo isto é polo que, unha vez pechado o exercicio 2017, o día 22 de marzo procedemos a realizar unha transferencia ao Concello, e polo tanto ás cidadás e aos cidadáns de Vilagarcía de Arousa, devolvendo 7.134,20€.

Aquí tedes a documentación xustificativa da operación e do seu rexistro no Concello:

Como podedes ver, Somos Maioría segue sendo transparente e consecuente coas súas decisións, polo que os cartos que non se empregaron devólvense ao Concello pois consideramos que é moi necesario destinalos a aumentar as partidas de emerxencia da Concellería de Servizos Sociais.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *