ACTO DE PRESENTACIÓN DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Imaxe: Rubén Domínguez

Tal e como se anunciara nos medios, o pasado xoves 30 de outubro tivo lugar na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía o acto de presentación pública do movemento Somos Maioría Vilagarcía.

O acto contou coa presenza de Mar Catarina Serantes e Miguel Pernas, dúas das persoas que promoveron e foron das primeiras en asinar o manifesto, e de Gaspar Somoza, membro de Somos Maioría Vilagarcía.

En primeiro lugar falou Mar Catarina Serantes, que fixo un breve resumo das actividades iniciais do movemento, principalmente centrada no seu ámbito de traballo, que son as redes sociais. Así mesmo, tamén deu a súa visión do manifesto deste o punto dunha rapaza nova, e fixo fincapé na situación laboral complicada que ten a xente da súa idade.

A continuación, Miguel Pernas deu unha visión máis centrada no ideario político do manifesto, nas súas orixes e nos motivos que levaron á súa aparición na escena política galega, onde a xente reclama cada vez máis de viva voz movementos coma Somos Maioría.

Por último, o compañeiro de Vilagarcía Gaspar Somoza fixo unha crítica á política municipal do Partido Popular e IVIL e realizou un resumo da actividade do grupo local de Somos Maioría desde a súa formación no mes de agosto.

Para rematar, houbo un debate moi participativo onde boa parte do público asistente comentou a súa visión e estableceuse un diálogo moi construtivo sobre as posibilidades de formar unha candidatura de unidade cidadá para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *