25 N: VILAGARCÍA EN NEGRO

Desde Somos Maioría Vilagarcía de Arousa animámosvos a todas e a todos a participar nos distintos actos que se van celebrar arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e especialmente na andaina e na lectura do manifesto elaborado polo Consello Local da Muller, que van ter lugar o venres 24 diante do Concello.

MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

25 de Novembro

Un ano máis, o Concello de Vilagarcía súmase ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, e ratifica o seu firme compromiso de rexeitamento da violencia contra as mulleres á vez que reitera a obriga de traballar ata conseguir a súa erradicación. Temos a convición de que a tolerancia cero coa violencia machista e patriarcal debe ser un valor e como tal, defendido pola sociedade no seu conxunto.

Máis de 909 mulleres foron asasinadas en España, 57 en Galicia, polas súas parellas ou ex parellas desde o ano 2003, data que marca o inicio da recollida de datos oficiais. A violencia machista é unha violencia que se dirixe contra as mulleres polo feito de selo baseada nun sistema de relación de dominación e desigualdade dos homes sobre as mulleres.

É unha forma de terrorismo ao que a cidadanía debería responder e non permanecer impasibles. É unha terrible lacra social á que todos habemos de facer fronte.

No día de hoxe, e dende aquí, defendemos a igualdade entre mulleres e homes como principio fundamental. O noso compromiso contra a violencia machista é firme.

Unha sociedade moderna esixe avanzar cara a modelos de convivencia que garantan a seguridade e liberdade das mulleres, que garanta unha resposta rápida e efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas.

A violencia machista é unha cuestión de Estado que non só afecta á metade da poboación e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes, e por tanto, para a súa erradicación deben comprometerse todos os recursos que sexan necesarios.

Este ano perdemos a gran oportunidade de asinar un Gran Pacto de Estado contra as violencias machistas, o texto aprobado, onde se recollen medidas no ámbito xudicial e policial, no deporte, na educación, na sanidade, no ámbito da empresa, da cultura e da publicidade e máis medidas de protección aos menores vítimas de violencia machista, é un avance pero aínda queda moito máis por facer. O Pacto de Estado carente dun enfoque feminista, é un acordo de mínimos, precisa de recursos para garantir o seu cumprimento e prazos que garantan a súa execución, polo tanto non podemos máis que seguir a demandar máis e mellores recursos para loitar contra esta lacra.

En primeiro lugar, hai que repoñer e dotar suficientemente as partidas orzamentarias e por obxectivos que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia integral das vítimas de violencia machista, dependentes tanto das Comunidades Autónomas como dos Concellos. Entendemos que é necesario crear un fondo específico de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os Centros de Información á Muller.

En segundo lugar hai que dotar de recursos suficientes para garantir a eficacia da Administración de Xustiza. Todos os estudos indícannos que as denuncias por violencia de xénero non aumentan. Apenas chegan ao 30% polo que o 70% queda impune. Hai que loitar contra esta impunidade para que as mulleres non sexan novamente agredidas pola violencia institucional por parte dun poder xudicial androcéntrico e patriarcal. Necesitamos poder confiar na Xustiza. Hoxe aproveitamos para subliñar a necesidade de poñer en marcha nos Xulgados Especializados en Violencia de Xénero o Acompañamento Xudicial Personalizado.

Cada denuncia retirada é un éxito dos agresores na súa estratexia do medo, da coacción, da ameaza. Por iso é necesario máis formación e información do persoal da Administración de Xustiza.

Sabemos que existen carencias na percepción do risco e nos informes psicosociais e que existe unha revitimización das mulleres polo que é necesaria a obrigatoriedade de formación específica na materia, tanto dos maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado, como de avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos Xulgados especializados de violencia de xénero.

A educación é outra das nosas preocupacións. Si non rompemos os ciclos, a violencia machista pasará de xeración en xeración por isto é absolutamente necesario incorporar ao currículo en todas as etapas educativas a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero.

Estamos convencidas de que é o momento de ampliar a Lei Integral contra a violencia de xénero de maneira que estean recollidas nela todas as manifestacións de violencia machista e non exclusivamente as que se producen en relacións de parella como ocorre neste momento, incluíndo tamén aquelas manifestacións de violencia fora do ámbito das relacións de parella e as exercidas contra os fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia.

Un bo exemplo desta diferenza sobre o concepto de vítima percíbese nas estatísticas publicadas sobre o número de casos de violencia: 40 segundo os datos oficiais e 84 segundo estatísticas de organismos independentes, que inclúen a todas as mulleres vítimas da violencia, exercida ou non, dentro da parella, así coma ós seus fillos e fillas.

Para rematar, e tristemente un ano máis, queremos recordar a todas e cada unha das vítimas mortais da violencia machista. Mulleres, nenos e nenas con nomes e apelidos, cunha vida por diante que foi truncada por unha violencia cruel exercida por homes que ás consideraron un obxecto da súa propiedade e que polo tanto dispuxeron da súa vida ao seu antollo. Por isto gritamos ¡basta xa! O terrorismo machista é unha cuestión de todas e de todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *