Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do 9 de outubro de 2014

ACTA DA ASEMBLEA

Celebrada o día 9 de outubro de 2014 na Sala de Prensa do Auditorio de Vilagarcía, coa presenza de persoas asinantes do manifesto de Vilagarcía, Vilanova e A Illa de Arousa, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

  1. Información sobre os contactos mantidos coas distintas asociacións veciñais e formacións políticas.
  2. Recollida de propostas para a creación do programa electoral dunha posible candidatura de unidade cidadá para as Eleccións Municipais de 2015.
  3. Presentación pública do movemento en Vilagarcía da man dalgunha das primeiras persoas en asinar o manifesto “Somos Maioría”.
  4. Rogos, preguntas e suxestións.

1.  Como se acordara anteriormente, comezáronse os contactos con asociacións veciñais para coñecer in situ e da man das persoas residentes nas distintas parroquias as problemáticas que lles afectan. Enviáronse cartas de presentación solicitando unha cita e houbo resposta por parte da AA.VV. da Torre, onde asinaron o manifesto varios membros da directiva da mesma. Do mesmo xeito, unha representación da Asociacion de Veciños da Escardia manifestou a súa disposición para ter dita cita e poñer en coñecemento as problemáticas da zona. Queda pendente a resposta doutras asociacións coas que se mantiveron contactos (Vilaxoán, Rubiáns, etc.). Así mesmo, púxose en coñecemento da asemblea que se enviaran correos electrónicos solicitando unha reunión con partidos políticos que aínda non teñen representación municipal en Vilagarcía. Así, no momento da asemblea, estase á espera da resposta de Podemos e do Espazo Ecosocialista Galego.

2. No canto de facer xa unha recollida de propostas, optouse por facer primeiramente unha división por áreas de traballo: Asuntos Sociais, Cultura, Educación, Medio Natural, Obras, Patrimonio, Publicidade Institucional e Transparencia.

3. Proponse a data do 30 de outubro para realizar unha presentación pública do movemento Somos Maioría coa presenza dalgunha das 50 primeiras persoas que asinaron o manifesto.

4. Non hai rogos, preguntas nin suxestións.

ACORDOS DA ASEMBLEA

1. Continuar os contactos coas asociacións veciñais e ir ampliando os mesmos a Asociacións Culturais, ONGs e asociacións de autónomos e comerciantes.

2. Acordouse facer un cubrimento da demanda nesas áreasde traballo con achegas individuais e dos colectivos cos que contactemos.

3. Acordouse solicitar a Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía para o acto de presentación pública e comezar os contactos con algunhas das persoas que o asinaron no primeiro momento.

Sen máis asuntos por tratar,  rematou a asemblea ás 22:00 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *