10.738,49€

10.738,49€, esa é a cantidade que a nosa formación lle devolve ao Concello de Vilagarcía de Arousa en forma de doazón para que se AMPLÍE A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA DA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS.

Onte, algúns membros da nosa formación deron unha rolda de prensa para facer público o noso xesto para así cumprir coa decisión tomada en asemblea e coa esperanza de que algún outro grupo político tome medidas semellantes.

Cómpre lembrar que Somos Maioría ingresa ao mes 600€ por ter un único concelleiro, pero os demais grupos ingresan cantidades que multiplican proporcionalmente esta cifra (BNG 900€, EU 1.200€, PP 2.400€ e PSdG-PSOE 2.700€). Todo iso suponlles ás arcas municipais, que nos encargamos de encher todas e todos, a impoñente cifra de 7.800€ ao mes.

Se nos paramos a pensar, todos os grupos municipais temos á nosa disposición no Concello de Vilagarcía de Arousa un despacho totalmente equipado (teléfono, conexión á Internet, todos os consumibles, etc.) polo que non entendemos que se teñan que dedicar tales cantidades aos Grupos Políticos Municipais.

Estes son os documentos que se presentaron no Rexistro Xeral do Concello xustificando a transferencia bancaria e solicitando que se destine o diñeiro a AMPLIAR A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA DA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS.

Agora, só nos queda esperar que cunda o exemplo…

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *