ORZAMENTOS 2017: PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA

Unha vez analizada en asemblea a documentación recibida o pasado luns, día 20, da proposta que fai o Grupo Socialista como borrador dos Orzamentos Municipais de 2017, Somos Maioría entende que se poden redistribuír mellor moitas das partidas, o que permitiría destinar máis de 1.000.000 € ás necesidades reais das nosas veciñas e veciños sen ter que recorrer á suba de impostos ou a endebedar aínda máis o noso Concello coa solicitude dun novo crédito bancario. Así, a nosa proposta, remitida onte ao grupo de goberno, así como aos voceiros de todos os grupos municipais, é a que se explica a continuación.

PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA PARA A MELLORA DOS ORZAMENTOS DE 2017

1. Ruptura dos acordos do “Pacto de Cidade”

Rebaixa dun mínimo dun 20% nas asignacións de cargos e órganos de goberno (plenos e comisións), que suman un total de 348.580,56 €. Esta medida significaría un aforro de 69.716 € que poderían destinarse a partidas de iniciativas veciñais ou de apoio á creación de emprego.

2. Mellor xestión orzamentaria e de gastos de partidas do capítulo de Gastos Correntes

Aforro enerxético en iluminación pública, enerxía eléctrica, combustibles, telecomunicacións, etc.: que permitiría liberar aproximadamente 306.000 € para destinar a accións de atención social, situacións de urxencia social, xuventude ou cultura.

3. Revisión e axuste de “remanentes” en partidas de persoal: en 2016 case 1.000.000 €

Non se poden “rachar” as negociacións co persoal e alegar que non hai fondos para atender as súas demandas, pois en 2016 quedou sen aplicar case 1.000.000 € en remanentes de partidas de persoal, entre elas unha partida de 91.295 € para aboar o complemento dos domingos á Policía Local, que en 2016 só chegou a 8.781 €, menos dun 10%. Consideramos necesario revisar todo o orzamento de persoal e habilitar partidas para atender demandas do comité de empresa xa contempladas, como os pluses de nocturnidade e urxencias, domingos, etc. ou a contratación das prazas de administrativo e da Policia Local solicitadas. Con isto, aínda sobrarían remanentes para dedicar, por exemplo, a iniciativas de fomento do emprego e apoio a emprendedores.

4. Revisión e estudo da remunicipalización de contratacións e servizos externalizados

Por exemplo, o aforro do 5% en partidas para a limpeza de edificios municipais suporía case 40.000 €.

5. Estudo do aforro dos custos da Xerencia de Urbanismo se a súa función se realizase directamente desde o Concello

O orzamento previsto para a Xerencia de Urbanismo no 2017 supera os 512.000 €. Un aforro de custos dun 10% suporía aproximadamente 50.000 € máis dos que disporían as veciñas e os veciños.

Con todas estas medidas entendemos que se poden redistribuír aproximadamente 1.000.000 € do seguinte xeito:

  • 200.000 € para o aumento ou creación das seguintes partidas:

 

  • Actividades de acción social, para cubrir as necesidades sociais existentes na nosa vila.

 

  • Atención aos problemas de acceso / aluguer de vivenda, ou de gastos da mesma (luz, auga, calefacción, mantemento…) destinadas a familias con problemas económicos.
  1. Actividades para a xuventude.

  1. 150.000 € para o aumento ou creación das seguintes partidas:

a) Axudas á contratación.

b) Creación dunha Caixa de financiamento local: axudas a emprendendores e ao pequeno comercio.

c) Estudo da creación dun viveiro de empresas.

3. Aumento en 25.000€ da partida de actuacións de promoción turística:

A promoción turística de Vilagarcía esta baixo mínimos e cómpre darlle un impulso, o que redundaría na economía local. En 2016 orzamentaronse só 5.000 € pero logo gastáronse bastantes máis.

4. Aumento da partida de promoción de actividades culturais en 20.000 €:

Actualmente cifrada en 5.000€, e redución do mesmo importe das partidas de publicidade – propaganda, e comunicación e imaxe institucional (de, respectivamente, 29.000€ e 9.000€).

5. Aumento ou creación de partidas por valor de 25.000€ para subvencionar actividades de asociacións culturais, veciñais e deportivas:

Con esta medida pretendemos descentralizar e achegar a acción cultural e deportiva ás diferentes parroquias.

6. Aumento do capítulo de Investimentos en máis de 140.000 euros:

Tal cantidade, que figuraba na proposta inicial de novembro destinaríase preferentemente aos núcleos de Vilaxóan e do Carril, tendo en conta que as partidas do Plan Concellos da Deputación se van destinar preferentemente ás parroquias do rural.

7. Atención ás demandas do Comité de Empresa:

Con cargo ao explicitado no punto de Revisión de Remanentes de Persoal.

OUTRAS CONDICIÓNS PARA “FACILITAR” A APROBACIÓN

DOS ORZAMENTOS DE 2017:

  1. Creación dunha comisión específica para concretar e definir os proxectos nos que investir os Fondos FEDER:

Propoñemos a creación desta Comisión. Somos Maioría xa achega como idea que deben ir destinados preferentemente á recuperación e posta en valor do PATRIMONIO CULTURAL E PATRIMONIAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA, incluíndo a idea de crear un MUSEO DA HISTORIA DE VILAGARCÍA, para o cal cumpriría reordenar algúns dos usos dos edificios municipais do centro da vila, incluíndo a cesión ao Concello da Comandancia.

  1. Orzamentos Participativos:

Somos Maioría segue a defender a necesidade de establecer mecanismos de participación veciñal para a elaboración dos Orzamentos, polo que entendemos que, cando menos, antes da aprobación definitiva dos mesmos, deberíanse convocar determinados órganos consultivos: Consello Veciñal, Consello Económico e Social, Consello da Cultura, etc., para presentárllelos e escoitar as súas suxestións.

  1. Transparencia:

A aprobación dos Orzamentos debe ir ligada á creación do Portal de Transparencia do Concello, en cumprimento da Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración.

Vilagarcía de Arousa, a 21 de febreiro de 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *