MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA SOBRE O SERVIZO DE PUBLICACIÓNS DO CONCELLO

Na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, celebrada este pasado xoves 24, saíu aprobada por unanimidade a moción presentada polo noso grupo na que se solicitaba que o Concello de Vilagarcía de Arousa volvese poñer en marcha o seu Servizo de Publicacións. Achégase o texto da moción que defendeu o noso concelleiro.

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN POR PARTE DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA DO SEU SERVIZO DE PUBLICACIÓNS

Son moitas as persoas veciñas de Vilagarcía de Arousa que dispoñen dun potencial literario enorme pero que pola contra non dispoñen dos medios económicos para lograr que o seu labor se visualice como cómpre. Poetisas, monologuistas, ensaístas, historiadores, etc. merecen un impulso ao seu traballo e que no caso de que non poidan facer fronte ao custo que conleva a publicación da súa obra sexa o Concello quen faga visibles as distintas obras que estas creadoras e creadores poden ofrecernos a todas e a todos.

Desde Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG), en cumprimento dos ideais manifestados no noso programa electoral no tocante á defensa e promoción da cultura local -defensa e promoción das que as institucións públicas deben ser as primeiras defensoras- solicitamos que o Concello de Vilagarcía de Arousa poña en marcha novamente o seu Servizo de Publicacións, actualmente en estado de letargo.

Entendemos que a contía que pode supoñer a reposición deste servizo non debe ser elevada, pois non habería que botalo a andar partindo de cero, senón simplemente recuperar o seu funcionamento.

Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) proponlle ao Pleno da Corporación Municipal o seguinte

ACORDO:

1· O Concello de Vilagarcía de Arousa, a través da súa Concellería de Cultura, procederá á recuperación do Servizo de Publicacións do Concello, para que sirva de plataforma de lanzamento de artistas que, no eido da creación literaria, desenvolven o seu labor na nosa vila.

2· O Servizo de Publicacións do Concello de Vilagarcía de Arousa servirá tamén para lle facer visibles ao público aquelas escolmas de textos que desde distintos colectivos culturais e literarios promoven dos diferentes certames ou encontros que realizan.

3· O Servizo de Publicacións proverá de exemplares das obras editadas aos fondos públicos locais do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *