Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do día 26 de outubro de 2016

Unha vez aprobada na asemblea realizada o 23 de novembro de 2016, achégase a Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do pasado 26 de outubro.

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas cinco persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 26 de outubro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.

2. Preparación da sesión plenaria do xoves 27 de outubro de 2016.

3. Situación actual da subvención económica polos gastos da Campaña Electoral 2015.

4. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 15 de setembro, apróbase a mesma por parte de todas as persoas asistentes.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte de todas as persoas participantes na reunión, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de outubro:

  • APROBACIÓN DA SOLICITUDE DE COMPATIBILIDADE DUN PROFESOR DO CONSERVATORIO: a favor.

  • APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO Nº 03/REC/2016: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA SOBRE A CONTRATACIÓN DE SEGUROS DO CONCELLO: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE DE APOIO ÁS VÍTIMAS DO ALVIA: a favor con críticas á actitude cínica do PSOE neste asunto.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE PARA A DOTACIÓN DE DESFIBRILADORES NOS CENTROS DE ENSINO: a favor con solicitude de que se realicen cursos de formación para o seu emprego.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG SOBRE A MELLORA DA HUMANIZACIÓN DA RÚA VISTA ALEGRE: a favor, incidindo na reposición da fonte existente e na desratización da rúa na súa zona máis próxima ao Río do Con.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 27:

    • PREGUNTA sobre se xa houbo resposta por parte da empresa concesionaria do “Vaibike”.

    • PREGUNTA pola información solicitada no tocante á Sala Rivas Briones.

    • PREGUNTA polas medidas tomadas polo Concello para o repoboamento arbóreo aprobado por unha moción de Somos Maioría.

    • ROGO polo amaño inmediato da marquesiña da parada de autobuses da Avenida de Cambados á altura das Pistas.

3. Por parte de Ramón Mouriño, representante ante a Xunta Electoral de “Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdG)”, partido instrumental co que se presentou as eleccións SOMOS MAIORÍA – VILAGARCÍA, infórmase de que xa se recibiu a 1ª parte da subvención correspondente aos resultados das Eleccións Municipais do ano 2015, concretamente un 81% do total correspondente. A cantidade, que ascende a 5.095,27 €, foi ingresada na conta electoral de Somos Cabanas e correspóndese coa subvención pertencente a todos os concellos nos que as candidaturas do PDDdG obtiveron representación. Explica que agora o proceso para poder devolver as cantidades achegadas por simpatizantes durante a campaña será abrir unha conta ordinaria do partido instrumental, que non se puido abrir antes por ser preciso realizar uns cambios de responsabilidades na xestora provisional do mesmo, e transferir esa cantidade á conta. A partir de aí, hai que revisar a documentación, facer o reparto entre todas as localidades e restar os gastos comúns. Posteriormente solicitarase a cada localidade o listado de préstamos que hai que devolver e as contas para facer as transferencias. Ramón estima que se poderán facer os pagos antes de finais de novembro, pero non sabe se no caso concreto de Vilagarcía, a parte correspondente ao 81% ingresado chegará para devolver todos os préstamos. El será o encargado de facer esas xestións e informará.

Tamén informa de que unha vez aberta a conta ordinaria nacional, esta poderá utilizarse para gastos das candidaturas dos diferentes concellos á parte das dos correspondentes grupos municipais. Temas como ingreso de achegas de concelleiros ou simpatizantes e pagos de accións dos grupos locais poderán canalizarse a través desta conta corrente para o que se habilitará un protocolo de autorización de gasto.

Finalmente coméntase un correo electrónico enviado por Bernarda Rubianes sobre o tema dos gastos realizados en precampaña e os da campaña electoral que non entraron na subvención electoral. Sobre este apartado, o concelleiro Gaspar González reitera a súa vontade de aboar estes gastos con cargo á súa asignación por asistencia a plenos e comisións. Previa presentación dos xustificantes de gasto, el asumiría o aboamento dos mesmos.

Non habendo rogos nin preguntas, sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:25 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 26 de outubro de 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *