ASEMBLEA DO 28 DE SETEMBRO DE 2016

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas catro persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 28 de setembro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
2. Preparación da sesión plenaria do xoves 29 de setembro de 2016.
3. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 15 de setembro, apróbase a mesma por parte das tres persoas presentes nese momento na asemblea.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte das tres persoas participantes na reunión, á que se sumou unha cuarta ás 21:35 horas, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de setembro

  • APROBACIÓN DEFINITIVA DA CONTA XERAL 2015: abstención. Non pretendemos impedir a súa aprobación, pero non queremos que un posible voto positivo se puidese interpretar como un aval de Somos Maioría á xestión económica do goberno local.

  • EXAME DAS ALEGACIÓNS E DAS EMENDAS DO PARTIDO POPULAR Á APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA DE TERRAZAS: a favor da aprobación definitiva da Ordenanza e rexeitamento das alegacións e emendas, xustificando o noso voto no feito de que a proposta de texto foi realizada en base ás achegas de todas as forzas políticas e mesmo dos representantes do sector da hostalería. No pleno farase fincapé ademais no feito de que a instalación de terrazas non debe perder nunca a idea de fondo de que se está ocupando terreo público.

  • APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE PARA ESIXIRLLE AO MINISTERIO DE FOMENTO QUE CUMPRA O PROTOCOLO DE POSTA EN VALOR DE 18 CASTROS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA ENTRE OS QUE ESTÁ O CASTRO ALOBRE: a favor. No pleno incidirase en que Somos Maioría aposta pola defensa do noso patrimonio histórico e cultural e criticarase a actitude do Partido Popular, que en marzo de 2015 asinou este convenio con claro carácter electoralista despois de gastar os fondos europeos destinados a este fin na construción das “Pousadas”.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 29: ademais dos rogos e preguntas acordados na asemblea do día 15 (Esixirlle á empresa concesionaria do Servizo de Aluguer de Bicicletas que nas súas máquinas expendedoras de tarxetas empreguen a lingua galega; esixirlle ao Concello que presione ante Patrimonio para que se restaure e se volva colocar o Cruceiro da Igrexa do Carril e preguntar pola lista de espera, os criterios para a escolla de artistas para as exposicións da Sala Rivas Briones e a ampliación de exposicións cuxo período xa estaba rematado), acordouse preguntar tamén se o Concello ten previsto realizar algún acto de homenaxe ao poeta vilagarcián Manuel Blanco Mariño no seu aniversario, como fixo o pasado ano 2015, e volver incidir na reparación inmediata da marquesiña da parada do autobús na Avenida de Cambados, situada á altura da entrada ás Pistas.

3· Realizáronse dúas preguntas e un rogo:

PREGUNTA: O Concello xa puxo en marcha a bolsa de axuda a estudantes tras a aprobación da nosa moción?

As bolsas de axuda están en funcionamento.

PREGUNTA: O Concello procedeu ao repoboamento arbóreo igualmente aprobado tras unha moción nosa?

De momento non se ten constancia de que tal acordo se levase aos feitos, pero o noso concelleiro vai averiguar no Concello en que situación se atopan actualmente as zonas referidas na nosa moción.

ROGO: Que o noso concelleiro suba ao blog de Somos Maioría Vilagarcía unha copia da súa declaración de bens asinada no momento de asumir a súa acta de Concelleiro.

Vaise solicitar unha copia na Secretaría Xeral do Concello para subila á web á maior brevidade posible.

Sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:25 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 28 de setembro de 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *