MOCIÓNS DE SOMOS MAIORÍA APROBADAS NESTA LEXISLATURA

Foron tres as mocións presentadas polo Grupo Municipal de Somos Maioría nesta lexislatura, todas aprobadas nas correspondentes sesións plenarias.

A primeira destas mocións facía referencia á repoboación arbórea en distintas partes da nosa vila para intentar recuperar a masa arbórea tallada de maneira salvaxe polo goberno anterior.

A moción, que se aprobou por unanimidade das concelleiras e concelleiros de todos os grupos municipais, é a seguinte:

GRUPO MUNICIPAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

(PARTICIPACIÓN DEMOCRÁTICA DIRECTA DE GALICIA)

Gaspar Antonio González Somoza, concelleiro e voceiro do Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG), ao abeiro do previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, desexa propoñer para a súa consideración por parte do Pleno Municipal de Vilagarcía de Arousa a seguinte moción:

MOCIÓN PARA A REPOBOACIÓN ARBÓREA EN CORNAZO, RODRIGO DE MENDOZA, PRAIA COMPOSTELA E PRAZA DE ABASTOS

Vivimos un momento no que cada día que pasa son máis necesarias as árbores que compensen a polución que producimos, a unha escala moi grande. Malia iso todo, ante esta necesidade de rexenerar zonas verdes, semella que a repoboación arbórea é un tema pendente que se vai deixando pasar ano tras ano. Cómpre darlle a Vilagarcía de Arousa unha nova fonte de osíxeno e non se pode seguir deixando que pase o tempo.

Pola contra, durante os últimos anos procedeuse ao arrincado das árbores en distintas partes de Vilagarcía. Concretamente, na zona próxima á Praza de Abastos pegada ao Río do Con, naqueles sitios onde había árbores plantadas elimináronse estas e enchéronse os ocos con formigón na meirande parte dos casos. Igualmente, na remodelación da rúa Rodrigo de Mendoza elimináronse as árbores e hoxe aquilo é unha rúa na que hai bancos, hai uns maceteiros, pero as árbores que fagan un pouco de sombra desapareceron. Na Praia de Compostela, talláronse árbores -nalgúns casos de enorme valor botánico- e enchéronse tamén os ocos con formigón para aumentar as prazas de aparcamento. Do mesmo xeito, no aberto próximo á Igrexa de San Pedro de Cornazo realizouse un labor de asfaltado por parte da Deputación de Pontevedra e agora mesmo esa zona presenta a imaxe dunha chaira de asfalto sen ningunha árbore que lles dea algo de sombra, por exemplo, aos elementos deportivos que se instalaron na zona máis alta de toda esa área, concretamente pegada á estrada que baixa desde a Igrexa.

Seguindo o programa electoral co que se presentou a nosa formación ás eleccións do pasado 24 de maio, o noso modelo de vila pretende, entre outras moitas características, alcanzar a sustentabilidade ambiental, e iso inevitablemente pasa polo repoboamento de todas aquelas árbores retiradas.

Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) propón que se realicen as seguintes accións de humanización nesas zonas anteriormente mencionadas, coa:

· Reposición de árbores iguais ás que existían na zona entre o Río do Con e a Praza de Abastos e das que unicamente quedan uns exemplares.

· Incorporación de árbores na rúa Rodrigo de Mendoza que permitan establecer unhas zonas de sombra á beira do río.

· Recuperación dos exemplares das distintas especies eliminadas na Avenida Rosalía de Castro, na zona pegada á Praia de Compostela.

· Humanización dos arredores do aberto próximo á Igrexa de San Pedro de Cornazo co levantamento do asfalto nalgunhas zonas do mesmo e coa plantación de árbores autóctonas galegas. Neste caso, de maneira directa por parte do Concello se son terreos municipais, ou mediante a realización das xestións oportunas para dita humanización no caso de que sexan propiedade doutras institucións.

O goberno local comentou no seu momento que xa tiña unha partida económica reservada para realizar labores de repoboamento arbóreo, se ben aínda estamos á espera de que cumpran o acordado.

A segunda moción foi a que solicitaba a creación dunhas bolsas de axuda económica a estudantes e foi tamén aprobada por unanimidade. O texto da nosa moción era o seguinte:

GRUPO MUNICIPAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

(PARTICIPACIÓN DEMOCRÁTICA DIRECTA DE GALICIA)

Gaspar Antonio González Somoza, concelleiro e voceiro do Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG), ao abeiro do previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, desexa propoñer para a súa consideración por parte do Pleno Municipal de Vilagarcía de Arousa, na súa sesión ordinaria de outubro de 2015, a seguinte moción:

MOCIÓN PARA A CREACIÓN DE BOLSAS DE AXUDA A ESTUDANTES PARA O PAGO DE TAXAS E TRANSPORTE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Son moitas as dificultades económicas que como consecuencia da crise están a pasar moitas familias do noso Concello. Vilagarcía de Arousa encabeza a taxa de risco de exclusión social na provincia cun 30,33%. O número de familias sen ningún tipo de ingreso neste ano 2015 incrementou en máis de cen con respecto ao ano 2014 e contabilízanse máis de 600. Así mesmo, no primeiro semestre deste ano contabilizábanse mais de mil cincocentas familias con todos os seus membros activos en situación de desemprego. En canto ao PIB, a media por habitante en Vilagarcía de Arousa é notablemente inferior á media galega (15.951 € por veciña/o, mentres que no conxunto de Galiza se sitúa en 19.599 €).

Como consecuencia desta situación moitos dos nosos mozos e mozas ou ben tiveron que abandonar os seus estudos ou teñen serias dificultades para continualos. O aumento das taxas universitarias xunto co recorte das bolsas aumentan esas dificultades.

Atender a demanda do estudantado matriculado en centros públicos que se encontre con dificultades para comezar ou continuar os estudos por causas económicas é unha necesidade que se debe abordar xa para este curso 2015/16. O obxectivo é compensar as desigualdades e garantir a igualdade efectiva de oportunidades para que ningún nin ningunha estudante do noso Concello abandone a universidade por motivos económicos.

Falamos dunha axuda co fin de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación post-obrigatoria en relación coas persoas que se encontren en situacións desfavorables, unha axuda que proporcione os recursos económicos e os apoios precisos.

Seguindo o programa electoral co que se presentou a nosa formación ás eleccións do pasado 24 de maio, queremos marcar as prioridades do gasto municipal para mellorar a vida de todas e todos nós.

Por todo iso, o Grupo Municipal de Somos Maioría (PDDdG) proponlle ao Pleno do Concello de Vilagarcía de Arousa a adopción do seguinte

ACORDO:

O goberno municipal porá en marcha un programa de axudas para o pagamento de taxas académicas e transporte para estudantes universitarios e de Formación Profesional da nosa localidade que teñan que desprazarse en transporte público aos seus centros de ensino.

Por último, o noso grupo presentou conxuntamente cos grupos municipais de EU-Son e do BNG unha moción para esixir o cumprimento do estipulado na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, co seguinte texto:

GRUPO MUNICIPAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

(PARTICIPACIÓN DEMOCRÁTICA DIRECTA DE GALICIA)

Gaspar Antonio González Somoza, concelleiro e voceiro do Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG), ao abeiro do previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, desexa propoñer para a súa consideración por parte do Pleno Municipal de Vilagarcía de Arousa a seguinte moción:

MOCIÓN PARA A ADHESIÓN DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA Á PROPOSTA REALIZADA DESDE A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Desde Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG), en cumprimento dos ideais manifestados no noso programa electoral no tocante á defensa e promoción da lingua galega nas institucións públicas, solicitamos que o Concello de Vilagarcía de Arousa se sume ao compromiso coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas tal e como o propón a Mesa Pola Normalización Lingüística na súa proposta de moción en todos os concellos galegos.

Desde Somos Maioría asumimos todas as peticións que se realizan nesta proposta da Mesa e sumámonos á súa solicitude de cumprimento.

Esta moción conxunta tamén saíu adiante cos 13 votos favorables dos grupos municipais do PSdG-PSOE, EU-Son, BNG e Somos Maioría, malia os sete votos contrarios do Partido Popular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *