NOVAS MEDIDAS ACORDADAS

Na asemblea celebrada o pasado venres 19 de setembro, acordamos seguir facendo un chamamento á cidadanía vilagarciá a participar neste proxecto e seguir ampliando o número de asinantes do manifesto para ter dese xeito unha base sólida na que poder asentar e darlle forma a unha posible candidatura cidadá para a vindeira cita electoral de maio de 2015.

Como complemento a isto, acordamos comezar unha rolda de contactos coas distintas asociacións veciñais, culturais, etc. existentes no noso concello para coñecer de man das veciñas e veciños de Vilagarcía as problemáticas concretas que poida ter cada un deses lugares. Desde o noso punto de vista, non se pode caer no erro de chamar ás asociacións para falar detes temas e esperar a que sexa unha representación das mesmas a que veña a nós a comentar ditas carencias: os problemas hainos que coñecer in situ para lles buscar solución e lograr así ademais que a xente de cada lugar teña a posibilidade de participar no que consideramos que é o xeito máis correcto de implicarse politicamente, pois temos claro que é moito máis ilusionante para a veciñanza poder participar na creación dun programa electoral real, que vaia directamente a atallar os problemas, e non só optar cada catro anos polos programas que, desde as distintas formacións políticas, nos ofrecen cando se achegan uns comicios.

Acordouse ademais manter contactos tamén coas distintas forzas políticas de Vilagarcía, se ben de xeito escalonado, pois imos comezar primeiramente por aquelas que de momento non teñen representación municipal: Anova, CxG, Equo, Espazo Ecosocialista e Podemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *