CONCENTRACIÓN EN SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS REFUXIADAS

SOMOS MAIORÍA APOIA AS CONCENTRACIÓNS EN SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS REFUXIADAS E CONTRA O ACORDO ENTRE A UNIÓN EUROPEA E TURQUÍA

O grupo local da iniciativa cidadá Somos Maioría en Vilagarcía quere facer público o seu apoio e participación na Concentración que tivo lugar na tarde de onte en Vilagarcía de Arousa (na Praza de Galicia), ás 20.00 Horas, en solidaridade coas persoas refuxiadas que están a fuxir da guerra en Siria e para rexeitar a política da Unión Europea ao respecto, máis concretamente o acordo entre a UE e Turquía para a súa expulsión das fronteiras europeas.

Aínda que SOMOS MAIORÍA non figuraba entre as organizacións convocantes da concentración (cuestión que se debe unicamente a que non foi convidada polas demais organizacións promotoras) si queremos mostrar o noso apoio publicamente á mesma para demostrarlle así ás institucións europeas o noso rexeitamento a este tipo de políticas e dicirlles que así NON NOS REPRESENTAN!!!!!

Consideramos totalmente HIPÓCRITA a actuación dos gobernos e institucións europeas, que por un lado promoven e provocan coas súas políticas xeoestratéxicas guerras e conflitos en países pobres, como aconteceu en Siria, pero logo quéixanse de ter que recibir persoas refuxiadas nas súas fronteiras, persoas que o único que fan é fuxir da destrución das súas casas e vilas na busca dun futuro mellor.

Ante isto comprobamos as políticas vergonzosas dos nosos gobernantes, incapaces de afrontar a situación humanitaria, e que se limitan a pechar as fronteiras e a acordar o desaloxo de persoas refuxiadas co Estado Turco, cun acordo que vulnera todos os convenios en materia de dereitos humanos.

Nun pobo que foi e é emigrante como o galego entendemos perfectamente a situación pola que está a pasar a xente que foxe de Siria e por iso con máis forza debemos clamar e manifestar a nosa repulsa a ese tipo de políticas. É esta a educación en valores, en paz ou dereitos humanos que os nosos gobernantes queren que lles ensinemos aos nosos fillos e fillas? Entendemos que non, por iso debemos acudir a concentracións coma esta e reclamar outra política, con medidas baseadas na axuda e solidariedade entre os pobos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *