POSICIONAMENTO DE SOMOS MAIORÍA SOBRE A PROPOSTA DE ORZAMENTOS 2016

Este é o documento de valoración do noso grupo sobre a proposta que fixeron desde o Goberno Local para os Orzamentos Municipais de 2016. Este texto foi o que se lles entregou a todas as forzas políticas da Corporación para xustificar o noso voto negativo ante o que consideramos unha proposta de orzamentos que nada ten que ver coa idea que defendemos nós desde o comezo. Somos Maioría sempre avogou pola imlantación de Orzamentos Participativos, nos que a xente tivese o poder de decisión sobre o destino do diñeiro que achega co pago dos seus impostos. A proposta que fixo o Partido Socialista sitúase nun punto diametralmente oposto ao que constitúen realmente uns Orzamentos Participativos e polo tanto nós opoñémonos a esa proposta, que o Partido Socialista presenta practicamente pechada, e así o imos manifestar no Pleno Ordinario do xoves 28 de xaneiro no que se vai debater e votar dita proposta.

SOMOS MAIORIA PDD CO 55X55mm

SOMOS MAIORÍA REXEITA A PROPOSTA DE ORZAMENTO PRESENTADO POLO PSOE PARA VILAGARCÍA DE AROUSA

          A Asemblea de SOMOS MAIORÍA Vilagarcía (PDDdG), logo de analizar o proceso e  documentación entregada polo equipo de Goberno ao respecto da proposta de Orzamento municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa para o presente ano 2016, quere manifestar a súa valoración:

SOMOS MAIORÍA Vilagarcía (PDDdG) ten que rexeitar a Proposta de Orzamento presentada, tanto polas formas nas que se elabora e pretende aprobar este documento, coma polo fondo e contido do mesmo. Basicamente podemos dividir a crítica en 3 aspectos fundamentais:

A) NON CUMPREN NIN OS MÍNIMOS REQUISITOS QUE SE PIDEN PARA UNS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS.

En campaña electoral todos os grupos falan de participación, de contar coa veciñanza. O PSOE falaba do Concelleiro 22, pero logo chega a hora de elaborar o Orzamento e non se conta con ninguén e preséntase unha proposta practicamente cerrada.

Non se convoca o Consello Veciñal para estudar as necesidades das parroquias. Tampouco o Consello Económico e Social ou a Mesa do Comercio para posibles iniciativas destinadas á creación de emprego e desenvolvemento económico. Tampoco outros axentes económicos e sociais da nosa vila para elaborar unha proposta orzamentaria.

En SOMOS MAIORÍA defendemos a implantación duns Orzamentos Participativos e esta proposta non cumpre nin os mínimos esixidos. Non se aprecia unha vontade de fomentar a participación das veciñas e dos veciños por parte do Goberno Local.

B) OS FEITOS E A TRAXECTORIA DENDE A TOMA DE POSESIÓN ATA A ACTUALIDADE TAMPOUCO AXUDAN PARA QUE SOMOS MAIORÍA PENSE SEQUERA NA POSIBILIDADE DE FACILITAR A SÚA APROBACIÓN.

Para Somos Maioría, avalar este Orzamento suporía dar por boas as políticas e acordos que o Goberno Local realizou dende a toma de posesión ata agora.  Facémoslle ao PSOE unha proposta simple: a reconsideración do número e asignacións económicas das liberacións aprobadas co Grupo Municipal do Partido Popular no Pleno Organizativo.  Todo isto supón máis de 435.000 € do peto de todas e de todos.

C) CRITICAMOS O CONTIDO DOS ORZAMENTOS: rexeitamos que se pretenda endebedar máis o Concello. Esiximos un Plan de aforro dos Gastos Correntes e que se estude a posibilidade de remunicipalizar algúns dos servizos externalizados e un investimento meirande en creación de emprego ou atención social.

Sobre o contido dos Orzamentos queremos sinalar algunhas cuestións:

  1. Nos Orzamentos preténdese aprobar unha nova operación de crédito por un importe de 650.000 €.
    • NON ESTAMOS DE ACORDO CON SEGUIR AUMENTANDO O ENDEBEDAMENTO DO CONCELLO, situado a finais de 2015 en 12.580.818,03 €
    • Por riba diso, cando se revisan as propostas para as que se destinaría este novo crédito, comprobamos como dos 650.000 €, máis de 220.000 € son para aplicacións informáticas e cuestións de xestión administrativa municipal. Podemos entender a necesidade de adquirir estes equipos pero defendemos que os recursos deben saír dos fondos propios do Concello e non hai que solicitar un crédito para iso.
    • Non se pode explicar como se presenta un orzamento de máis de 26.000.000 de euros, dos cales máis de 15.000.000 son achegados directamente pola veciñanza a través dos impostos e taxas, e non se é quen de facer unha xestión dos recursos que permita non ter que recorrer a operacións de crédito.
    • Esta política conleva tamén o aumento da previsión de gastos financeiros, que se eleva en case 40.000 € con respecto ao previsto en 2015, pois pasan de 217.000 € a máis de 256.000 €.
  1. Aumento descontrolado das partidas de Gastos Correntes:
  • En 2015 orzamentáronse 9.542.497 € no capítulo 2 de Gastos Correntes. En 2016, o equipo de goberno propón 10.259.492 €, é dicir, 716.994,73 € máis.
  • Está proposta ten que ver con que xa en 2015 se excederon as partidas, e chegaron a gastarse 9.949.000 €. Isto significa que practicamente máis do 40% do total orzamentado se vai en gastos correntes e imprevistos.
  • Este aumento dos gastos correntes ten o seu contraste claro co capítulo  de  investimentos reais, que se reduce en máis de  800.000 €.
  • Chámannos moito á atención algunhas partidas de gastos correntes, que relacionamos a continuación:
    • Enerxía eléctrica instalacións          943.341,36 €
    • Iluminación pública                               774.126,20 €
    • Combustibles e carburantes           149.566,28 €
    • Vestiario                                                          62.000,00 €
    • Outros subministros                               78.437,94.€
    • Telecomunicacións                                125.049,80 €
    • Envios postais                                             96.000,00 €
    • Atencións protocolarias                       20.100,00 €
    • Publicidade e propaganda                   52.900,00 €
    • Gastos xurídicos                                        64.875,03 €

 O importe destas partidas, sobre todo dalgunhas claramente descontroladas, bate de fronte coas cantidades irrisorias que figuran noutras:

  • Plan de Prevención contra a Droga        1.018,00 €
  • Normalización lingüística                             1.000,00 €
  • Arquivo Histórico Municipal                      1.000,00 €

 Dende SOMOS MAIORÍA propoñemos un Plan de Aforro dos Gastos Correntes que permita unha mellor xestión e contar con máis recursos para “redistribuír” noutras partidas máis necesarias vinculadas á creación de emprego, á atención social ou incluso a investimento.

  1. Non se contempla a posibilidade de estudar a remunicipalización dalgún dos servizos que o Concello de Vilagarcía ten externalizados.
  • Nese sentido tamén nos chama á atención o elevado custo da Xerencia de Urbanismo: 633.280 €. SOMOS MAIORÍA solicita que se estude se é posible conseguir un aforro económico coa posibilidade da supresión da Xerencia e volver á xestión do urbanismo a través dun departamento municipal.
  1. O Capítulo de Orzamentos denota a falta de ideas para a vila no seu conxunto:
  • Chaman á atención as escasas cantidades destinadas realmente a sectores produtivos ou a cubrir as necesidades reais das veciñas e dos veciños. Tamén as poucas partidas que se destinan a Vilaxoán, Carril e ás diferentes parroquias do rural de Vilagarcía de Arousa.
  • Tamén botamos en falta unha partida para dar cumprimento á moción de SOMOS MAIORÍA aprobada polo Pleno da Corporación no sentido de rehumanizar algunhas prazas e zonas peonís co repoboamento de árbores e dotandoas de maior zona verde.
  1. Finalmente, gustaríanos que existise unha partida destinada a catalogar e protexer o patrimonio histórico e cultural de Vilagarcía de Arousa, coa inclusión dun proxecto para a realización dun Museo da Historia da vila. E tamén o aumento das partidas destinadas a incentivar a creación cultural da xente nova e das distintas asociacións existentes.

Vilagarcía de Arousa, 20 de xaneiro de 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *