Moción para a creación de bolsas de axuda a estudantes para o pago de taxas e transporte

Continuando co cumplimento do noso programa electoral. No pleno ordinario do 29 de outubro foi presentada unha moción na que se solicitou a creación dun programa de axudas para pago de taxas académicas e transporte, para estudantes universitarios e de formación profesional da nosa localidade.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Son moitas as dificultades económicas , que como consecuencia da crise, están a pasar moitas familias do noso concello. Vilagarcía encabeza a taxa de risco de exclusión social na provincia cun 30,33%. As familias sen ningún tipo de ingreso neste ano 2015, incrementáronse en mais de cen a respecto do ano 2014, contabilizándose mais de 600. Así mesmo, no primeiro semestre deste ano contabilizábanse mais de mil cincocentas familias con todos os seus membros activos en situación de desemprego. En canto ao PIB, a media por habitante en Vilagarcía é notablemente inferior á media galega (15.951 euros por veciño, mentres que no conxunto de Galiza situase en 19.599 euros).

Como consecuencia desta situación moitos dos nosos mozos e mozas ou ben tiveron que abandonar os seus estudos ou teñen serias dificultades para continualos. O aumento das taxas universitarias xunto co recorte das bolsas aumentan esas dificultades.

Atender a demanda do estudantado, matriculado en centros públicos, que se encontren con dificultades para comezar ou continuar os estudos por causas económicas é unha necesidade que se debe abordar xa para este curso 2015/16.

O obxectivo é compensar as desigualdades, garantindo a efectiva igualdade de oportunidades para que ningún estudante do noso concello abandone a universidade por motivos económicos.

Trátase dunha axuda co fin de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito a educación post- obligatoria en relación cas persoas que se encontren en situacións desfavorables, provendo os recursos económicos e os apoios precisos.

Seguindo o programa electoral co que se presentou a nosa formación ás eleccións o pasado 24 de maio, queremos marcar as prioridades do gasto municipal, para mellorar a vida de todas e todos nós.

Por todo iso, o grupo municipal de Somos Maioría (PDDdG) propón ao pleno do Concello a adopción do seguinte

ACORDO:

O goberno municipal porá en marcha un programa de axudas para pago de taxas académicas e transporte, para estudantes universitarios e de formación profesional da nosa localidade, que teñan que desprazarse a diario en transporte público aos seus centros de ensino .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *