Moción de repoboación arbórea en distintas zonas de Vilagarcía de Arousa

No pleno ordinario do mes de setembro, que vai ter lugar este xoves 24, o representante do noso grupo municipal vai presentar unha moción na que se solicita que se inicie unha campaña de humanización da nosa vila que comece polo repoboamento con árbores en distintas áreas de Vilagarcía de Arousa.

Isto forma parte do compromiso que adquirimos no noso programa electoral de loitar para que Vilagarcía de Arousa chegue a ser unha vila sustentable.

Se tedes ideas para a presentación de mocións para levalas ao pleno, facédenolas chegar ao noso correo electrónico:

info@vilagarcia.somosmaioria.org

MOCIÓN PARA A REPOBOACIÓN ARBÓREA EN CORNAZO, RODRIGO DE MENDOZA, PRAIA COMPOSTELA E PRAZA DE ABASTOS

Vivimos un momento no que cada día que pasa son máis necesarias as árbores que compensen a polución que producimos, a unha escala moi grande. Malia iso todo, ante esta necesidade de rexenerar zonas verdes, semella que a repoboación arbórea é un tema pendente que se vai deixando pasar ano tras ano. Cómpre darlle a Vilagarcía de Arousa unha nova fonte de osíxeno e non se pode seguir deixando que pase o tempo.

Pola contra, durante os últimos anos procedeuse ao arrincado das árbores en distintas partes de Vilagarcía. Concretamente, na zona próxima á Praza de Abastos pegada ao Río do Con, naqueles sitios onde había árbores plantadas elimináronse estas e enchéronse os ocos con formigón na meirande parte dos casos. Igualmente, na remodelación da rúa Rodrigo de Mendoza elimináronse as árbores e hoxe aquilo é unha rúa na que hai bancos, hai uns maceteiros, pero as árbores que fagan un pouco de sombra desapareceron. Na Praia de Compostela, talláronse árbores -nalgúns casos de enorme valor botánico- e enchéronse tamén os ocos con formigón para aumentar as prazas de aparcamento. Do mesmo xeito, no aberto próximo á Igrexa de San Pedro de Cornazo realizouse un labor de asfaltado por parte da Deputación de Pontevedra e agora mesmo esa zona presenta a imaxe dunha chaira de asfalto sen ningunha árbore que lles dea algo de sombra, por exemplo, aos elementos deportivos que se instalaron na zona máis alta de toda esa área, concretamente pegada á estrada que baixa desde a Igrexa.

Seguindo o programa electoral co que se presentou a nosa formación ás eleccións do pasado 24 de maio, o noso modelo de vila pretende, entre outras moitas características, alcanzar a sustentabilidade ambiental, e iso inevitablemente pasa polo repoboamento de todas aquelas árbores retiradas.

Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de Somos Maioría Vilagarcía (PDDdG) propón que se realicen as seguintes accións de humanización nesas zonas anteriormente mencionadas, coa:

· Reposición de árbores iguais ás que existían na zona entre o Río do Con e a Praza de Abastos e das que unicamente quedan uns exemplares.

· Incorporación de árbores na rúa Rodrigo de Mendoza que permitan establecer unhas zonas de sombra á beira do río.

· Recuperación dos exemplares das distintas especies eliminadas na Avenida Rosalía de Castro, na zona pegada á Praia de Compostela.

· Humanización dos arredores do aberto próximo á Igrexa de San Pedro de Cornazo co levantamento do asfalto nalgunhas zonas do mesmo e coa plantación de árbores autóctonas galegas. Neste caso, de maneira directa por parte do Concello se son terreos municipais, ou mediante a realización das xestións oportunas para dita humanización no caso de que sexan propiedade doutras institucións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *