Comunicación de Somos Maioría ante a nova proposta económica do PSOE

SOMOS MAIORÍA REITÉRASE NA SÚA POSICIÓN ANTE A CONVOCATORIA DA XUNTA DE VOCEIROS

	
	Considera que o PSOE mantén unha postura inmobilista ao non querer considerar outras propostas.
					
	En relación á convocatoria da xunta de voceiros do luns 10, Somos Maioría quere deixar claras as cuestións seguintes:

	1. A cidadanía xa está farta deste debate que non é o que máis lle preocupa neste momento no que se deben establecer outras prioridades na xestión municipal.

	2. Insístese en chamar organización ao que é unha cuestión económica. As cuestións organizativas do Concello (reparto de concellerías, etc.) están xa resoltas, e quedan unicamente por tratar os temas económicos e as representacións nos órganos colexiados. Sobre este último aspecto, cómpre destacar que poderían estar xa designados se o PSOE non os retirase da orde do día dos dous plenos, uníndoos á cuestión salarial para utilizalos como moeda de cambio.

	3. Somos Maioría xa lle presentou ao grupo de goberno, no pleno organizativo e publicamente, a súa proposta, que suporía un aforro de máis de 150.000 € (VER GRÁFICAS).

	4. A acusación por parte do goberno local de que os distintos grupos da oposición bloquean a gobernabilidade é ridícula, pois esta situación é culpa única e exclusivamente da intransixencia e da posición inmobilista do PSOE. É lamentable que non se fale dos problemas reais da cidadanía de Vilagarcía de Arousa e só se nos convoque para falar dos salarios.

	5. Logo de fracasar tratando de impoñer a súa postura sobre os soldos, agora, nunha fuxida cara a adiante, pretenden condicionar futuras corporacións e que se lle asine un cheque en branco ao goberno aprobando unha cantidade para eles distribuírena sen fiscalización, algo inadmisible en democracia. Os acordos sobre os salarios non teñen rango de lei para condicionar lexislaturas futuras, cando nin sequera teñen por que durar toda a lexislatura actual.

	En base ao dito previamente, a nosa posición na xunta de voceiros do luns será:

	1. Esixir que dunha vez se nomeen os representantes nos distintos órganos colexiados e que se desligue a cuestión organizativa da cuestión económica.

 	2. Reiterar a nosa proposta sobre remuneracións, liberacións, asignacións a grupos, etc.

	3. Somos Maioría vai seguir traballando en base ao programa electoral e código ético cos que concorreu ás eleccións municipais e polas necesidades reais das cidadás e os cidadáns de Vilagarcía de Arousa.

FullSizeRender 1 FullSizeRender 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *