NOTA DE PRENSA 1 XULLO 2015

SOMOS MAIORÍA, REUNIDA EN ASEMBLEA, ACORDA REXEITAR O GASTO EXCESIVO NAS RETRIBUCIÓNS DA CORPORACIÓN MUNICIPAL.

A asemblea de Somos Maioría, reunida despois dunha nova xuntanza co grupo de goberno do Concello de Vilagarcía de Arousa ao respecto do pleno organizativo que se vai celebrar o vindeiro luns, 6 de xullo, e na que se nos informou da periodicidade e dos horarios dos plenos, das asignacións económicas, liberacións e designacións de cargos de confianza, acordou o seguinte:

Ao respecto dos plenos, co fin de facilitar a participación cidadá, consideramos que os mesmos deben celebrarse fóra do horario laboral, por exemplo, a partir das 20:00 durante a semana ou os sábados pola má.

En canto ao salario do Alcalde, reiteramos a nosa idea de que a cantidade proposta é excesiva para estes tempos e que, concordando con que todos os traballos deben ser pagados dignamente, consideramos que neste caso concreto, o salario que cobraba o alcalde no seu posto anterior xa é suficientemente digno.

Ademais do aforro no salario do rexedor, no tocante ás liberacións pensamos que son demasiadas e innecesarias para o desenvolvemento do traballo político do grupo de goberno. En canto ao persoal de confianza, rexeitamos por completo a existencia deste tipo de postos.

Por último, pensamos que o montante dedicado ás asistencias aos órganos colexiados municipais a como a dotación económica aos grupos políticos da corporación debe reducirse, polo menos, nun 10% sobre a cantidade que se viña cobrando ata hoxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *