Somos Maioría Vilagarcía nunca solicitou o aval de ningún partido político dos que hoxe actúan en Vilagarcía

Ante a noticia aparecida hoxe nos medios de comunicación sobre o que pode parecer a petición dun posible aval á nosa candidatura por parte dun dos partidos políticos que actúan no noso Concello, co fin de evitarlle á cidadanía confusións ou malos entendidos, Somos Maioría-Vilagarcía quere manifestar o seguinte:

Somos Maioría é unha candidatura de unidade cidadá, nacida ao abeiro do manifesto que 50 galegos e galegas de distinta procedencia asinaron o pasado verán, para promover e alentar candidaturas cidadás plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación e transformación e co denominador común da defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta.

Somos Maioría-Vilagarcía naceu a finais de agosto coa intención de artellar unha plataforna cidadá plural para gobernar este concello. A día de hoxe, despois de moitas asembleas e xuntanzas coa veciñanza e con distintos colectivos, xa temos elixido en votación telemática o noso cabeza de lista, Gaspar Antonio González Somoza. Tamén foi aprobado do mesmo xeito o Código Ético que vincula a todos os membros de Somos Maioría, incluídas/os as/os nosos futuras/os representantes no Concello. Froito das xuntanzas, das achegas en asembleas e dunha enquisa que aínda se pode cubrir vía internet, temos a piques de rematar o noso programa electoral, así como o grupo de persoas que será quen de levalo adiante no Concello. Todos os membros de Somos Maioría participan deste proxecto de xeito individual, son soberanos. Cremos na democracia participativa e non representativa que se limita a votar cada catro anos.

Somos Maioría – Vilagarcía nunca solicitou o aval de ningún partido político dos que hoxe actúan en Vilagarcía, nin tampouco das súas cúpulas organizativas. Será a cidadanía que queira construír unha Vilagarcía diferente cunha forma nova de facer política a que nos dará o seu aval, o único válido para nós, o día das eleccións.

 

info@vilagarcia.somosmaioria.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *