CÓDIGO ÉTICO DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Entre os principios esenciais que marcan o ritmo da acción política en Somos Maioría – Vilagarcía, ocupa un lugar destacado a esixencia dun compromiso ético. Segundo a nosa declaración de principios, Somos Maioría móvese por outra maneira de facer política, da xente e para a xente: con contas claras e transparencia, sen posibilidade de acomodarse nos cargos e blindarse de privilexios, sen perder o diálogo coa cidadanía.

Para iso cómpre desprazar o concepto de poder e transformalo no de servizo: un Grupo Municipal é parte integrante desa cidadanía e débelle render contas mentres traballa polos desexos comúns.

Unha das razóns que nos levou a impulsar Somos Maioría foi a chea de corrupción que domina as institucións. Fronte a este sistema corrupto, urxe demostrar que é posible outra forma de facer política. Non entendemos o acceso aos cargos representativos como unha carreira profesional nin como un xeito de vida. Cremos na renovación e non na fosilización nos cargos. E por riba de todo, cremos na cidadanía gobernándose a si mesma.

Un código ético tal e como desexamos debe recoller unha serie de medidas para evitar o afastamento entre representantes e persoas representadas, para asegurar que as persoas que acceden aos cargos públicos fano cunha profunda vocación de servizo e non pola soa satisfacción de aspiracións persoais. Só un compromiso ético que minimice as posibilidades de corrupción garantirá unhas institucións ao servizo da cidadanía.

Establecemos tamén medidas preventivas da corrupción, como as relativas a evitar os conflitos de intereses e outras situacións que poden provocar o desvío dunha actuación política correcta. Facemos un fincapé especial nas medidas relativas á transparencia, que lle permitirán á cidadanía controlar calquera exceso por parte dos representantes institucionais de Somos Maioría – Vilagarcía

Este documento recolle un código de prácticas e accións concretas de obrigado cumprimento para as persoas que se inscriban en SOMOS MAIORÍA- Vilagarcía, ocupen ou non cargos electos, cuxa finalidade é garantir unha xestión política cercana e comprometida coa cidadanía, que ofreza mecanismos eficaces, democráticos e populares de transparencia no financiamento e rendición de contas, así como espazos reais de participación e decisión cidadá nos asuntos públicos.

Identifícanse aquí un conxunto de principios e valores que deben regular a actividade política do conxunto das persoas que se agrupan arredor de Somos Maioría – Vilagarcía. Toda persoa debe comportarse de acordo con certos principios éticos e sociais, debe velar polo bo uso dos bens públicos e ser especialmente coidadosa cos recursos públicos; debe orientar a súa práctica polos valores de eficiencia, equidade e eficacia, e ser responsable e asumir as consecuencias legais e morais das acción e omisións pasadas e presentes e debe estar disposta a dar conta delas.

Proponse estimular boas prácticas, para fortalecer a vida democrática e prestixiar, novamente , o compromiso e a actividade política.

 

PROCESO DE CONFORMACIÓN DA CANDIDATURA ELECTORAL

 

OBXECTIVOS:

  • Somos unha candidatura veciñal, polo tanto esixímonos un proceso aberto, no que poida postularse calquera persoa sempre que se concorde cos principios, código ético e condicións aprobadas pola asemblea de Somos Maioría.
  • En concordancia cos principios, debe ser un proceso participativo, e as persoas que se candidaten deben ser expostas en asemblea e ratificadas mediante votación telemática de todas e de todos os participantes na iniciativa Somos Maioría.
  • En aras da radicalidade democrática debemos respectar o principio de igualdade e de toma de decisións dende a base, polo que rexeitaremos calquera imposición de nomes ou reparto de “cotas” en base a siglas ou grupos organizados.
  • Debemos facer unha lista plural, representativa da cidadanía de Vilagarcía, fomentando a participación dos movementos sociais, culturais e veciñais que o desexen. Contaremos con persoas de diversos sectores profesionais, e cun adecuado equilibro territorial entre os diferentes núcleos urbanos e as parroquias do rural.
  • Defensa do noso patrimonio natural e cultural.
  • Utilización do galego como lingua vehicular.
  • Somos Maioría someterá os pactos previos e posteriores ás eleccións á aprobación cidadá na Asemblea.
  • Comprometémos a realizar unha campaña electoral de carácter informativo das nosas propostas limpa e respectuosa co medio e reduciremos ao máximo os gastos da mesma coa renuncia expresa ao envío de “mailing” electoral.
  • As persoas pertencentes a Somos Maioría non confundirán, no espazo público, as opinións persoais coa postura da Asemblea.

 

REQUISITOS PARA PODER SER CANDIDATA/O DE SOMOS MAIORÍA:

En cumprimento dos acordos de SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA establécese que non poderán figurar na candidatura persoas que se atopen nos supostos seguintes:

  • Persoas que estean imputadas ou condenadas xudicialmente por casos de corrupción, financiamento ilegal ou calquera outro delito relacionado coa administración pública.
  • Tampouco aquelas persoas imputadas – condenadas por delitos de violencia de xénero, violación dos dereitos laborais, homofobia ou xenofobia.
  • Persoas que na actualidade estean desenvolvendo cargos de representación política ou pública noutras administracións (NON Á DUPLICIDADE), a non ser que previamente renuncien aos mesmos.
  • Persoas que pola súa actividade presente ou pasada poidan dar lugar á creación de conflitos de intereses na representación do seu cargo ou á sospeita de querer realizar un aproveitamento persoal do mesmo.
  • Aquelas que non acepten cumprir o código ético e os principios do manifesto Somos Maioría ou someterse á avaliación dos seus cargos públicos por parte da Asemblea de Somos Maioría.

A Asemblea de SOMOS MAIORÍA estará facultada para interpretar as casuísticas concretas que se deriven destes puntos.

 

CÓDIGO ÉTICO DAS/OS CONCELLEIRAS/OS DE SOMOS MAIORÍA – E REQUISITOS PARA A CONFORMACIÓN DA LISTA

Ao mesmo tempo, para aquelas persoas que logren unha acta de concelleira/o da lista de SOMOS MAIORÍA establécense as seguintes condicións de obrigado cumprimento:

codigoeticoblog

  1. NON Á DUPLICIDADE DE CARGOS: no caso de que unha concelleira ou concelleiro de SOMOS MAIORÍA alcance un cargo de representación pública noutra administración ou parlamento – senado, deberá abandonar inmediatamente a súa acta de concelleira/o.
  2. LIMITACIÓN DE MANDATOS: establécese unha limitación de mandatos de 2 lexislaturas para todos os cargos de SOMOS MAIORÍA. Os cargos electos exercerán as súas responsabilidades durante un máximo de oito anos, o equivalente a dous mandatos completos, sexan alternos ou consecutivos. Despois deste período deberán regresar á súa actividade profesional un mínimo de cinco anos.
  3. NON AOS PRIVILEXIOS: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA rexeitarán calquera agasallo, privilexio ou trato de favor, que se lles poida ofrecer en razón do seu cargo, e comunicarán tal rexeitamento de xeito público.
  4. TRANSPARENCIA ABSOLUTA: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA farán públicas todas aquelas retribucións ou abonos que reciban polo seu cargo no Concello ou pola súa representación, e deberán deixar esta información accesible a toda a cidadanía.
  5. DECLARACIÓN DE BENS: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA comprométense a publicar a súa declaración de bens, tanto ao inicio da lexislatura como no momento en que abandonen o seu cargo.
  6. CUMPRIMENTO DO PROGRAMA ELEITORAL: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA comprométense a traballar polo cumprimento do Programa Electoral presentado.
  7. SOMETEMENTO Á ASEMBLEA CIDADÁ: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA aceptan someter o seu traballo á avaliación periódica da cidadanía e da Asemblea de SOMOS MAIORIA en Vilagarcía, que poderá obrigar ao revogamento do seu cargo.
  8. RENUNCIA INMEDIATA AO CARGO: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresa e previamente autorizada pola asemblea de Somos Maioría.
  9. SERVIZO Á CIDADANÍA: as concelleiras e os concelleiros de SOMOS MAIORÍA defenderán e aplicarán o principio da igualdade de todas as veciñas e dos veciños diante do Concello e comprométense a poñer sempre por diante na súa actuación os intereses xerais da cidadanía de Vilagarcía.

 

info@vilagarcia.somosmaioria.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *