Pechado por Folga (II)

 

Fotografía: José Luiz Oubiña
Fotografía: José Luiz Oubiña

Como era de esperar, a chamada das traballadoras e dos traballadores do Diario de Arousa tivo unha contestación excelente por parte da sociedade de Vilagarcía de Arousa e de todo o Salnés, que acudiu en masa á concentración que se realizou onte diante do propio xornal.

Foron tamén moitas as mostras de apoio que recibiu en persoa e polas redes sociais este grupo de auténticos profesionais durante todos estes días: equipos de baloncesto, de fútbol, cadros de persoal de distintas empresas, formacións políticas, etc. fixéronse eco do chamamento dunha xente que non esixe máis ca unha cousa, que é poder realizar o seu traballo nunhas condicións lóxicas.

Cómpre destacar a solidariedade amosada tamén polas compañeiras e polos compañeiros doutros medios locais que se uniron á concentración da Praza de Galicia, en solidariedade con quen soubo agradecer inmensamente tal apoio.

Hoxe o xornal Diario de Arousa (así coma o Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, El Ideal Gallego e DxT) non saíu á rúa nin tivo edición dixital. Isto é algo moi importante na historia do xornalismo galego. É unha mágoa, é un verdadeiro atentado contra a profesionalidade, que quen toma as decisións nos outros medios non cumprise o seu labor e non nos informase á cidadanía dun fito histórico coma este. Sexa como for, Somos Maioría as persoas que preferimos quedar coa imaxe dos compañeiros e das compañeiras que a título particular si amosaron o seu apoio. Ese é o camiño, o da solidariedade contra o corporativismo.

E a loita continúa…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *