Concentración ante o Diario de Arousa

Concentración Diario de Arousa do 19 de decembro de 2014

Esta tarde, unha vez máis, fomos maioría as cidadás e os cidadáns de Vilagarcía que nos sumamos ás reinvindicacións que o cadro de persoal do Diario de Arousa fixo na concentración convocada diante do mesmo xornal para as 16:00 horas.

As traballadoras e os traballadores deste diario, que desenvolven o seu labor coa mesma profesionalidade de sempre, levan meses reclamando o que por lei lles corresponde; ante os abusos, ante os incumprimentos por parte da empresa que edita o xornal, seguen loitando e, por suposto, contan co apoio da cidadanía de Vilagarcía de Arousa e dos arredores.

Houbo na concentración desta tarde representantes de varios partidos da oposición, pois como esta reinvindicación non sae nos medios e non “dá votos”, a representación do Partido Popular brillou pola súa ausencia.

Cómpre destacar que a esta chamada se uniron representantes das traballadoras de Cuca e dos traballadores de Lantero, que viñeron dar o seu apoio e demostraron que hai unión entre a cidadanía, que os distintos colectivos que reinvindican melloras nos seus traballos tamén teñen un oco para apoiar as demandas dos demais.

Vaian desde aquí os nosos parabéns para todas e todos os participantes nesta concentración e os nosos ánimos para ese equipo de traballo que segue loitando contra esta inxustiza e contra estes abusos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *