Acta da Asemblea do 3 de decembro de 2014

O pasado mércores 3 de decembro tivemos unha nova asemblea de asinantes do manifesto Somos Maioría en Vilagarcía de Arousa. Dita xuntanza, celebrada na Sala de Prensa do Auditorio, celebrouse coa seguinte orde do día:

1. Dar conta dos cumprimentos dos acordos da xuntanza anterior.              1.1. Participación do Acto sobre as Mareas Cidadás organizado por Podemos.                                                                                                                                            1.2. Xuntanza co Bloque Nacionalista Galego.                                                        1.3. Pegada de carteis coas campañas dos Orzamentos Participativos e do Consello Cidadán.                                                                              1.4. Nota de Prensa sobre os acordos da xuntanza anterior.

2. Propostas de novas reunións e de novas campañas.                                          2.1. Outros colectivos para solicitar reunión con eles.                                      2.2. Texto “Pola Rexeneración Democrática nos Concellos do Salnés”.

3. Rogos e preguntas

No primeiro punto fíxose unha valoración moi positiva da imaxe que deu o representante de Somos Maioría no acto organizado por Podemos.  Igualmente positiva foi o resumo da xuntanza co BNG, que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade absoluta, se ben non houbo ningún acordo polo que o BNG se vaia unir ao movemento Somos Maioría, pois os seus representantes teñen decidido que van concorrer ás vindeiras eleccións de maio baixo as siglas “BNG, Asembleas Abertas”; non obstante, comentouse igualmente a vontade por parte desa formación política de volver ter reunións semellantes nun futuro. Dentro deste primeiro punto, deuse conta tamén da pegada dalgúns carteis da campaña a prol dos orzamentos participativos e amosáronse na asemblea os distintos carteis que xa se pegaran con anterioridade. Por último, comentouse a escasa repercusión que tivera nos medios a última nota de prensa que se lles enviara, que se viu reflectida unicamente no Diario de Arousa.

De momento non se puideron realizar as reunións coa Presidenta de Zona Aberta, pois houbo que adiar a xuntanza por coincidir a data elixida cun acto a prol dos traballadores de Lantero. Do mesmo xeito, estamos á espera de recibir confirmación por parte do Presidente de Cáritas Arousa para ter tamén unha reunión con el.

2. No segundo punto propúxose ter reunións cun representante do colectivo de vendedoras e vendedores da praza e cun representante da asociación “Arousa en Bici”.

Ademais destas reunións, o máis destacado como proposta de traballo foi a posta en común dun texto para repartir polos concellos do Salnés nos que haxa representación de Somos Maioría: Cambados, Ogrobe, Ribadumia e Vilagarcía.

Por último, dentro deste punto propúxose tamén comezar a traballar no seguinte punto para o programa electoral, referido á sostibilidade.

3. En rogos e preguntas comentouse a posibilidade de ter un día fixo para as xuntanzas e convocar as mesmas previa comunicación dos puntos da orde do día para facilitar o seu debate.
ACORDOS DA ASEMBLEA:
  • Coas próximas entrevistas a colectivos, dar por pechada esta fase que comezou en setembro e centrarnos xa no desenvolvemento dun programa electoral.
  • Acordar un día para pegar os carteis que faltan.
  • Facer achegas por correo electrónico á proposta do texto da rexeneración democrática.
  • Participar na nova manifestación dos traballadores de Lantero, así como nas concentracións de apoioa ás traballadoras e traballadores do Diario de Arousa.
  • A partir do Nadal, fixar un día para as xuntanzas e dalo a coñecer publicamente para favorecer que se poida achegar máis xente a participar nas asembleas.

Sen máis asuntos por tratar, pechouse a asemblea ás 22:00 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *