Arquivo da categoría: Campañas

SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA FAI BALANCE DA PRIMEIRA SEMANA DE CAMPAÑA ELECTORAL

Somos Maioría Vilagarcía, pasada a primeira semana de campaña electoral, fai o seguinte balance:

  1. A situación de crise xeralizada pola que estamos a atravesar a maioría da poboación, contrasta coa dispendiosa campaña electoral que están facendo os partidos do sistema. Querémoslles lembrar a todos eles que Vilagarcía, cun 30,3%, encabeza a taxa de poboación en risco de exclusión social na provincia de Pontevedra. Ademais conta con 1.563 fogares que teñen a todos os seus membros no paro e as familias sen ningún tipo de ingreso dispárase a 627 persoas. Cen máis có ano pasado. Nesta situación consideramos unha falta de sensibilidade e de ética política ese malgasto de diñeiro. Para publicitar a cara dun cabeza de lista consideramos que non é preciso colocar máis de 20 carteis xuntos.
  1. A poboación debe saber que todo este gasto fastuoso págase con diñeiro público. É dicir, sae dos nosos impostos. Cada partido que presente listas no 50 por cento dos Concellos da provincia e obteña representación poderá gastar 150.000 euros. Ademais as papeletas de votación que chegan aos domicilios, o chamado “mailing” ten unha subvención de 0,22 euros por voto obtido. Isto representa millóns de euros que saen das arcas do Estado e que se poderían aforrar se o voto se recollese no propio colexio electoral. É un insulto á cidadanía, que despois de máis de trinta anos de democracia, se pense que o electorado non é capaz de coller o seu voto no seu respectivo colexio electoral. Os propios partidos, conscientes da grave situación que estamos a vivir, deberían ser os primeiros en renunciar a este tipo de privilexios. Como vai ser rigoroso no gasto público quen gasta o diñeiro dos nosos impostos de xeito innecesario?
  1. Somos Maioría recolle no seu Código Ético que “nos comprometemos a realizar unha campaña electoral de carácter informativo das nosas propostas limpa e respectuosa co medio e reduciremos ao máximo os gastos da mesma coa renuncia expresa ao envio de “mailing” electoral. Na noite de apertura de campaña os nosos primeiros carteis pedían austeridade. A falta de sensibilidade nese sentido é evidente.
  1. Constatamos que no rural a falta de taboleiros oficiais para poder poñer carteis, (e limitar deste xeito o número dos que se colocan) fai que a poboación desas zonas sexa discriminada con respecto á que vive no centro, a non ser que se opte por pegar os carteis en muros privados, co que isto supón de degradación do medio por ser difícil a súa retirada.

En Somos Maioría Vilagarcía queremos rigor no gasto público. Queremos gobernar de xeito diferente. Para escoitar as nosas propostas faremos un acto electoral o xoves día 21, ás oito e media, na Sala de Conferencias do Auditorio e seguiremos na rúa informando sobre as nosas propostas e co photocall.

Orzamentos Participativos

Cartel Somos Maioría Orzamentos Participativos ReducidaSomos Maioría Orzamentos Participativos

Somos Maioría as persoas de Vilagarcía de Arousa que queremos ter a potestade de fiscalizar os cartos que se nos cobran en impostos municipais e decidir o xeito de empregalos para mellorar a vida de todas e de todos nós. Somos Maioría as xentes que queremos marcar as prioridades do gasto municipal. Esiximos transparencia absoluta á hora de xestionar o diñeiro na nosa vila.

Por iso defendemos a implantación dunha política económica clara, na que as cidadás e os cidadáns poidamos ter realmente o poder de decisión sobre a utilización do diñeiro que, de común acordo, consideremos importante.

O único xeito de que sexa a cidadanía vilagarciá quen realmente decida sobre os investimentos en políticas sociais, de emprego, en infraestruturas, etc., é que parte do orzamento anual da nosa vila sexa participativo.

Convidamos a toda Vilagarcía a unirse a nós e achegar ideas para esta campaña, porque todas e todos seremos quen de logralo, porque todas e todos sumamos, porque todas e todos… Somos Maioría.