Arquivo da categoría: Prensa

Comunicación de Somos Maioría ante a nova proposta económica do PSOE

SOMOS MAIORÍA REITÉRASE NA SÚA POSICIÓN ANTE A CONVOCATORIA DA XUNTA DE VOCEIROS

	
	Considera que o PSOE mantén unha postura inmobilista ao non querer considerar outras propostas.
					
	En relación á convocatoria da xunta de voceiros do luns 10, Somos Maioría quere deixar claras as cuestións seguintes:

	1. A cidadanía xa está farta deste debate que non é o que máis lle preocupa neste momento no que se deben establecer outras prioridades na xestión municipal.

	2. Insístese en chamar organización ao que é unha cuestión económica. As cuestións organizativas do Concello (reparto de concellerías, etc.) están xa resoltas, e quedan unicamente por tratar os temas económicos e as representacións nos órganos colexiados. Sobre este último aspecto, cómpre destacar que poderían estar xa designados se o PSOE non os retirase da orde do día dos dous plenos, uníndoos á cuestión salarial para utilizalos como moeda de cambio.

	3. Somos Maioría xa lle presentou ao grupo de goberno, no pleno organizativo e publicamente, a súa proposta, que suporía un aforro de máis de 150.000 € (VER GRÁFICAS).

	4. A acusación por parte do goberno local de que os distintos grupos da oposición bloquean a gobernabilidade é ridícula, pois esta situación é culpa única e exclusivamente da intransixencia e da posición inmobilista do PSOE. É lamentable que non se fale dos problemas reais da cidadanía de Vilagarcía de Arousa e só se nos convoque para falar dos salarios.

	5. Logo de fracasar tratando de impoñer a súa postura sobre os soldos, agora, nunha fuxida cara a adiante, pretenden condicionar futuras corporacións e que se lle asine un cheque en branco ao goberno aprobando unha cantidade para eles distribuírena sen fiscalización, algo inadmisible en democracia. Os acordos sobre os salarios non teñen rango de lei para condicionar lexislaturas futuras, cando nin sequera teñen por que durar toda a lexislatura actual.

	En base ao dito previamente, a nosa posición na xunta de voceiros do luns será:

	1. Esixir que dunha vez se nomeen os representantes nos distintos órganos colexiados e que se desligue a cuestión organizativa da cuestión económica.

 	2. Reiterar a nosa proposta sobre remuneracións, liberacións, asignacións a grupos, etc.

	3. Somos Maioría vai seguir traballando en base ao programa electoral e código ético cos que concorreu ás eleccións municipais e polas necesidades reais das cidadás e os cidadáns de Vilagarcía de Arousa.

FullSizeRender 1 FullSizeRender 2

PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA PARA O PLENO ORGANIZATIVO DA NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL

  Esta tarde celebrouse o pleno organizativo da nova corporación municipal de Vilagarcía de Arousa. Estas son as propostas que fixo o noso representante naqueles puntos nos que había que votar.
5. Aprobación, se procede, da periodicidade de sesións do Pleno da Corporación Municipal.
 Conforme ao que viñemos expoñendo desde o nacemento do noso grupo político en Vilagarcía, hai agora xa case un ano, Somos Maioría entende que a política debe estar ao servizo da cidadanía e polo tanto opinamos que desde a institución máis cercana á mesma, como é o Concello, debémoslles facilitar ás cidadás e aos cidadáns a asistencia aos plenos e, se así o desexan, a súa participación nos mesmos. 
 Polo tanto, o noso grupo propón -e así o aprobamos en asemblea e así se lle transmitiu ao grupo de goberno- que as sesións se celebren fóra do horario laboral, ben sexa en día de semana -a celebración en xoves parécenos tan boa coma outra calquera- pero sempre despois das 20:00 horas, para facilitar que poida asistir ás mesmas o maior número de veciñas e de veciños posible. Unha persoa que traballe en horario habitual (un pequeno comerciante, por exemplo) non pode acudir a un pleno se este se celebra tan cedo. Se por calquera motivo fose inviable a celebración das sesións neste horario que nós propoñemos, ofrecemos tamén a alternativa de realizar as mesmas os sábados pola mañá. 
 Por todo o exposto anteriormente, se desde o grupo de goberno non se ofrece máis alternativa cá de comezar os plenos ás 17:00 horas, o noso voto, desde logo, vai ser contrario a tal proposta.
6. Aprobación, se procede, da creación e composición das Comisións Informativas Permanentes.
 A nosa posición neste caso vai ser tamén acorde coa liña que temos marcada desde o comezo da nosa andaina política. Non lle imos poñer pero ningún ao reparto establecido das mesmas, se ben si que nos imos opoñer, como se explicará no punto 10 da orde do día, ao gasto que supoñen tales comisións. O noso grupo fixo unha proposta que se lle comunicou ao grupo de goberno e da que se fixeron tamén eco os medios informativos locais pero vemos que non se tomou en consideración por parte do dito grupo de goberno á hora de redactar a proposta que nos ofrecen hoxe aquí. Por todo isto, ímonos abster neste punto.
7. Aprobación, se procede, dos nomeamentos de representantes da Corporación en órganos colexiados, que sexan de competencia no Pleno.
 Neste caso, e proporcionalmente ao número de actas de concelleiro que obtivo cada forza política, entendemos que Somos Maioría teña representación unicamente naqueles órganos nos que poidan participar todos os grupos municipais ao non presentar o noso ningunha proposta de nomeamento nas conversas previas á preparación deste pleno. 
 Non obstante, esperamos que as propostas que aquí se nos presentan non se enfoquen como unha moeda de cambio para conseguir apoios puntuais a determinadas decisións. Confiamos na boa vontade política da proposta, pero que non lle caiba dúbida a ninguén de que imos estar pendentes de todos os movementos que se fagan por parte das persoas elixidas neses órganos colexiados.
 Si nos sorprende, sen embargo, que despois de facer o Sr. Alcalde un discurso hai tres semanas falando de diálogo e de pluralismo en referencia ao resto das forzas da corporación municipal, propoña agora un reparto que amosa pouca xenerosidade co resto dos grupos da oposición. VERBA VOLANT; ESCRIPTA MANENT. (As palabras voan, os escritos permanecen). Faga vostede bo uso das súas competencias e abra a man con respecto a este asunto. Sería moi de agradecer.
8. Aprobación, se procede, do establecemento de retribucións do Alcalde, Concelleiros delegados e determinación de número, características e retribucións do persoal eventual.
 Como xa levamos manifestando nos últimos días, o noso grupo vaise opoñer á proposta inicial do grupo de goberno porque a consideramos desproporcionada en base á situación actual. Non entendemos que agora mesmo, coa situación de crise que seguimos vivindo, non haxa por parte do goberno municipal nin un mínimo intento de rebaixar o gasto destinado polo goberno anterior a pagar o soldo do rexedor municipal e os membros do grupo de goberno liberados, que xa dicimos que son un gasto innecesario. Esa foi a proposta que fixo o grupo socialista desde o primeiro instante e que non variou en ningún momento. En ningún momento houbo intentos de negociación seria a ese respecto. 
 Moito se fala de dignidade á hora de valorar o salario do Alcalde e dos demais membros do grupo de goberno que van cobrar polo seu labor político no Concello. O que non podemos esquecer é que esa "dignidade", por descontado, tamén llela hai que aplicar aos salarios de todas as persoas que teñen un traballo, que cada día, por desgraza, son menos. 
 Somos Maioría está a favor de prestixiar a política, claro, e as persoas que dedican os seus esforzos a traballar pola xente merece unha boa compensación enconómica pola realización desa función. Salarios dignos para os cargos públicos elixidos democraticamente, por suposto, pero tamén hai que ter un mínimo de vocación política, de vontade de servizo á cidadanía. A nosa proposta é clara: é suficientemente digno o salario que o Sr. Varela cobraba no seu posto de traballo anterior e pensamos que debe manter esa cantidade.
 Falaba tamén o Señor Alcalde na súa primeira intervención como tal o pasado día 13, e non sen razón, de que a alta abstención nas eleccións do 24 de maio era unha mostra do distanciamento da cidadanía cos seus representantes. Efectivamente, estamos de acordo con iso, e pensamos que un xesto coma o que se lle pide ao grupo de goberno neste sentido serviría tamén para que máis persoas se visen identificadas cos representantes políticos que elixiron. As cidadás e os cidadáns de Vilagarcía de Arousa esperamos un xesto nese sentido.
 En canto ás concelleiras e concelleiros liberados, xa manifestamos hai días que estamos en contra do número tan elevado dos mesmos e que o Concello conta con moito persoal traballando de xeito moi válido en todas as concellerías e realizando un labor excelente, polo que non entendemos que haxa que pagarlle un soldo a unha persoa que ten que tomar simplemente decisións políticas en base a ese traballo realizado polo persoal municipal. 
 Polo que respecta ás designacións de postos eventuais, en canto ao cargo de Secretario particular do Alcalde, consideramos que ese é un labor que pode realizar perfectamente o persoal que traballa no Concello, sen necesidade de que teña a cidadanía de Vilagarcía de Arousa que destinar diñeiro para tal función por unha persoa escollida a dedo. Desde logo, non imos apoiar que realice traballo político unha persoa que non foi elixida nun proceso electoral, por moito que a lei así o contemple. 
 No tocante ao técnico para a Fundación de Deportes, seguindo o programa electoral co que nos presentamos ás eleccións de maio, o concepto de "Fundación" non é algo que nós admitamos per se, senón que avogamos pola municipalización dos servizos pero entendemos que mentres non exista tal municipalización ten que existir a figura dun técnico que cumpra as funcións propias do posto. Non obstante, e como tamén reflectimos no noso programa electoral, para nós a contratación deste tipo de persoal debe ser mediante oposición. Se non é así, o noso voto vai ser contrario a tal designación.
 Xa para rematar, para a nosa formación é crucial que o grupo de goberno faga unha revisión da súa proposta e que se inclúa unha rebaixa nesta parte dos orzamentos para que se destine a mesma, por exemplo, a Asuntos Sociais. Pódeselle solicitar ao equipo técnico de Servizos Sociais un informe polo miúdo e destinar esas cantidades a unhas funcións, pensamos, que son moito máis importantes neste momento. O benestar da maioría ten que estar por riba do benestar dunha minoría, ou dun só.
9. Aprobación, se procede, das asignacións aos grupos políticos municipais.
 Para o noso grupo as cantidades que propón o grupo de goberno son excesivas e a medida de duplicar a cota fixa aínda que se reduza, minimamente, a cantidade por concelleira ou concelleiro electo é un caramelo que non queremos probar, por moito que se presente como algo que nos beneficia aos grupos pequenos. Unha vez máis, afirmamos que a quen hai que beneficiar é á cidadanía de Vilagarcía.
 Somos Maioría, como tamén explicitou nas últimas semanas, non vai aceptar a proposta do grupo socialista e propón unha rebaixa dun mínimo dun 10% das asignacións aos grupos municipais con respecto ás asignacións que se viñan aplicando ata agora. Non podemos, obviamente, solicitar unha rebaixa nas partidas orzamentarias sen comezar por nós mesmos. A austeridade da que fixemos gala na nosa campaña electoral ímola manter tamén neste caso. 
 A nosa proposta, como digo, vai encamiñada ao aforro destas partidas para destinar ese diñeiro a outras funcións. Defendemos, por descontado, a necesidade de que as forzas políticas conten cos medios para desenvolver o seu traballo no Concello, pero isto non debe ser escusa para convertelos no medio de financiamento dos partidos. En canto a isto, e sempre desde o respecto absoluto á idea de que cadaquén pode facer co seu salario o que lle pete, as declaracións do Sr. Alcalde nos últimos días dicindo que o que deixa de percibir o seu grupo coa proposta que nos presentan hoxe aquí será recompensado por el co seu salario parécennos moi desafortunadas. Se está disposto a cederlle parte do seu salario ao seu partido, cédallelo ás súas veciñas e aos seus veciños. Repito a famosa frase: ¨O benestar da maioría ten que estar por riba do benestar dunha minoría, ou dun só". 
 Por todo o exposto anteriormente, o noso voto vai ser contrario á proposta que nos fai o grupo de goberno.
10. Aprobación, se procede, das indemnizacións en concepto de asistencias pola concorrencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados da Corporación.
 A este respecto, Somos Maioría non pode apoiar a proposta que nos presenta o grupo socialista, grupo que si, é o do partido máis votado, pero que non debe esquecer que a veciñanza non lle outorgou unha maioría absoluta para gobernar do xeito no que parece que o quere facer. Isto non é o diálogo prometido no primeiro discurso do Sr. Varela como Alcalde. Moi boas palabras, si, pero sen vontade de ceder nin o máis mínimo...
 O noso apoio, coma no caso anterior, pasaría por unha redución mínima dun 10 % do montante que estipula o grupo de goberno para este punto. Ademais disto, para o noso grupo resulta sorprendente que se cobre a mesma cantidade por pleno do que se cobra por cada unha das comisións informativas de preparación do mesmo, feito que só se produce en todo o Salnés no noso concello e no de Sanxenxo. A nosa proposta é clara a este respecto: se catro comisións informativas son as que se corresponden con cada pleno, o importe que a cidadanía debe pagar polas mesmas non pode superar unha cuarta parte do importe que ten que pagar por ese pleno. É o lóxico.
 Por último, asumimos que se ben os votos para a toma de decisións nesas comisións se correspondan co número de concelleiros que establece a lei, a concorrencia efectiva nas mesmas é suficiente coa participación dun membro por formación e que se empregue o voto ponderado. Con esta medida aforraríase moito diñeiro que se podería destinar a outras funcións dentro do orzamento municipal.

NOTA DE PRENSA 1 XULLO 2015

SOMOS MAIORÍA, REUNIDA EN ASEMBLEA, ACORDA REXEITAR O GASTO EXCESIVO NAS RETRIBUCIÓNS DA CORPORACIÓN MUNICIPAL.

A asemblea de Somos Maioría, reunida despois dunha nova xuntanza co grupo de goberno do Concello de Vilagarcía de Arousa ao respecto do pleno organizativo que se vai celebrar o vindeiro luns, 6 de xullo, e na que se nos informou da periodicidade e dos horarios dos plenos, das asignacións económicas, liberacións e designacións de cargos de confianza, acordou o seguinte:

Ao respecto dos plenos, co fin de facilitar a participación cidadá, consideramos que os mesmos deben celebrarse fóra do horario laboral, por exemplo, a partir das 20:00 durante a semana ou os sábados pola má.

En canto ao salario do Alcalde, reiteramos a nosa idea de que a cantidade proposta é excesiva para estes tempos e que, concordando con que todos os traballos deben ser pagados dignamente, consideramos que neste caso concreto, o salario que cobraba o alcalde no seu posto anterior xa é suficientemente digno.

Ademais do aforro no salario do rexedor, no tocante ás liberacións pensamos que son demasiadas e innecesarias para o desenvolvemento do traballo político do grupo de goberno. En canto ao persoal de confianza, rexeitamos por completo a existencia deste tipo de postos.

Por último, pensamos que o montante dedicado ás asistencias aos órganos colexiados municipais a como a dotación económica aos grupos políticos da corporación debe reducirse, polo menos, nun 10% sobre a cantidade que se viña cobrando ata hoxe.

NOTA DE PRENSA 18 DE XUÑO DE 2015

SOMOS MAIORÍA LAMENTA QUE NON SE PRODUZA UNHA REDUCIÓN DO GASTO EN SOLDOS E LIBERACIÓNS.

A asemblea local de Somos Maioría, celebrada onte no Auditorio, manifesta que na primeira decisión que toma o novo grupo de goberno local non se aprecie ningún cambio con respecto ao goberno anterior.

Desde esta formación consideramos que se debera facer unha rebaixa considerable do montante común das liberacións en función do que tiveron que rebaixar as veciñas e veciños de Vilagarcía. Do mesmo xeito, no caso do soldo do Alcalde debérase facer unha rebaixa, tendo en conta ademais que se presenta soamente como coordinador do grupo de goberno sen asumir ningunha área de traballo.

Resulta estraño comprobar que, por exemplo, un rexedor coma o da Coruña cobre un salario inferior ao que vai cobrar o de Vilagarcía mentres ademais defende a súa rebaixa salarial como un exemplo do traballo polo ben común.

SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA PROPÓN RECUPERAR OS SERVIZOS PÚBLICOS PRIVATIZADOS

 

somosmaioriafoto

 

        Compareceron hoxe en Rolda de Prensa Gaspar González Somoza, Narda Rubianes Nogueira e Carlos Blanco García, os tres primeiros candidatos da lista de Somos Maioría Vilagarcía, para presentar o programa co cal concorrerán ás eleccións o próximo 24 de maio. En todo momento, Carlos Blanco deixou claro que “fixemos a candidatura de xeito democrático e asembleario, unha lista territorialmente diversa con persoas procedentes de distintos ámbitos e sectores profesionais, persoas unidas fundamentalmente pola necesidade de cambiar o rumbo deste concello, actualmente á deriva, e que só atende os intereses dunha parte da poboación e non da maioría, á cal todas e todas pertencemos”.

O programa é un documento que o próximo xoves estará a disposición do electorado no blog da plataforma e que foi froito do traballo de meses da asemblea, así como das achegas da cidadanía consultada a través dun cuestionario telemático.

Na súa intervención, Gaspar González, candidato á alcaldía de Somos Maioría Vilagarcía, sinalou que é un documento con tres eixos fundamentais que son a “participación, transparencia e benestar social”. Do mesmo xeito, Narda Rubianes Nogueira recalcou a importancia do seu Código Ético, facendo fincapé na non duplicidade de cargos, na limitación de mandatos e o rexeitamento de privilexios, tratos  ou agasallos con devolución dos mesmos de xeito público.

PARTICIPACIÓN

En canto ao primeiro, Somos Maioría Vilagarcía propón a creación de tres consellos de participación e decisión cidadá: o Consello Veciñal, o Consello Económico e Social e o Consello de Cultura e Patrimonio. “Cremos que é necesaria a partipación democrática e directa das persoas nas decisións que se tomen no noso concello” sinalizou Gaspar González “porque só así acaderemos unha Vilagarcía de todas e de todos”.

TRANSPARENCIA

A transparencia é a insignia programática de Somos Maioría Vilagarcía e defenden dúas cuestións claves. Primeiro, a recuperación de servizos públicos privatizados cunha análise polo miúdo dos contratos asinados co fin de ver cales se poden anular para recuperar servizos básicos. Segundo, a publicación na páxina web do concello de todas as actas dos Plenos, Xuntas de Goberno e Comisións Informativas, dos ingresos recibidos pola persoa que ostente a alcaldía, membros do goberno e concelleiros, así como a publicación de todas e cada unha das partidas orzamentarias.

BENESTAR SOCIAL

Como explicou Gaspar Gónzalez, “procúrase unha intervención global, con estratexias baseadas nunha diagnose das distintas necesidades co fin de prever, paliar e corrixir situacións de necesidade, marxinación, exclusión e violencia” e, entre moitas medidas, destaca a creación dunha bolsa de vivenda en aluguer con axudas para xente que sofre violencia de xénero, desafiuzamentos, risco de exclusión social e xente nova que queira independizarse.

En definitiva, Somos Maioría Vilagarcía aposta por “un modelo de cidade na que a participación e a decisión cidadá sexa a nosa meta, apostando pola recuperación dos espazos públicos e dos servizos sociais”, tal e como sinalou Gaspar González.

info@vilagarcia.somosmaioria.org