Arquivo da categoría: Actas das Asembleas

ACTA DA ASEMBLEA ORDINARIA DO 23 DE NOVEMBRO DE 2016

Unha vez aprobada na seguinte asemblea ordinaria, celebrada o día 1 de marzo, publícase a acta da asemblea anterior, celebrada o 23 de novembro de 2016

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas cinco persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 23 de novembro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
2. Preparación da sesión plenaria do xoves 24 de novembro de 2016.
3. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 26 de outubro, apróbase a mesma por parte de todas as persoas asistentes.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte de todas as persoas participantes na reunión, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de outubro:

  • APROBACIÓN DO REAXUSTE DE ANUALIDADES PARA AS OBRAS DO MERCADO DE ABASTOS: a favor.

  • APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE DE MODIFICACIÓN DE SALDOS INICIAIS: a favor.

  • APROBACIÓN DO CONTRATO DE ARRENDAMENTO ENTRE ADIF E O CONCELLO DE VILAGARCÍA: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG POLO PROGRAMA APEGO: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG DE APOIO AOS TRABALLADORES DO MAR: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PP POLO CAMPO DE FAXILDE: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PP POLA ROTONDA DE ENTRADA AO HOSPITAL DO SALNÉS: en contra. Esixirlle ao Ministerio de Fomento que constrúa a rotonda e que adecente a vía antes de solicitar a súa titularidade por parte do Concello.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PP POLOS PICTOGRAMAS: a favor se aceptan a emenda de corrección para cambiar o termo “discapacidade” por “diversidade funcional” no texto do acordo.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA POLO SERVIZO DE PUBLICACIÓNS DO CONCELLO: a favor.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 24:

    • ROGO sobre a corrección inmediata do número de teléfono da Área de Igualdade na web do Concello de Vilagarcía.

    • PREGUNTA sobre se xa houbo resposta por parte da empresa concesionaria do “Vaibike” para o emprego da lingua galega nas máquinas expendedoras de tarxetas.

    • PREGUNTA por se aseguradora xa contestou sobre o amaño inmediato da marquesiña da parada de autobuses da Avenida de Cambados á altura das Pistas.

    • PREGUNTA por se o Regato do Facho entra nas actuacións que vai realizar Augas de Galicia.

Non habendo rogos nin preguntas, sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:35 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 23 de novembro de 2016.

 

Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do día 26 de outubro de 2016

Unha vez aprobada na asemblea realizada o 23 de novembro de 2016, achégase a Acta da Asemblea de Somos Maioría Vilagarcía do pasado 26 de outubro.

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas cinco persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 26 de outubro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.

2. Preparación da sesión plenaria do xoves 27 de outubro de 2016.

3. Situación actual da subvención económica polos gastos da Campaña Electoral 2015.

4. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 15 de setembro, apróbase a mesma por parte de todas as persoas asistentes.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte de todas as persoas participantes na reunión, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de outubro:

  • APROBACIÓN DA SOLICITUDE DE COMPATIBILIDADE DUN PROFESOR DO CONSERVATORIO: a favor.

  • APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO Nº 03/REC/2016: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DE SOMOS MAIORÍA SOBRE A CONTRATACIÓN DE SEGUROS DO CONCELLO: a favor.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE DE APOIO ÁS VÍTIMAS DO ALVIA: a favor con críticas á actitude cínica do PSOE neste asunto.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE PARA A DOTACIÓN DE DESFIBRILADORES NOS CENTROS DE ENSINO: a favor con solicitude de que se realicen cursos de formación para o seu emprego.

  • APROBACIÓN DA MOCIÓN DO BNG SOBRE A MELLORA DA HUMANIZACIÓN DA RÚA VISTA ALEGRE: a favor, incidindo na reposición da fonte existente e na desratización da rúa na súa zona máis próxima ao Río do Con.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 27:

    • PREGUNTA sobre se xa houbo resposta por parte da empresa concesionaria do “Vaibike”.

    • PREGUNTA pola información solicitada no tocante á Sala Rivas Briones.

    • PREGUNTA polas medidas tomadas polo Concello para o repoboamento arbóreo aprobado por unha moción de Somos Maioría.

    • ROGO polo amaño inmediato da marquesiña da parada de autobuses da Avenida de Cambados á altura das Pistas.

3. Por parte de Ramón Mouriño, representante ante a Xunta Electoral de “Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdG)”, partido instrumental co que se presentou as eleccións SOMOS MAIORÍA – VILAGARCÍA, infórmase de que xa se recibiu a 1ª parte da subvención correspondente aos resultados das Eleccións Municipais do ano 2015, concretamente un 81% do total correspondente. A cantidade, que ascende a 5.095,27 €, foi ingresada na conta electoral de Somos Cabanas e correspóndese coa subvención pertencente a todos os concellos nos que as candidaturas do PDDdG obtiveron representación. Explica que agora o proceso para poder devolver as cantidades achegadas por simpatizantes durante a campaña será abrir unha conta ordinaria do partido instrumental, que non se puido abrir antes por ser preciso realizar uns cambios de responsabilidades na xestora provisional do mesmo, e transferir esa cantidade á conta. A partir de aí, hai que revisar a documentación, facer o reparto entre todas as localidades e restar os gastos comúns. Posteriormente solicitarase a cada localidade o listado de préstamos que hai que devolver e as contas para facer as transferencias. Ramón estima que se poderán facer os pagos antes de finais de novembro, pero non sabe se no caso concreto de Vilagarcía, a parte correspondente ao 81% ingresado chegará para devolver todos os préstamos. El será o encargado de facer esas xestións e informará.

Tamén informa de que unha vez aberta a conta ordinaria nacional, esta poderá utilizarse para gastos das candidaturas dos diferentes concellos á parte das dos correspondentes grupos municipais. Temas como ingreso de achegas de concelleiros ou simpatizantes e pagos de accións dos grupos locais poderán canalizarse a través desta conta corrente para o que se habilitará un protocolo de autorización de gasto.

Finalmente coméntase un correo electrónico enviado por Bernarda Rubianes sobre o tema dos gastos realizados en precampaña e os da campaña electoral que non entraron na subvención electoral. Sobre este apartado, o concelleiro Gaspar González reitera a súa vontade de aboar estes gastos con cargo á súa asignación por asistencia a plenos e comisións. Previa presentación dos xustificantes de gasto, el asumiría o aboamento dos mesmos.

Non habendo rogos nin preguntas, sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:25 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 26 de outubro de 2016.

ASEMBLEA DO 28 DE SETEMBRO DE 2016

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas catro persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 28 de setembro de 2016 ás 20:30 horas, en base á seguinte

ORDE DO DÍA

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
2. Preparación da sesión plenaria do xoves 29 de setembro de 2016.
3. Rogos e preguntas.

1· Sen ningunha achega á redacción da acta da sesión anterior, celebrada o día 15 de setembro, apróbase a mesma por parte das tres persoas presentes nese momento na asemblea.

2· Despois dun intercambio de ideas por parte das tres persoas participantes na reunión, á que se sumou unha cuarta ás 21:35 horas, tomáronse os seguintes acordos no tocante ao sentido do noso voto nos distintos puntos da orde do día do pleno ordinario de setembro

  • APROBACIÓN DEFINITIVA DA CONTA XERAL 2015: abstención. Non pretendemos impedir a súa aprobación, pero non queremos que un posible voto positivo se puidese interpretar como un aval de Somos Maioría á xestión económica do goberno local.

  • EXAME DAS ALEGACIÓNS E DAS EMENDAS DO PARTIDO POPULAR Á APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA DE TERRAZAS: a favor da aprobación definitiva da Ordenanza e rexeitamento das alegacións e emendas, xustificando o noso voto no feito de que a proposta de texto foi realizada en base ás achegas de todas as forzas políticas e mesmo dos representantes do sector da hostalería. No pleno farase fincapé ademais no feito de que a instalación de terrazas non debe perder nunca a idea de fondo de que se está ocupando terreo público.

  • APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA MOCIÓN DO PSdG-PSOE PARA ESIXIRLLE AO MINISTERIO DE FOMENTO QUE CUMPRA O PROTOCOLO DE POSTA EN VALOR DE 18 CASTROS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA ENTRE OS QUE ESTÁ O CASTRO ALOBRE: a favor. No pleno incidirase en que Somos Maioría aposta pola defensa do noso patrimonio histórico e cultural e criticarase a actitude do Partido Popular, que en marzo de 2015 asinou este convenio con claro carácter electoralista despois de gastar os fondos europeos destinados a este fin na construción das “Pousadas”.

  • ROGOS E PREGUNTAS PARA REALIZAR NO PLENO DO DÍA 29: ademais dos rogos e preguntas acordados na asemblea do día 15 (Esixirlle á empresa concesionaria do Servizo de Aluguer de Bicicletas que nas súas máquinas expendedoras de tarxetas empreguen a lingua galega; esixirlle ao Concello que presione ante Patrimonio para que se restaure e se volva colocar o Cruceiro da Igrexa do Carril e preguntar pola lista de espera, os criterios para a escolla de artistas para as exposicións da Sala Rivas Briones e a ampliación de exposicións cuxo período xa estaba rematado), acordouse preguntar tamén se o Concello ten previsto realizar algún acto de homenaxe ao poeta vilagarcián Manuel Blanco Mariño no seu aniversario, como fixo o pasado ano 2015, e volver incidir na reparación inmediata da marquesiña da parada do autobús na Avenida de Cambados, situada á altura da entrada ás Pistas.

3· Realizáronse dúas preguntas e un rogo:

PREGUNTA: O Concello xa puxo en marcha a bolsa de axuda a estudantes tras a aprobación da nosa moción?

As bolsas de axuda están en funcionamento.

PREGUNTA: O Concello procedeu ao repoboamento arbóreo igualmente aprobado tras unha moción nosa?

De momento non se ten constancia de que tal acordo se levase aos feitos, pero o noso concelleiro vai averiguar no Concello en que situación se atopan actualmente as zonas referidas na nosa moción.

ROGO: Que o noso concelleiro suba ao blog de Somos Maioría Vilagarcía unha copia da súa declaración de bens asinada no momento de asumir a súa acta de Concelleiro.

Vaise solicitar unha copia na Secretaría Xeral do Concello para subila á web á maior brevidade posible.

Sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 22:25 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 28 de setembro de 2016.

ASEMBLEA DO 15 DE SETEMBRO DE 2016

 

ACTA DE ASEMBLEA DO GRUPO LOCAL DE SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

Reunidas seis persoas na sede da Asociación Cultural e Deportiva de Vilaxoán o día 15 de setembro de 2016 ás 20:30 horas, debateuse sobre as medidas que debemos tomar para encamiñar o traballo municipal ao remate do verán.

Despois dun intercambio de ideas por parte de todas as persoas participantes na reunión, tomáronse os seguintes acordos no tocante á presentación de mocións e de intervencións na quenda de Rogos e Preguntas da vindeira sesión plenaria do día 29 de setembro:

MOCIÓNS:

1· Comezar a preparar unha moción para que a contratación dos distintos seguros do Concello (locais municipais, vehículos da Policía Local, seguros de responsabilidade para distintos actos multitudinarios, etc.) se realice mediante concurso público e non se siga prorrogando indefinidamente como se vén facendo ata agora a súa contratación cunha empresa determinada.

2· Preparar igualmente unha moción para que se renove a páxina web municipal que na actualidade presenta erros graves, como é o número de teléfono da Área de Igualdade, así como a continuidade de campañas como “Caca, Culo, Please”.

ROGOS E PREGUNTAS:

1· Esixirlle á empresa concesionaria do Servizo de Aluguer de Bicicletas que nas súas máquinas expendedoras de tarxetas empreguen a lingua galega, pois só funcionan en castelán e en inglés.

2· Esixirlle ao Concello que presione ante Patrimonio para que se restaure e se volva colocar o Cruceiro da Igrexa do Carril.

3· Preguntar pola lista de espera para as exposicións da Sala Rivas Briones.

OUTROS ACORDOS:

Do mesmo xeito, tomáronse outros acordos ao respecto do labor político da nosa agrupación, como son:

1· Poñerse en contacto cun representante da organización do Festival Revenidas.

2· Poñerse en contacto cun membro da directiva do Cine Clube para intentar realizar as distintas proxeccións que realiza polas distintas parroquias.

3· A adquisición dun teléfono móbil pre-pago para que a cidadanía de Vilagarcía de Arousa poida contactar co noso concelleiro nos momentos nos que este non se atopa na oficina do Concello.

Sen máis asuntos que tratar, pechouse a asemblea ás 21:55 horas.

En Vilagarcía de Arousa, a 15 de setembro de 2016.

SOMOS MAIORIA CELEBRA ASEMBLEA ABERTA PARA APROBAR AS CONTAS DA CAMPAÑA ELECTORAL

A iniciativa veciñal SOMOS MAIORIA celebrou onte unha Asemblea Aberta no Auditorio onde aprobou as contas da campaña electoral que ascenderon a 1.648,76 euros de gasto total.

Somos Maioría xuntouse onte en Asemblea Aberta para aprobar as contas da campaña electoral, falar da sesión de constitución da nova corporación municipal, organizar o traballo a realizar nos próximos meses, e informar da xuntanza co concelleiro electo do PSOE Alberto Varela.

En canto as contas, os gastos totais da campaña correspondentes á carteis, trípticos, papeletas e megafonía ascenden a 1.648,76 euros, o que ven a demostrar que se pode chegar á xente facendo unha campaña austera e axustada ao que se quere comunicar.

En relación ao traballo a realizar nos próximos meses, decidiuse que o inmediato terá que ser constituír un concello transparente e participativo. A tal fin terase que crear no concello de Vilagarcía os Consellos Veciñais e unha elaboración dos próximos orzamentos de xeito participativo, na que a cidadanía interveña activamente, porque queremos unha forma diferente de facer política. Somos Maioría se ratifica na súa intención de ser un instrumento de mobilización cidadá e de democracia participativa.

Con respecto á reunión con Alberto Varela e ante a falta dunha proposta concreta por parte do partido político ao que lle corresponde formar goberno, a asemblea acordou quedar á expectativa e continuar a defender o noso Programa e o noso Código Ético.

Vilagarcía de Arousa, a 10 de xuño de 2015