Arquivo da categoría: Programa

NON AOS CIRCOS CON ANIMAIS!

O programa electoral de Somos Maioría Vilagarcía de Arousa ten un capítulo ben claro no que fala de TRATO ÉTICO DOS ANIMAIS e que, textualmente, di:

· Prohibiranse os actos ou espectáculos que non garantan un trato ético dos animais.

· O Concello non subvencionará actividades baseadas no sufrimento dos animais.

· Non permitiremos que nas nosas instalacións se leven a cabo actividades violentas ou crueis contra os animais.

Por todo isto, a nosa formación non pode aceptar a presenza na nosa vila de ningún espectáculo circense no que aparezan animais, tanto pola súa participación no propio circo coma polas condicións nas que habitualmente se teñen os mesmos.

Ante esta situación, Somos Maioría quere manifestar o seu apoio á decisión tomada en Xunta de Goberno Local ao comezo da presente lexislatura na que se declara Vilagarcía de Arousa como unha vila libre deste tipo de espectáculos e concorda co feito de que se tomen todas as medidas legalmente posibles para evitar a súa instalación e difusión públicas.

CIRCOS SI, PERO SEN ANIMAIS!

PROGRAMA MUNICIPAL SOMOS MAIORÍA VILAGARCÍA

unnamed

 

ÍNDICE

  1. Introdución.
  2. Queremos algo diferente.
  3. Democratización do Concello e xestión transparente.
    • Democracia participativa.
    • Modelo de xestión transparente.
  4. Bases para o cambio político e social.
    • Educación.
    • Cultura.
    • Patrimonio.
    • Lingua Galega.
    • Vivenda.
    • Posto de traballo digno.
    • Servizos públicos e sociais.
    • Servizos de coidados a persoas en situación de dependencia.
  5. Economía.
    • Política fiscal.
    • Facenda.
    • Comercio.
    • Modelo de cidade sustentable e ecolóxica.
    • Política de residuos urbanos.
    • Proxectos urbanísticos.
    • Mobilidade.
  6. Xuventude
  7. Deportes.
  8. Laicidade.
  9. Trato ético dos animais.
  1. INTRODUCIÓN

Somos Maioría Vilagarcía é unha candidatura cidadá nacida ao abeiro do manifesto galego Somos Maioría. A partir del, todas as persoas asinantes do concello de Vilagarcía, decidimos reunirnos periodicamente e empezar un traballo lento, público, pouco mediático pero aberto a toda a cidadanía.

Somos coma a maioría, cidadás e cidadáns indignados que imos percibindo como a situación política e a vida cotiá das persoas se vai degradando, como o precario estado do benestar que tiñamos vai camiño da desaparición, facendo sufrir coma sempre os máis débiles.

Somos persoas inquedas, preocupadas e abraidas coma a maioría da poboación, e vémonos moralmente obrigadas a dar un paso á fronte para tentar mudar esta situación. Somos persoas que non precisamos da política para vivir e tirar proveito persoal: quizais o máis cómodo para nós sería quedar na casa, pero non nos resignamos nin queremos fiárllelo todo aos políticos profesionais que, segundo eles, son os que contan con máis experiencia para sacar os concellos adiante. A experiencia témola as cidadás e os cidadáns, e é bastante desagradable e dura, por certo.

Despois de falar coas forzas da esquerda e de chegar á conclusión de que ningunha delas estaba disposta a renunciar ás súas siglas para construír unha alternativa cidadá a esta desfeita, decidimos asumir a responsabilidade de presentarnos como a alternativa cidadá real.

Fixemos de xeito democrático e asembleario unha lista territorialmente diversa, con persoas procedentes de distintos ámbitos e sectores profesionais, persoas unidas fundamentalmente pola necesidade de cambiar o rumbo deste Concello, actualmente á deriva, e que só atende aos intereses dunha parte da poboación e non da maioría, á cal todas e todos pertencemos.

  1. QUEREMOS ALGO DIFERENTE

Mediante o diagnóstico feito durante estes meses, constatamos que a nosa cidade necesita unha transformación e que esta terá que ser feita coa participación de todas as persoas que habitamos nela.

Vilagarcía de Arousa ten que ser unha cidade de participación, de defensa dos dereitos individuais e colectivos, de calidade para vivir. Queremos levar a cabo, con calidade, todo tipo de actividades: culturais, deportivas, de lecer, laborables, educativas, etc., e todas elas de forma equitativa, xusta e digna.

Apostamos de maneira decidida por un modelo de cidade construída para resolver as necesidades reais dos barrios, das parroquias e das persoas, e non tendo en conta as prioridades megalómanas destes dirixentes que nos están a gobernar.

Nesta liña, elaboramos un programa participado e alternativo que desenvolveremos e defenderemos nos próximos catro anos coa axuda, aportación e participación da cidadanía e dos axentes sociais.

 O noso programa electoral baséase nun esquema moi claro dividido en varios bloques fundamentais, todos eles baixo un paraugas común, que é procurar un Concello sustentable. Para acadar a sustentabilidade, entendemos que son necesarios catro puntos básicos:

  1. A sustentabilidade ambiental: cunha atención primaria á xestión da biodiversidade, ás medidas que eviten a contaminación, etc.
  2. A urbana e rural: procura do aforro enerxético, establecemento dunha maior intercomunicación das zonas urbanas e as rurais, carril bici, etc.
  3. A económica e social: no eido social, promover a participación cidadá no Concello; no económico, pular pola promoción, a distribución e a comercialización de produtos locais, etc.
  4. A fiscal e de gobernabilidade: aplicar mecanismos transparentes de bo goberno, procurar un mellor equilibrio entre ingresos e gastos, etc.

Con este obxectivo, elaboramos un programa electoral que aposta pola PARTICIPACIÓN, a TRANSPARENCIA e o BENESTAR SOCIAL.

Estes serán os principios que guiarán o día a día do Concello:

  • Transparencia: poñeranse en marcha instrumentos para que a cidadanía poida controlar o funcionamiento do Concello.
  • Aberto á cidadanía: a base do funcionamento será a participación cidadá.
  • Cuns orzamentos participativos e que inclúan a perspectiva de xénero.
  • Democrático: garantindo a presenza de todas as forzas existentes na Corporación nas diferentes empresas e organismos municipais e nas que o Concello teña participación.
  • Paritario: intentaremos alcanzar a paridade entre homes e mulleres en todos os organismos.
  • Cunha política de taxas e impostos redistributiva: con exencións e rebaixas para as rendas menores.
  • Xestión directa dos servizos municipais (limpeza, recollida do lixo, etc.). Hai dous obxectivos principais que nos levan a propoñelo: non empregar o diñero público en beneficio de empresas privadas e mellorar as condicións de traballo de traballadoras e traballadores deses servizos.
  • Con rigor no gasto do diñeiro público: estudaremos as percepcións económicas actuais para adecualas á situación de crise e non se promoverán actos grandiosos que ocasionen gastos espectaculares.
  • Un Concello con recursos suficientes. É urxente cambiar o modelo de reparto de recursos que recibe o Concello doutras institucións. Neste sentido promoveremos xunto a outras entidades un novo modelo de administración local galega, onde os concellos conten con máis competencias e se supriman as Deputacións Provinciais.
  1. DEMOCRATIZACIÓN DO CONCELLO E XESTIÓN TRANSPARENTE

 Democracia participativa

 Para nós, a participación cidadá nas decisións que tome o Concello é un aspecto fundamental que levamos defendendo desde que comezamos a traballar en setembro do ano pasado. Para poder ser a voz do cambio no xeito de facer política, imos apostar pola creación de consellos que sirvan de mediadores entre a cidadanía e o Concello, como órganos reais de participación cidadá. Contemplamos a creación e promoción dos seguintes:

  • UN CONSELLO VECIÑAL para poder levar adiante a nosa proposta de ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS co fin de darlle á xente o poder de PARTICIPAR e DECIDIR activamente na toma de decisións.
  • UN CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL para escoitar a voz de todos os sectores de Vilagarcía de Arousa: comercio, hostalería, praceiros, taxistas… para fomentar a coordinación das agrupacións comerciais locais e o intercambio de experiencias.
  • UN CONSELLO MUNICIPAL DE PATRIMONIO E CULTURA para crear un espazo de diálogo con todos os axentes culturais e defender o pouco patrimonio que nos queda.

Modelo de xestión transparente

  • Impulsaremos a habilitación de mecanismos informativos accesibles, que permitan o seguimento periódico da actualidade municipal, e a simplificación da documentación para facela máis cercana e intelixible para o conxunto da cidadanía.
  • Fomentaremos a creación de canles de comunicación efectivas entre cidadanía e a administración, como a interlocución directa cos representantes municipais, ou servizos efectivos e transparentes de queixas e suxestións, que permitan facer seguimento do estado das demandas.
  • Velaremos porque a redacción dos documentos oficiais do Concello non abuse de tecnicismos, e empregaremos unha lingua máis próxima que permita que a maioría da xente (que non é política nin avogada) entenda os textos e os cuestione.
  • Difundiremos a convocatoria das ofertas de emprego, contratación de obras e subvencións do Concello, así como a información dos proxectos de interese xa dende as fases de deseño e elaboración, e aceptarase o debate e as achegas da veciñanza.
  • Publicaranse na web municipal todas as actas dos Plenos, Xuntas de Goberno e Comisións Informativas, dos ingresos recibidos pola persoa que ostente a Alcaldía, membros do goberno e concelleiros, así como a publicación de todas e cada unha das partidas orzamentarias.
  • Recuperación de servizos públicos privatizados cunha análise polo miúdo dos contratos asinados e ver cales se poden anular para recuperar servizos básicos.
  • A contratación de obras e servizos levarase a cabo como criterio xeral mediante concurso público, evitanto o procedemento de urxencia. Daráselles tratamento público tanto ao conxunto de condicións coma ao procedemento de apertura das distintas ofertas, incluso nos casos nos que a lei ofreza outras opcións tan transparentes coma esta.
  • Para a contratación de calquera traballador ou traballadora dunha institución pública porase en marcha o proceso de concurso-oposición ou oposición, garantindo os principios de publicidade e igualdade de oportunidades. 
  1. PRINCIPIOS PARA O CAMBIO POLÍTICO E SOCIAL

  Educación

  • Potenciar un banco de préstamo de libros de texto.
  • Manter un estado digno das instalacións dos centros escolares.
  • Revitalizar as salas de cultura para favorecer actividades dirixidas a escolares do rural.
  • Ofrecer o servizo Concilia no rural se hai demanda e ampliar a idade máxima para poder acollerse ao actual (como mínimo ata 4º de Ed. Primaria).
  • Reactivar o Consello Escolar Municipal.
  • Crear bolsas de axuda a estudantes universitarios.
  • Fomentar os encontros e a formación para pais e nais sobre cuestións educativas e tamén levar a cabo a creación de espazos de contacto entre diferentes xeracións.

Cultura

 A cultura xera progreso. Un pobo sen cultura camiña cara á súa desaparición. O obxectivo é o acceso e gozo da cultura de calidade e a cultura como xeradora de riqueza e potenciadora do noso municipio.

  • Descentralización da cultura.
  • Evitar a fuxida de espectáculos e festivais: Proxecta, Festival do Norte, Festival de Títeres, Vilagarcía Capital da Fotografía (Eixo Atlántico), e potenciar outros novos (Festa do Libro, Festa do Cine, ciclos de teatro, etc.).
  • Potenciar a cultura de base co apopio ás asociacións culturais sen ánimo de lucro, non só no eido económico.
  • Creación dun Consello Municipal de Patrimonio e Cultura para xerar un espazo de diálogo de todos os axentes culturais e defender o pouco patrimonio que nos queda.
  • Normativa clara e con criterios obxectivos para xestionar as axudas ás asociacións culturais evitando o clientelismo.
  • Asumimos o documento de regulación de espazos feito polas asociacións culturais e veciñais.
  • Creación dunha Escola Municipal de Teatro e Danza, recuperando espazos arquitectónicos infrautilizados ou en desuso.
  • Ordenar os diferentes espazos existentes para os usos para os que foron construídos e deseñados. (Non á ampliación da biblioteca a costa da Sala de Exposicións Rivas Briones).
  • Regulación de horarios da biblioteca conforme ás distintas necesidades. Descentralización do espazo, alí onde haxa demanda.
  • Deseño de actividades culturais accesibles para persoas con discapacidade.
  • Realización dun inventario de bens culturais.
  • Potenciación de festas tradicionais (Entroido, Maios…).
  • Priorizar as asociacións e os colectivos locais na axenda cultural dos espazos destinados a aloxar as actividades culturais.
  • Potenciaremos os grupos de música local e fomentaremos a música como valor creativo e de unión da xente nova.
  • Potenciarase a proxección da cultura na rúa, eliminando os impedimentos administrativos actuais.
  • Emprenderanse accións a favor da difusión da arte local a través de exposicións, festivais, sempre cunha periocidade regular e estable, e garantindo unha oferta anual.

Patrimonio

  • Recuperar, manter, transformar e dar a coñecer o noso patrimonio cultural e histórico.
  • Posta en valor de castros, pazos, petróglifos…
  • Patrimonio inmaterial: impulsar investigacións para coñecer a historia do Concello, recompilar documentos e dalos a coñecer.
  • Creación, promoción e conservación dos arquivos (da memoria, de imaxe…).
  • Realización de inventario e catalogación de bens, revisando o seu estado e posible uso, incluíndo o patrimonio vexetal.
  • Fomentar un modelo de festas participativo e sustentable que garanta o acceso ás festas para toda a poboación.
  • Evitar que unha soa entidade organice gran parte da festa e por tanto promover a participación de diferentes entidades en equilibrio e igualdade de condicións.
  • Estudar a posibilidade da creación dun Museo da Historia de Vilagarcía de Arousa, onde todos aqueles arquivos e documentos recompilados sexan postos en valor. Así mesmo, contará con actividades educativas vinculadas á cidade.

Lingua Galega

  • Asesoramento lingüístico para empresas, asociacións e veciñas e veciños que así o desexen.
  • Visibilización da lingua galega nas accións e difusións enfocadas ao turismo como un valor propio nun mundo plural e plurilingüe.
  • O Concello reforzará a presenza do galego en todos os actos lúdicos e culturais que organice e nos que conten co seu soporte

Vivenda

  • Crear unha bolsa de vivenda en aluguer con axudas para xente que sofre violencia de xénero, desafiuzamentos, risco de exclusión social e xente nova que queira independizarse.
  • Fomentar o acceso das persoas a vivendas dignas e adecuadas.
  • Redactar e desenvolver un Plan Municipal de Vivenda e crear un Rexistro Municipal de Demandantes de Vivenda.
  • Pensamos que a vivenda é un dereito e que hai que evitar os desafiuzamentos. O Concello estudará xunto coas entidades financeiras as medidas necesarias, e aplicaranse medidas concretas de presión no caso de ser necesario.
  • Fomentarase a rehabilitación, que debe ser integral, considerando o contexto das vivendas no seu lugar e a súa tipoloxía. Deben aplicarse medidas de eficiencia enerxética, accesibilidade, seguridade e coidado do medio natural.
  • Facilitarase a renovación das vivendas, asegurándose de que dispoñan das condicións mínimas esixibles.

Posto de traballo digno

  • Reforzar a inclusión das persoas desempregadas e en risco de exclusión social nos Plans de Emprego impulsados polo Concello e acollerse a todo tipo de axudas para tal fin.
  • Apoiar as medidas necesarias para a recuperación da actividade económica.
  • Axudas á apertura de empresas: aprazar ata o segundo ano o pago de taxas e a realización de obras. Establecer criterios de cambios de licenza para actividades de comercio menor.
  • Potenciar as Escolas-Taller (incluíndo agricultura e pesca) para promover a inserción laboral da xuventude.
  • Levar a cabo as novas contratacións incluíndo cláusulas sociais, para que as empresas teñan en conta e prioricen a contratación da xente nova, das mulleres, dos traballadores e traballadoras no último tramo da súa actividade laboral, das persoas con diversidade funcional e das persoas en paro de longa duración, así como o respecto ao medio e o uso do idioma galego.
  • Ter bolsas de contratación para os traballos públicos propios do concello.
  • Realizar un estudo de todos os servizos públicos actualmente privatizados para, se é posible, poñer en marcha os procesos de municipalización que permitan ofrecelos na bolsa de emprego do Concello.
  • Formación e asesoría: ofrecer medios de formación na economía social e solidaria, así como na formación de cooperativas e nas estratexias financeiras para crear e desenvolver proxectos.
  • Impulsar o autoemprego no sector primario no Concello.
  • Impulsar un tecido industrial diverso, moderno e ecolóxico, apostando por sectores que poidan ser importantes no futuro (industria verde, enerxías renovables, novas tecnoloxías).
  • Loitar contra a precariedade, en especial no que se refire ás condicións laborais das empresas nas que se realizan obras e prestan servizos ao Concello.

Servizos públicos e sociais

  • Loitar contra o proceso de privatización dos servizos públicos e sociais.
  • Garantir unha dotación económica suficiente nun sistema público de Servizos Sociais.
  • Asunción dos compromisos da Rede Galega de Loita contra a Pobreza.
  • Garantir que toda a cidadanía teña acceso próximo e equitativo aos servizos públicos e sociais como escolas infantís, ambulatorio, centros de día, bibliotecas, casas da cultura, equipamentos deportivos, espazos xuvenís, programas de axuda social e educacional…
  • Traballo de coordinación cos distintos axentes sociais que existen en Vilagarcía de Arousa (ONGs).
  • Estratexia de acción transversal coas concellerías con competencias para actuar neste ámbito de protección e promoción das persoas desfavorecidas.
  • Impulsar programas de intervención familiar para prever e evitar situacións de exclusión.
  • Atención especializada aos nenos e nenas que sofren calquera tipo de violencia: familiar, social, acoso escolar, etc.
  • Bonificación de taxas municipais ás rendas baixas.
  • Axudar ás persoas en perigo de execución da hipoteca inmobiliaria co fin de que non perdan as súas vivendas.

 Servizos de coidados a persoas en situación de dependencia

  • Axilizar as políticas asistenciais de axuda domiciliaria, servizo de teleasistencia, etc.
  • Atención do impacto na saúde física e psicolóxica das persoas coidadoras.
  • Realizar intervencións de base comunitaria, combinando a atención individualizada a persoas con necesidades concretas, dentro dun modelo de intervención global, con estratexias deseñadas baseándose nun diagnóstico previo das necesidades, e co fin de prever, paliar e corrixir situacións de necesidade, marxinación, exclusión e violencia, promovendo a integración e a participación social.
  • Garantir unha rede de escolas infantís, ludotecas e bibliotecas infantís baseadas en criterios como a flexibilidade de horarios, custos, adecuación a diferentes idades, ubicación e sectores da población máis desfavorecidos.
  • Reforzar as axudas para acondicionar as vivendas das persoas maiores, facilitando a súa mobilidade, accesibilidade e autonomía persoal.
  1. ECONOMÍA

Política fiscal

  • Fomentar unha política fiscal progresista e redistributiva da riqueza, impulsando a progresividade de taxas e impostos municipais.
  • Aprobar bonificacións reais para todas aquelas persoas que se encontran por debaixo do umbral da pobreza.
  • O Concello tratará de ofrecer os seus servizos máis básicos (agua, lixo, saneamento…) ao menor prezo posible.

Facenda

  • Rexistro de bens municipais.
  • Revisar as bonificacións no IBI e no IAE en función da situación específica dos e das contribuíntes.

Comercio

  • Apoiar as asociacións do comercio e a hostalaría local.
  • Difundir entre a cidadanía a elección a favor do comercio local.
  • Promocionar dende o Concello a comercialización de produtos autóctonos e locais, coa colaboración das persoas produtoras locais, na procura da soberanía alimentaria e do mercado xusto.
  • Promover e impulsar cursos para fomentar a innovación comercial, aplicar novidades e novas tecnoloxías e para impulsar proxectos.
  • Impulsar e patrocinar proxectos turísticos, sociais e culturais propostos polas asociacións de comerciantes e hostaleiros.
  • Promover axudas e ofrecer asesoramento a novos comerciantes.
  • Axudas á apertura de empresas: aprazar ata o segundo ano o pago de taxas e a realización de obras. Establecer criterios de cambios de licenza para actividades de comercio menor.

Modelo de cidade sustentable e ecolóxica

  • Protección das áreas de interese ambiental.
  • Reforestación urbana con especies axeitadas.
  • Potenciar programas de educación e sensibilización ambiental, apoiando as asociacións e movementos sociais de protección do medio e da Natureza.
  • Artellar programas de educación ambiental que impulsen e axuden á redución, reutilización e reciclaxe dos residuos.
  • Planificar e levar a cabo accións de eficiencia enerxética nos edificios e instalacións municipais, así como na iluminación pública.
  • Recuperar o sector primario como fonte cercana de alimentos de calidade, cun prezo xusto e que evite a mobilidade a grande escala.
  • Fomentar o pequeno comercio fronte ás grandes superficies.
  • Fomentar a utilización de criterios de aforro de enerxía, eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables na planificación urbanística e nos plans de desenvolvemento.

 Política de residuos urbanos

  • Eliminar os vertedoiros incontrolados.
  • Potenciar a recollida selectiva, con plans de educación e concienciación.
  • Habilitaremos un espazo para o intercambio non lucrativo de obxectos (libros, revistas…).
  • Mellorar e reordenar a recollida de residuos; facer un novo mapa de ubicación de colectores e estudar a viabilidade dos sistemas actuais de recollida selectiva nas zonas de viadantes.
  • Crear e aplicar un programa de xestión de residuos industriais.
  • Fomentar programas para a xestión dos residuos orgánicos para a súa utilización como compost.
  • Garantir a retirada periódica dos residuos flotantes que se adoitan acumular nos diques e pantaláns da Ría

  Proxectos urbanísticos

  • Os plans de ordenación urbana definirán as políticas en materia de solo, vivenda e equipamentos. A planificación urbanística farase a través de procesos participativos e sen hipotecar as xeracións futuras, garantindo os dereitos fundamentais, a xustiza social, a protección do medio e a mobilidade.
  • Redescubriremos espazos como as prazas como punto de encontro entre persoas, convertendo os espazos en multifuncionais para favorecer o seu uso e dinamización.
  • Reposición das árbores cortadas nos arredores da Praza de Abastos, Praia Compostela, Rodrigo de Mendoza…

Mobilidade

  • Apostar polos medios de transporte alternativos e sustentables como a bicicleta coa creación dun plan integral para a súa implantación como medio de transporte prioritario. Asumimos as propostas presentadas polo colectivo Arousa en Bici.
  • Establecer aparcamentos disuasorios fóra dos núcleos urbanos.
  • Mellorar a sinalización en tempo real da situación do transporte público en paneis e tamén a través da páxina web e teléfonos móbiles.
  1. XUVENTUDE
  • Planificación especial para facer fronte ao desemprego xuvenil.
  • Medidas contra a subcontratación e temporalidade. Garantir que se respectan as condicións dignas de traballo.
  • Servizos públicos para a xuventude en base á súa capacidade económica.
  • Fomentar proxectos para a creación de espazos xestionados para a xuventude.
  • Un Plan Municipal para axudar á creatividade da xuventude. Dotar de espazos e recursos materiais para desenvolver actividades culturais e capacidade para a organización de certames ou festivais, como exposicións e outras actividades. Garantir isto non só no centro senón tamén nas diferentes parroquias.
  1. DEPORTES
  • O deporte é un servizo público, o cal debe ser accesible e integral, de calidade, para toda a cidadanía.
  • As mulleres deben ter as mesmas oportunidades cós homes no ámbito deportivo.
  • Garantir a cercanía e acceso de toda a cidadanía ás instalacións deportivas e polideportivas, potenciando tamén o seu uso por parte de institutos e escolas.
  • Garantir a oferta deportiva para todas as idades, entendendo que é un elemento que fomenta a saúde física e mental.
  • Fomento e valorización de deportes non maioritarios.
  • Mellorar o servizo de transporte público á zona deportiva de Fontercamoa.
  1. LAICIDADE
  • Garantir que nos espazos publicitarios municipais non se expoñan mensaxes ou actos relacionados con algunha confesión relixiosa.
  • Os membros do equipo de Goberno non participarán en exercicio das súas funcións en actos de índole relixiosa.
  1. TRATO ÉTICO DOS ANIMAIS
  • Prohibiranse os actos ou espectáculos que non garantan un trato ético dos animais.
  • O Concello non subvencionará actividades baseadas no sufrimento dos animais.
  • Non permitiremos que nas nosas instalacións se leven a cabo actividades violentas ou crueis contra os animais.