Arquivo da categoría: Sen categorizar

DEVOLUCIÓN DO SALDO FINAL E PRESENTACIÓN DE CONTAS

Unha vez pechado (tras a constitución o pasado día 15 da Corporación Municipal 2019-2023) o mandato anterior, no que Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG) tivo representación, chega o momento de presentar as contas definitivas e dar por cerrado este ciclo político.

Achéganse os documentos xustificativos da devolución do saldo existente na conta (que será pechada nos próximos días), así como da presentación das contas do noso Grupo Político Municipal por neste período final do mandato.

Esta formación pecha deste xeito a súa participación na política local de Vilagarcía de Arousa podendo presumir de transparencia absoluta e de amosar publicamente en todo momento os seus números.

25 N: VILAGARCÍA EN NEGRO

Desde Somos Maioría Vilagarcía de Arousa animámosvos a todas e a todos a participar nos distintos actos que se van celebrar arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e especialmente na andaina e na lectura do manifesto elaborado polo Consello Local da Muller, que van ter lugar o venres 24 diante do Concello.

MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

25 de Novembro

Un ano máis, o Concello de Vilagarcía súmase ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, e ratifica o seu firme compromiso de rexeitamento da violencia contra as mulleres á vez que reitera a obriga de traballar ata conseguir a súa erradicación. Temos a convición de que a tolerancia cero coa violencia machista e patriarcal debe ser un valor e como tal, defendido pola sociedade no seu conxunto.

Máis de 909 mulleres foron asasinadas en España, 57 en Galicia, polas súas parellas ou ex parellas desde o ano 2003, data que marca o inicio da recollida de datos oficiais. A violencia machista é unha violencia que se dirixe contra as mulleres polo feito de selo baseada nun sistema de relación de dominación e desigualdade dos homes sobre as mulleres.

É unha forma de terrorismo ao que a cidadanía debería responder e non permanecer impasibles. É unha terrible lacra social á que todos habemos de facer fronte.

No día de hoxe, e dende aquí, defendemos a igualdade entre mulleres e homes como principio fundamental. O noso compromiso contra a violencia machista é firme.

Unha sociedade moderna esixe avanzar cara a modelos de convivencia que garantan a seguridade e liberdade das mulleres, que garanta unha resposta rápida e efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas.

A violencia machista é unha cuestión de Estado que non só afecta á metade da poboación e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes, e por tanto, para a súa erradicación deben comprometerse todos os recursos que sexan necesarios.

Este ano perdemos a gran oportunidade de asinar un Gran Pacto de Estado contra as violencias machistas, o texto aprobado, onde se recollen medidas no ámbito xudicial e policial, no deporte, na educación, na sanidade, no ámbito da empresa, da cultura e da publicidade e máis medidas de protección aos menores vítimas de violencia machista, é un avance pero aínda queda moito máis por facer. O Pacto de Estado carente dun enfoque feminista, é un acordo de mínimos, precisa de recursos para garantir o seu cumprimento e prazos que garantan a súa execución, polo tanto non podemos máis que seguir a demandar máis e mellores recursos para loitar contra esta lacra.

En primeiro lugar, hai que repoñer e dotar suficientemente as partidas orzamentarias e por obxectivos que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia integral das vítimas de violencia machista, dependentes tanto das Comunidades Autónomas como dos Concellos. Entendemos que é necesario crear un fondo específico de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os Centros de Información á Muller.

En segundo lugar hai que dotar de recursos suficientes para garantir a eficacia da Administración de Xustiza. Todos os estudos indícannos que as denuncias por violencia de xénero non aumentan. Apenas chegan ao 30% polo que o 70% queda impune. Hai que loitar contra esta impunidade para que as mulleres non sexan novamente agredidas pola violencia institucional por parte dun poder xudicial androcéntrico e patriarcal. Necesitamos poder confiar na Xustiza. Hoxe aproveitamos para subliñar a necesidade de poñer en marcha nos Xulgados Especializados en Violencia de Xénero o Acompañamento Xudicial Personalizado.

Cada denuncia retirada é un éxito dos agresores na súa estratexia do medo, da coacción, da ameaza. Por iso é necesario máis formación e información do persoal da Administración de Xustiza.

Sabemos que existen carencias na percepción do risco e nos informes psicosociais e que existe unha revitimización das mulleres polo que é necesaria a obrigatoriedade de formación específica na materia, tanto dos maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado, como de avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos Xulgados especializados de violencia de xénero.

A educación é outra das nosas preocupacións. Si non rompemos os ciclos, a violencia machista pasará de xeración en xeración por isto é absolutamente necesario incorporar ao currículo en todas as etapas educativas a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero.

Estamos convencidas de que é o momento de ampliar a Lei Integral contra a violencia de xénero de maneira que estean recollidas nela todas as manifestacións de violencia machista e non exclusivamente as que se producen en relacións de parella como ocorre neste momento, incluíndo tamén aquelas manifestacións de violencia fora do ámbito das relacións de parella e as exercidas contra os fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia.

Un bo exemplo desta diferenza sobre o concepto de vítima percíbese nas estatísticas publicadas sobre o número de casos de violencia: 40 segundo os datos oficiais e 84 segundo estatísticas de organismos independentes, que inclúen a todas as mulleres vítimas da violencia, exercida ou non, dentro da parella, así coma ós seus fillos e fillas.

Para rematar, e tristemente un ano máis, queremos recordar a todas e cada unha das vítimas mortais da violencia machista. Mulleres, nenos e nenas con nomes e apelidos, cunha vida por diante que foi truncada por unha violencia cruel exercida por homes que ás consideraron un obxecto da súa propiedade e que polo tanto dispuxeron da súa vida ao seu antollo. Por isto gritamos ¡basta xa! O terrorismo machista é unha cuestión de todas e de todos.

10.738,49€

10.738,49€, esa é a cantidade que a nosa formación lle devolve ao Concello de Vilagarcía de Arousa en forma de doazón para que se AMPLÍE A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA DA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS.

Onte, algúns membros da nosa formación deron unha rolda de prensa para facer público o noso xesto para así cumprir coa decisión tomada en asemblea e coa esperanza de que algún outro grupo político tome medidas semellantes.

Cómpre lembrar que Somos Maioría ingresa ao mes 600€ por ter un único concelleiro, pero os demais grupos ingresan cantidades que multiplican proporcionalmente esta cifra (BNG 900€, EU 1.200€, PP 2.400€ e PSdG-PSOE 2.700€). Todo iso suponlles ás arcas municipais, que nos encargamos de encher todas e todos, a impoñente cifra de 7.800€ ao mes.

Se nos paramos a pensar, todos os grupos municipais temos á nosa disposición no Concello de Vilagarcía de Arousa un despacho totalmente equipado (teléfono, conexión á Internet, todos os consumibles, etc.) polo que non entendemos que se teñan que dedicar tales cantidades aos Grupos Políticos Municipais.

Estes son os documentos que se presentaron no Rexistro Xeral do Concello xustificando a transferencia bancaria e solicitando que se destine o diñeiro a AMPLIAR A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA DA CONCELLERÍA DE SERVIZOS SOCIAIS.

Agora, só nos queda esperar que cunda o exemplo…

 

ORZAMENTOS 2017: PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA

Unha vez analizada en asemblea a documentación recibida o pasado luns, día 20, da proposta que fai o Grupo Socialista como borrador dos Orzamentos Municipais de 2017, Somos Maioría entende que se poden redistribuír mellor moitas das partidas, o que permitiría destinar máis de 1.000.000 € ás necesidades reais das nosas veciñas e veciños sen ter que recorrer á suba de impostos ou a endebedar aínda máis o noso Concello coa solicitude dun novo crédito bancario. Así, a nosa proposta, remitida onte ao grupo de goberno, así como aos voceiros de todos os grupos municipais, é a que se explica a continuación.

PROPOSTAS DE SOMOS MAIORÍA PARA A MELLORA DOS ORZAMENTOS DE 2017

1. Ruptura dos acordos do “Pacto de Cidade”

Rebaixa dun mínimo dun 20% nas asignacións de cargos e órganos de goberno (plenos e comisións), que suman un total de 348.580,56 €. Esta medida significaría un aforro de 69.716 € que poderían destinarse a partidas de iniciativas veciñais ou de apoio á creación de emprego.

2. Mellor xestión orzamentaria e de gastos de partidas do capítulo de Gastos Correntes

Aforro enerxético en iluminación pública, enerxía eléctrica, combustibles, telecomunicacións, etc.: que permitiría liberar aproximadamente 306.000 € para destinar a accións de atención social, situacións de urxencia social, xuventude ou cultura.

3. Revisión e axuste de “remanentes” en partidas de persoal: en 2016 case 1.000.000 €

Non se poden “rachar” as negociacións co persoal e alegar que non hai fondos para atender as súas demandas, pois en 2016 quedou sen aplicar case 1.000.000 € en remanentes de partidas de persoal, entre elas unha partida de 91.295 € para aboar o complemento dos domingos á Policía Local, que en 2016 só chegou a 8.781 €, menos dun 10%. Consideramos necesario revisar todo o orzamento de persoal e habilitar partidas para atender demandas do comité de empresa xa contempladas, como os pluses de nocturnidade e urxencias, domingos, etc. ou a contratación das prazas de administrativo e da Policia Local solicitadas. Con isto, aínda sobrarían remanentes para dedicar, por exemplo, a iniciativas de fomento do emprego e apoio a emprendedores.

4. Revisión e estudo da remunicipalización de contratacións e servizos externalizados

Por exemplo, o aforro do 5% en partidas para a limpeza de edificios municipais suporía case 40.000 €.

5. Estudo do aforro dos custos da Xerencia de Urbanismo se a súa función se realizase directamente desde o Concello

O orzamento previsto para a Xerencia de Urbanismo no 2017 supera os 512.000 €. Un aforro de custos dun 10% suporía aproximadamente 50.000 € máis dos que disporían as veciñas e os veciños.

Con todas estas medidas entendemos que se poden redistribuír aproximadamente 1.000.000 € do seguinte xeito:

  • 200.000 € para o aumento ou creación das seguintes partidas:

 

  • Actividades de acción social, para cubrir as necesidades sociais existentes na nosa vila.

 

  • Atención aos problemas de acceso / aluguer de vivenda, ou de gastos da mesma (luz, auga, calefacción, mantemento…) destinadas a familias con problemas económicos.
  1. Actividades para a xuventude.

  1. 150.000 € para o aumento ou creación das seguintes partidas:

a) Axudas á contratación.

b) Creación dunha Caixa de financiamento local: axudas a emprendendores e ao pequeno comercio.

c) Estudo da creación dun viveiro de empresas.

3. Aumento en 25.000€ da partida de actuacións de promoción turística:

A promoción turística de Vilagarcía esta baixo mínimos e cómpre darlle un impulso, o que redundaría na economía local. En 2016 orzamentaronse só 5.000 € pero logo gastáronse bastantes máis.

4. Aumento da partida de promoción de actividades culturais en 20.000 €:

Actualmente cifrada en 5.000€, e redución do mesmo importe das partidas de publicidade – propaganda, e comunicación e imaxe institucional (de, respectivamente, 29.000€ e 9.000€).

5. Aumento ou creación de partidas por valor de 25.000€ para subvencionar actividades de asociacións culturais, veciñais e deportivas:

Con esta medida pretendemos descentralizar e achegar a acción cultural e deportiva ás diferentes parroquias.

6. Aumento do capítulo de Investimentos en máis de 140.000 euros:

Tal cantidade, que figuraba na proposta inicial de novembro destinaríase preferentemente aos núcleos de Vilaxóan e do Carril, tendo en conta que as partidas do Plan Concellos da Deputación se van destinar preferentemente ás parroquias do rural.

7. Atención ás demandas do Comité de Empresa:

Con cargo ao explicitado no punto de Revisión de Remanentes de Persoal.

OUTRAS CONDICIÓNS PARA “FACILITAR” A APROBACIÓN

DOS ORZAMENTOS DE 2017:

  1. Creación dunha comisión específica para concretar e definir os proxectos nos que investir os Fondos FEDER:

Propoñemos a creación desta Comisión. Somos Maioría xa achega como idea que deben ir destinados preferentemente á recuperación e posta en valor do PATRIMONIO CULTURAL E PATRIMONIAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA, incluíndo a idea de crear un MUSEO DA HISTORIA DE VILAGARCÍA, para o cal cumpriría reordenar algúns dos usos dos edificios municipais do centro da vila, incluíndo a cesión ao Concello da Comandancia.

  1. Orzamentos Participativos:

Somos Maioría segue a defender a necesidade de establecer mecanismos de participación veciñal para a elaboración dos Orzamentos, polo que entendemos que, cando menos, antes da aprobación definitiva dos mesmos, deberíanse convocar determinados órganos consultivos: Consello Veciñal, Consello Económico e Social, Consello da Cultura, etc., para presentárllelos e escoitar as súas suxestións.

  1. Transparencia:

A aprobación dos Orzamentos debe ir ligada á creación do Portal de Transparencia do Concello, en cumprimento da Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración.

Vilagarcía de Arousa, a 21 de febreiro de 2017.

Resumo da Xestión III: xuntanzas varias

Durante todo este tempo de lexislatura, o noso representante mantivo xuntanzas e reunións con distintos colectivos, asociacións e particulares que lle transmitiron as súas inquedanzas e propostas de traballo.

Así, tívose contacto directo con asociacións veciñais: Asociación de Veciños da Escardia, Asociación de Veciños Santiago de Afora de Trabanca Sardiñeira, Comunidade de Montes de Guillán…

Do mesmo xeito, sen ter entidade como asociacións, tamén se falou persoalmente ou por teléfono con representantes das veciñas e veciños do Carril, Bamio, Pereira, Cornazo, etc. que se puxeron en contacto co noso concelleiro para intentar solucionar distintos asuntos puntuais.

No tocante a outros colectivos, tanto na Casa do Concello como fóra dela, mantivéronse xuntanzas con representantes de Zona Aberta, Ahituvi, CC.OO, Plataforma pola Defensa da Illa de Cortegada, Sector do Mar.

Así mesmo, participouse en concentracións e manifestacións de distintas plataformas, como a do persoal do Diario de Arousa, a Asociación de Pais e Nais do Colexio do Piñeiriño ou campañas como a lanzada polo colectivo Xuventude en Sinerxia.

Polo que respecta a ONGs, participouse activamente en campañas e actos organizados por Arousa Solidaria e a Liga Reumatolóxica Galega.