DEVOLUCIÓN DO SALDO FINAL E PRESENTACIÓN DE CONTAS

Unha vez pechado (tras a constitución o pasado día 15 da Corporación Municipal 2019-2023) o mandato anterior, no que Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG) tivo representación, chega o momento de presentar as contas definitivas e dar por cerrado este ciclo político.

Achéganse os documentos xustificativos da devolución do saldo existente na conta (que será pechada nos próximos días), así como da presentación das contas do noso Grupo Político Municipal por neste período final do mandato.

Esta formación pecha deste xeito a súa participación na política local de Vilagarcía de Arousa podendo presumir de transparencia absoluta e de amosar publicamente en todo momento os seus números.

DEVOLUCIÓN AO CONCELLO DAS ACHEGAS PARA MANTEMENTO DE 2018: 7.023,00€

Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG) leva manifestando desde o comezo do presente mandato 2015-2019 que non está de acordo co feito de que o Concello de Vilagarcía de Arousa lles dea aos grupos políticos municipais unha suma mensual de 7.500€, o que ascende un total anual de 90.000€ para gastos dun mantemento que quedou claramente demostrado que é innecesario, pois todos os grupos dispoñemos dun despacho no Concello provisto de todo o necesario para realizar o noso labor.

Esa cantidade repártese do seguinte xeito:

  • PSdG-PSOE (8 concelleiros/as): 2.700€ mensuais.
  • Partido Popular (7 concelleiros/as): 2.400€ mensuais.
  • EU-Son (2 concelleiros/as): 900€ mensuais.
  • BNG (2 concelleiros/as): 900€ mensuais.
  • Somos Maioría (1 concelleiro): 600€ mensuais.

A Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local di que naqueles concellos onde o Pleno así o requira, as formacións políticas con representación deben presentar anualmente as súas contas. Por unha moción de Somos Maioría aprobada por unanimidade no pleno de abril de 2018, así se acordou no Concello de Vilagarcía, se ben aínda non se publicou, tal e como se esixía nesa moción, o balance de ingresos e gastos das formacións políticas. Mentres iso non se faga, Somos Maioría segue facéndoo puntualmente cada mes e achega agora o balance anual correspondente ao exercicio 2018.

Entendemos que ese diñeiro debe volver a quen o achegou, que non é outra que a cidadanía de Vilagarcía de Arousa, e especialmente a aquelas familias que o están pasando peor, polo que se volveu escoller o mesmo destino das outras ocasións para os cartos. É por isto polo que acabamos de devolver a cantidade resultante, 7.023,00€, reintegrada en forma de doazón ao Concello de Vilagarcía de Arousa coa condición de que se destine a aumentar a partida das Axudas de Emerxencia da Concellería de Servizos Sociais. Velaquí tedes os xustificantes da operación:

 

Tras esta transferencia, a conta bancaria presenta un saldo actual de 0€, pero aínda que xa estamos na recta final deste exercicio político, vanse recibir as achegas dos meses de 2019 que entran no vixente mandato e no final do mesmo habemos devolver ata o último céntimo co mesmo destino para seguir así cumprindo o noso compromiso coa cidadanía de Vilagarcía de Arousa de xestionar o diñeiro público con transparencia absoluta e dándolle a un diñeiro que entendemos que está mal destinado, unha función moito máis necesaria.

Vilagarcía de Arousa, 22 de marzo de 2019

CONTAS GRUPO MUNICIPAL 2017 E DOAZÓN A SERVIZOS SOCIAIS

Tal e como fixemos hai un ano, ao pecharse as contas do exercicio anterior, presentamos aquí os nosos números.

A día de hoxe, Somos Maioría Vilagarcía de Arousa pode presumir de ser o único grupo político municipal que presentou as súas contas publicamente e que llas remitiu ao Departamento de Intervención do Concello para que queden convenientemente fiscalizadas.

Así, o pasado día 19 de marzo, realizouse o rexistro do balance anual do exercicio 2017 de maneira telemática e aquí tedes a documentación presentada, así como o xustificante da súa presentación no Rexistro Telemático do Concello:

Por outra parte, tal e como manifestamos previamente e xa fixemos co diñeiro percibido en exercicios anteriores, no Grupo Político Municipal de Somos Maioría Vilagarcía de Arousa (PDDdG), non estamos conformes co feito de que mensualmente os grupos políticos recibamos 7.500€ (PSdG-PSOE: 2.700€; PP: 2.400€; EU-SON: 900€; BNG: 900€ e Somos Maioría: 600€), o que suma un total de 90.000€ anuais, polo que unha vez descontados os gastos de mantemento que nos aplica a entidade bancaria na que temos a conta, decidimos devolverlle ese diñeiro á cidadanía de Vilagarcía de Arousa en forma de doazón ao Concello coa condición de que se destinen os cartos a aumentar as partidas de Emerxencia da Concellería de Servizos Sociais. Para nós, unha vez pechado o exercicio económico anual, ese diñeiro débeselle devolver ao pobo.

Somos Maioría segue defendendo a idea de que cun despacho no Concello, suficientemente equipado para realizar o traballo de atención á veciñanza e non tendo outros gastos eventuais, a nosa asignación debe volver ao Concello e ter un destino moito máis xusto: axudar a cubrir as necesidades da cidadanía.

Por todo isto é polo que, unha vez pechado o exercicio 2017, o día 22 de marzo procedemos a realizar unha transferencia ao Concello, e polo tanto ás cidadás e aos cidadáns de Vilagarcía de Arousa, devolvendo 7.134,20€.

Aquí tedes a documentación xustificativa da operación e do seu rexistro no Concello:

Como podedes ver, Somos Maioría segue sendo transparente e consecuente coas súas decisións, polo que os cartos que non se empregaron devólvense ao Concello pois consideramos que é moi necesario destinalos a aumentar as partidas de emerxencia da Concellería de Servizos Sociais.

 

ESTADO DE CONTAS DO GRUPO MUNICIPAL E NÓMINAS DO CONCELLEIRO

06.VI.2019

Unha vez máis, achegámosvos os documentos correspondentes ás achegas que o Concello de Vilagarcía de Arousa lle realiza mensualmente ao noso Grupo Político Municipal para gastos de mantemento, así como as nóminas que o noso concelleiro percibe en concepto de dietas pola súa participación nas sesións plenarias e nas comisións informativas.

Por razóns que non coñecemos, recibimos a achega correspondente ao mes de marzo pero non a de febreiro, pero como a intención segue sendo devolver ata o último céntimo unha vez pechado o presente mandato, imos proceder á devolución dos 1.200 € existentes a día de hoxe na nosa conta e pechar a mesma.

Polo que respecta ás nóminas do concelleiro de Somos Maioría, Gaspar Somoza, achéganse as dúas últimas, correspondentes aos meses de abril e maio.

Está  a piques de rematar este mandato 2015-2019, e con el o exercicio político de Somos Maioría no Concello de Vilagarcía de Arousa. Para iso, o vindeiro mércores 12 de xuño vai ter lugar un pleno extraordinario no que se procederá á aprobación da última acta do pleno ordinario de maio, polo que aínda se vai achegar a última nómina do noso concelleiro, o único de toda a Corporación Municipal que foi completamente transparente e que fixo públicas durante todo este mandato as súas nóminas.

XUSTIFICANTES ANTERIORES

15.IV.2019

Coma cada mes, achéganse os datos económicos da nómina percibida polo noso concelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas, correspondente nesta ocasión ao mes de marzo pasado.

Así mesmo, achégase tamén o xustificante da transferencia mensual de 600€ que realiza o Concello de Vilagarcía de Arousa para gastos de mantemento do Grupo Político Municipal. Tras a devolución realizada o mes pasado, agora mesmo a nosa conta bancaria presenta un saldo positivo por eses mesmos 600€. Como xa se adiantou, ao peche do presente mandato 2015-2019 realizarase unha nova devolución para pechar a conta bancaria e reintegrarlle á cidadanía de Vilagarcía de Arousa un diñeiro que percibimos como grupo político e co que non estamos de acordo.

11.III.2019

Recibidos os xustificantes da nómina percibida polo noso oncelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas, achégansevos coma cada mes para que poidades comprobar que Somos Maioría, cando fala de transparencia, faino facendo públicos os números do Grupo Político Municipal e do diñeiro que percibe o seu concelleiro.

Nesta ocasión, achégasevos a nómina de febreiro:

Igualmente, como facemos cada mes, subimos a esta páxina o xustificante da achega que o Concello de Vilagarcía de Arousa lle fai ao noso Grupo Político Municipal, que nesta ocasión corresponde ao mes de decembro de 2018.

Con esta achega mensual de 600€ damos por pechado o curso económico 2018, polo que, como levamos facendo desde o comezo do mandato, imos facer unha doazón ao Concello porque entendemos que dita cantidade de diñeiro é desorbitada e segue sendo a nosa vontade que ese diñeiro lle sexa reintegrado a quen o paga cos seus impostos, é dicir, a cidadanía de Vilagarcía de Arousa. Polo tanto, axiña se vai realizar a doazón anual ao Concello.

A día de hoxe, a nosa conta bancaria presenta un saldo positivo de 7.023,00€.

 

05.II.2019

Unha vez recibidos os xustificantes pertinentes, como é costume, publícanse nesta páxina as nóminas das percepcións que recibe o noso concelleiro pola súa asistencia a plenos e comisións informativas. Nesta ocasión as nóminas correspóndense cos meses de decembro de 2018 e de xaneiro de 2019.

Do mesmo xeito, achéganse os xustificantes das dúas últimas achegas percibidas polo Grupo Político Municipal de Somos Maioría (PDDdG) en concepto de gastos de mantemento e que, como xa sabedes, ascenden a 600 € mensuais. Con estas dúas últimas achegas, que se corresponden cos meses de outubro e de novembro de 2018, o saldo actualmente na nosa conta é de 6.423,00€.

20.XII.2018

   Unha vez máis, achéganse os datos polo miúdo da nómina percibida polo noso representante pola súa asistencia a plenos e comisións informativas. Desta volta, a correspondente ao mes de novembro. Igualmente, achégase o documento xustificativo da achega que lle realiza o Concello de Vilagarcía de Arousa ao noso Grupo Político Municipal, que na conta bancaria actualmente presenta un saldo positivo de 4.663,20€.

19.XI.2018

     Coma cada mes, aquí vos deixamos os datos económicos dos ingresos que percibe o noso concelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas.  Neste caso, a nómina corresponde ao mes de outubro:

Volvemos deixar tamén para a vosa información o documento do ingreso que o Concello de Vilagarcía realiza na nosa conta bancaria para os gastos de mantemento do noso Grupo Político Municipal. A día de hoxe, dita conta ofrece un balance positivo de 4.663,20 €, tras a achega do Concello correspondente ao mes de agosto -última polo de agora-, aínda que xa foi subida con anterioride.

 

NÓMINAS E ACHEGAS ANTERIORES

Con algo de atraso esta vez, pero velaquí tedes toda a información económica sobre as achegas municipais que recibe o noso Grupo Político por parte do Concello de Vilagarcía, así como as nóminas que percibe o noso concelleiro en concepto de dietas pola súa asistencia a plenos e comisións informativas.

No tocante ás achegas do Concello ao noso Grupo Político Municipal, (meses de xuño, xullo e agosto) co ingreso das mesmas, a conta bancaria ofrece un balance positivo de 4.663,20 €.

Un mes máis, achéganse as copias correspondentes á nómina que percibiu o noso concelleiro polas dietas que recibe por asistir aos plenos e ás comisións informativas (mes de xullo de 2018) e o documento xustificativo da achega que realiza o Concello de Vilagarcía de Arousa para gastos de mantemento do noso Grupo Político Municipal (maio 2018). Con esta nova achega de 600€, a conta ofrece un balance positivo de 2.863,20€.

Como é costume, achéganse copias das nóminas do noso Concelleiro, en concepto das dietas que percibe pola súa asistencia a plenos e comisións informativas, así como o documento xustificativo da achega mensual do Concello de Vilagarcía de Arousa ao Grupo Político Municipal de Somos Maioría (PDDdG). As nóminas corresponden ás dos meses de maio e de xuño, que por erro non se recibiron con anterioridade.

 

Do mesmo xeito, achéganse os documentos xustificativos do ingreso na nosa conta por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa das achegas mensuais para gastos de mantemento, correspondentes aos meses de marzo e de abril deste presente ano.

A día de hoxe, a conta bancaria presenta un saldo positivo de 2.365,20€

DOCUMENTOS XUSTIFICATIVOS ANTERIORES

Un mes máis, achegámovos copia da nómina do noso Concelleiro, en concepto das dietas percibidas por asistencia a plenos e comisións informativas, así como o documento xustificativo da achega mensual do Concello de Vilagarcía de Arousa ao noso Grupo Político Municipal para gastos de mantemento do mesmo. O saldo actual na conta bancaria ascende a 1.200€.

 

Como é costume, achégase copia da nómina percibida por Gaspar Somoza, Concelleiro de Somos Maioría, en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas, neste caso correspondente ao mes de marzo.

Ademais, deixámosvos aquí tamén a copia do documento xustificativo do ingreso por parte do Concello de Vilagarcía dos 600€ mensuais que o noso grupo municipal percibe para gastos de mantemento correspondentes ao mes de xaneiro do presente ano.

O saldo actual na conta bancaria ascende a 600€, despois da doazón para aumentar as partidas de emerxencia da Concellería de Servizos Sociais que fixemos o mes pasado e coa que se lle devolveron ao Concello os cartos percibidos durante todo o ano anterior.

Coma sempre, deixámosvos aquí a copia da nómina percibida polo noso concelleiro en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas correspondente ao mes de febreiro de 2018. Do mesmo xeito, subimos tamén o xustificante do ingreso que nos fai o Concello de Vilagarcía de Arousa para gastos de mantemento do noso Grupo Político Municipal.

Cómpre destacar que con este último ingreso, correspondente ao mes de decembro de 2017, podemos dar por pechado o exercicio anual, polo que o noso seguinte movemento será realizar unha doazón ao Concello, como xa fixemos o ano pasado, coa cantidade percibida durante todo ese ano, unha vez descontados os gastos de mantemento da conta que puntualmente nos realiza na conta a propia entidade bancaria.

Así, procederemos a reintegrar no Concello, coa condición de que se destine integramente para a Partida de Emerxencias da Concellería de Servizos Sociais, a cantidade de 7.134,20€.

Achéganse, como é costume, a nómina do noso concelleiro (correspondente a xaneiro de 2018) en concepto de dietas por asistencia a plenos e comisións informativas, así como os xustificantes dos ingresos que o Concello de Vilagarcía de Arousa realiza na nosa conta bancaria (meses de outubro e novembro de 2017). Tras estas últimas achegas, o saldo en dita conta ascende a 6.534,20€.

NÓMINAS E ACHEGAS ANTERIORES

Recibidas as dúas últimas nóminas percibidas polo noso concelleiro en concepto de asistencia a plenos e comisións informativas, achegámosvos copia das mesmas, así como do documento xustificativo do último ingreso realizado polo Concello de Vilagarcía de Arousa na conta bancaria do Grupo Municipal, correspondente ao mes de setembro. Despois de dito ingreso e descontados dous cargos feitos pola propia entidade bancaria en concepto de comisión de mantemento (-29.00€) e de administración (-3,00€), a conta presenta un balance positivo de 5.334,20€.

25 N: VILAGARCÍA EN NEGRO

Desde Somos Maioría Vilagarcía de Arousa animámosvos a todas e a todos a participar nos distintos actos que se van celebrar arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e especialmente na andaina e na lectura do manifesto elaborado polo Consello Local da Muller, que van ter lugar o venres 24 diante do Concello.

MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

25 de Novembro

Un ano máis, o Concello de Vilagarcía súmase ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, e ratifica o seu firme compromiso de rexeitamento da violencia contra as mulleres á vez que reitera a obriga de traballar ata conseguir a súa erradicación. Temos a convición de que a tolerancia cero coa violencia machista e patriarcal debe ser un valor e como tal, defendido pola sociedade no seu conxunto.

Máis de 909 mulleres foron asasinadas en España, 57 en Galicia, polas súas parellas ou ex parellas desde o ano 2003, data que marca o inicio da recollida de datos oficiais. A violencia machista é unha violencia que se dirixe contra as mulleres polo feito de selo baseada nun sistema de relación de dominación e desigualdade dos homes sobre as mulleres.

É unha forma de terrorismo ao que a cidadanía debería responder e non permanecer impasibles. É unha terrible lacra social á que todos habemos de facer fronte.

No día de hoxe, e dende aquí, defendemos a igualdade entre mulleres e homes como principio fundamental. O noso compromiso contra a violencia machista é firme.

Unha sociedade moderna esixe avanzar cara a modelos de convivencia que garantan a seguridade e liberdade das mulleres, que garanta unha resposta rápida e efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas.

A violencia machista é unha cuestión de Estado que non só afecta á metade da poboación e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes, e por tanto, para a súa erradicación deben comprometerse todos os recursos que sexan necesarios.

Este ano perdemos a gran oportunidade de asinar un Gran Pacto de Estado contra as violencias machistas, o texto aprobado, onde se recollen medidas no ámbito xudicial e policial, no deporte, na educación, na sanidade, no ámbito da empresa, da cultura e da publicidade e máis medidas de protección aos menores vítimas de violencia machista, é un avance pero aínda queda moito máis por facer. O Pacto de Estado carente dun enfoque feminista, é un acordo de mínimos, precisa de recursos para garantir o seu cumprimento e prazos que garantan a súa execución, polo tanto non podemos máis que seguir a demandar máis e mellores recursos para loitar contra esta lacra.

En primeiro lugar, hai que repoñer e dotar suficientemente as partidas orzamentarias e por obxectivos que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia integral das vítimas de violencia machista, dependentes tanto das Comunidades Autónomas como dos Concellos. Entendemos que é necesario crear un fondo específico de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os Centros de Información á Muller.

En segundo lugar hai que dotar de recursos suficientes para garantir a eficacia da Administración de Xustiza. Todos os estudos indícannos que as denuncias por violencia de xénero non aumentan. Apenas chegan ao 30% polo que o 70% queda impune. Hai que loitar contra esta impunidade para que as mulleres non sexan novamente agredidas pola violencia institucional por parte dun poder xudicial androcéntrico e patriarcal. Necesitamos poder confiar na Xustiza. Hoxe aproveitamos para subliñar a necesidade de poñer en marcha nos Xulgados Especializados en Violencia de Xénero o Acompañamento Xudicial Personalizado.

Cada denuncia retirada é un éxito dos agresores na súa estratexia do medo, da coacción, da ameaza. Por iso é necesario máis formación e información do persoal da Administración de Xustiza.

Sabemos que existen carencias na percepción do risco e nos informes psicosociais e que existe unha revitimización das mulleres polo que é necesaria a obrigatoriedade de formación específica na materia, tanto dos maxistrados á fronte de órgano xurisdicional especializado, como de avogados, forenses e equipos psicosociais que interveñan nos Xulgados especializados de violencia de xénero.

A educación é outra das nosas preocupacións. Si non rompemos os ciclos, a violencia machista pasará de xeración en xeración por isto é absolutamente necesario incorporar ao currículo en todas as etapas educativas a formación específica en Igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero.

Estamos convencidas de que é o momento de ampliar a Lei Integral contra a violencia de xénero de maneira que estean recollidas nela todas as manifestacións de violencia machista e non exclusivamente as que se producen en relacións de parella como ocorre neste momento, incluíndo tamén aquelas manifestacións de violencia fora do ámbito das relacións de parella e as exercidas contra os fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia.

Un bo exemplo desta diferenza sobre o concepto de vítima percíbese nas estatísticas publicadas sobre o número de casos de violencia: 40 segundo os datos oficiais e 84 segundo estatísticas de organismos independentes, que inclúen a todas as mulleres vítimas da violencia, exercida ou non, dentro da parella, así coma ós seus fillos e fillas.

Para rematar, e tristemente un ano máis, queremos recordar a todas e cada unha das vítimas mortais da violencia machista. Mulleres, nenos e nenas con nomes e apelidos, cunha vida por diante que foi truncada por unha violencia cruel exercida por homes que ás consideraron un obxecto da súa propiedade e que polo tanto dispuxeron da súa vida ao seu antollo. Por isto gritamos ¡basta xa! O terrorismo machista é unha cuestión de todas e de todos.